O Pazo Provincial acolleu unha competición que tivo como temática o aumento do gasto militar
Estudantes de Dirección e Xestión Pública e de catro institutos poñen a proba a súa capacidade de oratoria nun torneo de debate
A vitoria foi para un dos equipos da facultade
Estudantado de ESO, bacharelato e universitario puxo a proba este martes as súas capacidades de oratoria e argumentación na fase final do Club de Debate DXP, que tivo como sede o Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra. A pregunta de se España debería ou non aumentar o seu gasto militar ata o 5% do PIB foi o eixe temático das diferentes roldas desta competición promovida pola Facultade de Dirección e Xestión Pública, na que aos equipos lles correspondía por sorteo defender unha postura favorable ou contraria a esta idea. Nacida como un proxecto de innovación docente, esta actividade alcanzou na súa cuarta edición o seu maior número de participantes, con seis equipos de diferentes niveis educativos, de entre os que o xurado seleccionou un dos representantes da facultade como gañador final.
Nomeadamente, nesta edición competiu tanto un equipo de primeiro curso do Grao en Dirección e Xestión Pública como outro de terceiro, xunto a estudantes de 4º da ESO do IES A Xunqueira II, alumnado de 1º de Bacharelato do colexio Los Sauces, estudantes do segundo ciclo da ESO do colexio La Esperanza, de Vigo, e estudantado tamén de 4º da ESO do colexio Santiago Apóstol, de Soutomaior. De aí que o decano, Enrique Varela, definise esta actividade como “unha especie de torneo interxeracional”, na súa apertura no salón de plenos do Pazo Provincial, na que estivo acompañado polo vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez. Varela lembrou que a capacidade de “debater, argumentar, defender e refutar” é algo que forma parte “da vida cotiá”, o que levou a lembrar ao alumnado que “o importante non é gañar, senón aprender”, mentres que Domínguez puxo de relevo o valor da capacidade de argumentación en múltiples eidos.
Tres roldas de competición
Coordinada polo profesor Ignacio Fernández, esta final do Club de Debate DXP abriuse cunha primeira rolda que enfrontou, por unha banda, aos equipos de Los Sauces e Santiago Apóstol e, por outra, ao estudantado de La Esperanza e A Xunqueira II. Estes primeiros debates leváronse a cabo de xeito simultáneo no salón de plenos e nunha sala anexa, como aconteceu tamén coas semifinais do torneo, ás que se sumaban os dous equipos da facultade, que xa se mediran previamente nun debate no centro.
As vitorias de Los Sauces e La Esperanza levaron aos equipos destes dous centros a medirse nas semifinais co alumnado de primeiro e terceiro de Dirección e Xestión Pública, respectivamente. Nos dous casos, o alumnado da facultade logrou o pase á final, na que a vitoria foi para o equipo de terceiro curso, ao que lle correspondeu defender a postura contraria ao aumento do gasto militar.
En todas as roldas, a proposta temática desta edición levaba a que un dos equipos argumentase que “elevar o gasto militar ao 5% permitiría reforzar a autonomía estratéxica de España, mellorar a súa capacidade de defensa ante ameazas híbridas e fortalecer a súa credibilidade internacional no marco da OTAN”; mentres que o outro incidía en como ese aumento “podería supor unha desviación de recursos fundamentais para os servizos públicos, fomentar dinámicas de militarización e limitar a capacidade de acción política”, explicou Fernández.
Para pór a proba as súas capacidades argumentativas, os debates estruturábanse en catro roldas de intervención, tras os que eran avaliados por uns xurados compostos polos profesores Ángeles Fernández, Fernando Martínez, Sara Torres e Bruno Fernández, así como por docentes dos institutos participantes. Este tribunal debía ter en consideración aspectos como a calidade da exposición argumentativa, o uso de evidencias contrastadas, a exposición clara e ordenada, o respecto polas quendas de palabra e a correcta utilización do tempo asignado.
A edición con maior participación
Nacido en 2023 a raíz dunha experiencia de innovación docente que conectaba diferentes materias do grao, este Club de Debate DXP naceu co propósito de enfrontar o alumnado do grao á preparación e desenvolvemento dun debate. Na súa segunda edición, esta iniciativa abriuse aos centros de ensino secundario e xa o ano pasado, contou por primeira vez con carácter competitivo. Este formato de torneo mantívose neste 2026, no que a iniciativa ampliou o seu número de equipos. Antes deste torneo final, esta iniciativa abrangueu o desenvolvemento de actividades preparatorias nos diferentes centros, “orientadas ao adestramento en habilidades de argumentación, pensamento crítico e oratoria”, apuntou Fernández.
