DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na ‘idea-jam’ que o proxecto HEI4Future promove este venres na Casa das Campás

Estudantes e emprendedores idean conxuntamente novos servizos dirixidos a persoas maiores

Ao longo da xornada, os participantes traballan en grupos no desenvolvemento de ideas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 04/11/2022

Aberto tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía, a Casa das Campás acolle este venres unha Idea-Jam de Silver Economy, un evento que buscaba reunir estudantes, emprendedores e representantes de diferentes entidades co obxectivo de que traballasen conxuntamente no deseño de novos produtos e servizos centrados nas necesidades das persoas maiores. Inserido nas actividades do proxecto europeo HEI4Future, que coordina a Universidade de Vigo, o propósito desta xornada, segundo sinalan os seus organizadores, é a de “usar o deseño, o pensamento creativo e a tecnoloxía para construír novas ideas, produtos ou servizos relacionados coa economía prateada e a saúde e necesidades de mobilidade dos maiores”.

Aberto a un máximo de 25 persoas, o encontro desenvólvese ao longo da xornada na Casa das Campás e está coordinado por Pablo Osorio e Dani Diéguez, quen “dunha maneira lúdica e divertida” guían ás persoas participantes nas dinámicas de xeración de ideas, deseño e validación dos prototipos e de presentación final dos proxectos, valéndose da metodoloxía do Design Thinking. “Os participantes traballan en grupo ao redor das ideas que van xurdindo”, sinalan desde a organización dun encontro que, co propósito de pór o foco na temática da “economía prateada” e nas necesidades das persoas maiores de 50 anos, contou coas intervencións de representantes da Cátedra de Idadismo impulsada pola UVigo, Afaga e Atendo; do grupo de investigación HealthyFit, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte; da empresa Saraiva e de Cruz Vermella. Por outra banda, esta xornada de traballo vese complementada á súa vez coas conexións virtuais que as e os participantes manteñen co Senior Innovation Lab da Universidade de Santiago de Compostela, que ao longo desta xornada desenvolve este mesmo reto no marco do proxecto InventHEI.

Esta Idea-Jam constitúe unha das primeiras actividades impulsadas ao abeiro do proxecto HEI4Future, financiado con 1,2 millóns de euros polo Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía EIT. Liderado polo profesor da Facultade de Comercio Pablo Cabanelas, quen participou na participación deste encontro, neste proxecto participan institucións de sete países europeos e ten como obxectivo o deseño de novas estratexias que axuden a converter as capacidades tecnolóxicas que xorden nas institucións de ensino superior en novos produtos e servizos que contribúan ao avance social. 

A mobilidade inclusiva, o seguinte reto

Tras esta Idea-Jam, a seguinte actividade do programa HEI4Future porá o foco na mobilidade inclusiva. Trátase de 3 Days 4 Future, “un evento transformador centrado no desenvolvemento de ideas de negocio e a creación de comunidades de emprendedores”, que se desenvolverá entre o venres 18 de novembro e o domingo 20 nas instalacións do Consorcio Zona Franca de Vigo. Organizado coa colaboración de High Tech Auto, o obxectivo desta iniciativa é buscar “propostas que permitan facer máis inclusiva a cidade grazas a ideas innovadoras e integradoras en mobilidade”, que se desenvolvan ao longo dunha fin de semana de actividades dirixidas a apoiar aos emprendedores “na fase inicial do seu percorrido desde a idea ata a xeración de novos produtos e servizos”.