DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, a súa fase final tivo lugar no Parlamento de Galicia

Estudantes de Dirección e Xestión Pública, subcampións da competición de debate Parlamento Xove

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 18/05/2021

Un equipo integrado por catro estudantes do Grao en Dirección e Xestión Pública, Alba Expósito, Samuel Fernández, Sara Couso e Pablo Abelleira, proclamáronse subcampións da competición de debate Parlamento Xove, promovida pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta, coa colaboración do Parlamento de Galicia. Dirixida a potenciar entre o estudantado habilidades como a capacidade de selección de información, a expresión oral e escrita, a argumentación razoada ou o traballo en equipo, nesta competición participaron, nas súas categorías de ESO, bacharelato e universidades, un total de 86 estudantes, divididos en 24 equipos. No caso da modalidade universitaria, o triunfo foi para o equipo da Universidade de Santiago de Compostela, que superou na final aos estudantes do campus pontevedrés, únicos representantes da UVigo nesta competición.

Previamente, o alumnado de Dirección e Xestión Pública superou ao equipo da Universidade da Coruña nas semifinais desta categoría, que se desenvolveron, ao igual que a final, na sede do Parlamento de Galicia o pasado sábado. Nesta actividade, os diferentes equipos debían investigar e debater sobre a temática proposta, que nesta edición foi se debería ou non limitarse legalmente o uso das pantallas entre as persoas máis novas, debendo argumentar a favor ou en contra da cuestión, segundo a posición que lles correspondese no sorteo que se celebraba cinco minutos antes do inicio do debate.