DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita será no Museo da Evolución Humana de Burgos o vindeiro 6 de xuño

Estudantes de enxeñaría clasifícanse para participar na final do maior desafío de robótica educativa do país

Acudirán á competición cun robot ao que bautizaron como AdaLove, en honra á matemática Ada Lovelace

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Premios
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 30/03/2020

Un equipo de cinco alumnos e unha alumna da Universidade de Vigo, integrantes da rama de estudantes do IEEE, Institute of Electrical and Electronics Engineers, acaba de clasificarse para participar na final do maior desafío de robótica educativa do país, a categoría superior do ASTI Challenge 2020, unha cita na que participaron máis de 120 equipos procedentes de toda España. A final estaba prevista para o pasado sábado 28 de marzo no Museo da Evolución Humana de Burgos, pero, debido á situación excepcional causada polo brote e expansión da COVID-19, decidiu posporse ata o vindeiro 6 de xuño.

“Chegar á final desta competición supón para nós unha grande oportunidade para dar a coñecer a rama de estudantes do IEEE e demostrar que o traballo en equipo e o interese en aprender cousas novas son un dos factores máis importantes na enxeñaría”, explican os integrantes do equipo GCode Robotics, integrado por catro estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación –Elena Rodríguez, Mateo González, Miguel Salvatierra e Fernando Flores- e dous da Escola de Enxeñería Industrial –Ánxel Fragueiro e Diego Castillo-.

Un prototipo de robot deseñado e fabricado con impresión 3D

Para participar na competición crearon un prototipo de robot ao que bautizaron como AdaLove,  en homenaxe á matemática Ada Lovelace, considerada a primeira programadora da historia. “Para o seu desenvolvemento deseñamos e fabricamos o chasis con impresión 3D, conectamos os sinais entre si grazas ao deseño de circuítos impresos e programamos o vehículo para que puidese competir en distintas contornas”, explican os alumnos, ao que engaden que AdaLove é un robot capaz de orientarse, moverse e comunicarse de forma autónoma. É capaz de enfrontarse a retos tales como resolver un labirinto, enfrontarse en sumo, lanzar bolos, recoller cargas, moverse por unha cuadrícula no chan ou mesmo aparcar, “e todo isto de forma autónoma”.

Antes de ser seleccionados para a final pasaron por catro fases previas de temáticas variadas nas que o xurado valorou a planificación e a capacidade de orzamentar o proxecto, o deseño do prototipo en todos os seus aspectos e a creación dun algoritmo en Python para a orientación autónoma dun robot en simulación. “Comezamos o deseño inicial de AdaLove o pasado mes de decembro e a partir dese momento tivemos que ir cumprindo as diferentes fases previstas pola organización”, explican os alumnos.

IEEE, unha asociación internacional con forte presenza na UVigo

O IEEE, Institute of Electrical and Electronics Engineers -Instituto de Enxeñeiros Eléctricos e Electrónicos-, é unha asociación internacional sen ánimo de lucro na que se agrupan 420.000 enxeñeiros, científicos, técnicos e profesionais de máis de 160 países. O profesor da Departamento de Tecnoloxía Electrónica da Universidade de Vigo Alfonso Lago forma parte da directiva da súa Sección Española, onde foi vicepresidente durante o bienio 2018-2019 e, ademais disto, a asociación conta tamén desde hai anos cunha rama estudantil propia na UVigo, da que forman parte estes seis estudantes que agora acaba de clasificarse para a final do Asti Challenge.

Con local propio na Escola de Enxeñería Industrial e na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, desde a súa creación, a mediados de 2016, este grupo de estudantes ten realizado distintos tipos de actividades, tales como, talleres de aprendizaxe na Universidade e na área oncolóxica don Hospital Álvaro Cunqueiro ou a fabricación duns pequenos robots con chasis fabricados cunha impresora 3D.

Actualmente están traballando en proxectos tales como a preparación para competicións online de Intelixencia Artificial ou a fabricación dun brazo robótico.