DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de innovación que abrangueu cinco materias da modalidade virtual do grao

Estudantes de Dirección e Xestión Pública abordan os desafíos da intelixencia artificial no ámbito político e universitario

Unha web reúne os resultados da súa análise e os materiais xerados

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 30/04/2026

Ao longo deste cuadrimestre, estudantes de cinco materias da modalidade virtual do Grao en Dirección e Xestión Pública traballaron conxuntamente nun proxecto de innovación docente centrado nos desafíos e oportunidades da intelixencia artificial en dous ámbitos directamente conectados coa súa formación, o da educación universitaria e o político e institucional. Coordinada polo profesor Xosé Mahou, esta iniciativa completouse coa elaboración de dúas guías de uso ético, das que xurdiron á súa vez unha serie de materiais divulgativos, como infografías ou vídeos, reunidas na web presentada na tarde deste mércores, nun acto virtual inserido na Semana DXP. 

Coincidindo coa festividade do centro, a facultade promoveu nos últimos dous anos un acto de presentación dos resultados das iniciativas de innovación docente desenvolvidas por estudantes de varias materias do grao. Nas edicións previas, a actividade deu lugar a exposicións sobre Hannah Arendt e San Martiño de Dumio, substituídas desta volta por un acto desenvolvido de xeito virtual, a través de Campus Remoto. Non en van, tratábase dun traballo realizado por estudantes de tres cursos diferentes da modalidade virtual do grao, o que constituíu “todo un reto”, recoñece Mahou. O “obxectivo estratéxico” deste proxecto, sinala, “era que traballaran en equipo e fixeran comunidade”, mentres que desde o punto de vista académico, o propósito desta actividade era “traballar en torno aos desafíos da intelixencia artificial, tanto no ámbito político como no universitario”. Coa participación dos docentes Vitoria Canoura, Ignacio Fernández, Fernando Martínez e Ángela Fernández, tratouse dunha iniciativa na que traballou conxuntamente o alumnado das materias Ciencia Política, Xestión da Documentación Pública, Políticas Públicas, Habilidades das Administracións Públicas e Dirección Pública dos Gobernos Locais.

O resultado deste proceso foron dúas guías que poñen de relevo como a intelixencia artificial “intégrase como un elemento estrutural que mellora a eficiencia pública”, pero que á súa vez “formula dilemas éticos e democráticos”, como sinalan na web do proxecto. “Mentres que na política redefine a gobernanza, na universidade esixe unha transformación pedagóxica centrada no pensamento crítico e a ética”, destacan as e os responsables desta iniciativa, que traballaron en diferentes grupos no deseño de materiais que logo foron postos en común e que se centraron “en dous ámbitos fundamentais para as nosas carreiras, o político e institucional e o académico”. Concibidos como “recursos prácticos que fomenten un uso ético e responsable da tecnoloxía”, entre as propostas realizadas atópase unha análise de diferentes ferramentas de intelixencia artificial xerativa e das súas posibilidades no eido educativo, un “mapa de riscos” desta tecnoloxía no eido político ou un vídeo no que presenta un conxunto de recomendacións para o uso ético das ferramentas de intelixencia artificial xerativa.

Xunto a esta presentación, a conmemoración da Semana DXP completouse este xoves coas Olimpíadas DXP, unha xornada de probas deportivas nas que participa o alumnado e profesorado da facultade.