DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con máis de 1400 inscritos a nivel mundial, só pasaron de fase catro equipos españois

Estudantes de Enxeñaría de Telecomunicación son seleccionados para participar nunha competición internacional de Intelixencia Artificial

O seu proxecto busca mellorar a comunicación das persoas con mobilidade moi reducida

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 09/04/2021

Comezou como un traballo de clase para a materia LPRO  (Laboratorio de Proxectos) e converteuse nun dos catro traballos españois seleccionados para participar na Open AI Competition 2021, unha competición patrocinada por Microsoft, Intel e OpenCV na que se busca o desenvolvemento de proxectos de Intelixencia Artificial que poidan axudar aos diferentes Obxectivos do Desenvolvemento Sustentable (ODS) propostos polas Nacións Unidas para 2030, entre eles o avance da tecnoloxía para o benestar do ser humano. Nesta edición inscribíronse máis de 1400 equipos a nivel mundial, dos que a organización seleccionou para pasar de fase 250, entre eles aidTalk-EET UVigo, un proxecto creado por catro alumnos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación co que se busca mellorar, a través da mirada, a comunicación das persoas que teñen a súa mobilidade extremadamente reducida e grandes dependentes. 

Detrás de aidTalk-EET UVigo están os alumnos Eduardo Rodríguez, José González-Solla, Pablo Fernández e Alfredo González, titorizados polos profesores Francisco Javier Diaz e José María Pousada. “A nosa idea foi crear un sistema de comunicación texto a voz controlado coa mirada a un custe reducido, xa que as solucións que hai no mercado actualmente ou son caras ou teñen un hardware moi limitado”, explica Alfredo González, quen recoñece que na mente de todos eles estaba ACAT, o sistema empregado polo falecido Stephen Hawking, “aínda que o funcionamento do noso sistema é moi diferente a funcionalidade que buscamos é similar”.

Solución “versátil, accesible e de baixo custe” 

Cando comezaron a traballar a idea puxéronse en contacto con Intel, xa que esta empresa fabrica uns procesadores específicos para sistemas de intelixencia artificial e redes neuronais, os Myriad X, que resultaban axeitados para o tipo de sistema que eles tiñan en mente, pero que non podían adquirir por cuestións orzamentarias, así como coa empresa Luxonis que fabrica cámaras específicas para este tipo de aplicacións. “Queriamos pedirlle a súa colaboración, pero, non só logramos iso, senón que cando lle explicamos o noso proxecto os integrantes Luxonis decidiron incluírnos nesta competición”, explica o alumno. Finalmente, foron seleccionados para pasar de fase e dos 1400 equipos inscritos inicialmente en todo o mundo quedan 250, só catro deles españois. “Que nos escolleran entre tantos equipos é un enorme orgullo”, explican os alumnos, subliñando o feito de que “persoas tan importantes che digan que lles gusta o teu proxecto, que merecemos unha oportunidade, é moi motivador e reafirma a nosa confianza neste traballo”. Por outra banda, tamén recoñecen que se trata dunha “presión adicional”, xa que fai que haxa moitas máis expectativas, tanto externas como internas, postas no equipo.

O obxectivo é alcanzar unha solución “versátil, accesible e de baixo custe, pondo o enfoque social por diante do comercial”, tratando de achegar unha solución ao mercado que na actualidade “está moi limitado por características técnicas ou dependen de equipos extremadamente caros”.

Material técnico de balde para poder desenvolver o proxecto

Como premio por pasar de fase recibiron o material técnico que precisaban para a posta en marcha do proxecto: dous equipos Luxonis OAK-D, “que son uns sistemas de cámaras cun procesador embebido deseñados especificamente para aplicacións de visión por computador”, así como diferentes recursos técnicos e documentais provistos por Microsoft, Intel e OpenCV.

Para a posta en marcha deste novo sistema, aidTalk-EET UVigo, deseñaron catro áreas de traballo. Actualmente teñen unha primeira aproximación ao prototipo en tres das catro e, de xeito simultáneo, traballan xa na cuarta área, así como na integración do sistema completo para obter o primeiro prototipo funcional. A competición finaliza o vindeiro 11 de xullo, pero antes teñen outra meta prioritaria: os LPRO Days, previstos para mediados de maio, a cita na que o alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación que está a piques de titularse amosa ante o sector empresarial os seus proxectos. “A nosa idea é poder ensinar xa neste encontro un primeiro prototipo”, explica o estudante, ao que engade que aproveitarán o prazo que hai entre os LPRO Days e a data final da Open CV AI Competition 2021 non só para pulir o prototipo, senón tamén para engadir funcións que o completen.

Optan aos premios aos tres mellores proxectos de cada rexión -6 rexións a nivel mundial-  de 5000, 3000 e 2000 euros, ademais de a outros 2000 euros ao proxecto máis popular da rexión, por votación de todos os competidores. Despois, os gañadores de cada rexión competirán a nivel global optando a tres premios de 20.000, 10.000 e 5.000 euros, respectivamente. En total durante a competición repartiranse 400.000 euros, incluíndo os premios e o material repartido entre os equipos.

A nova foi acollida con ledicia na EET

A nova de que este equipo foi seleccionado para participar na Open AI Competition 2021 non deixou indiferente a ninguén na escola e, tal e como subliña a nova directora, Rebeca Díaz, “reflicte a boa formación que se lles dá ao noso alumnado: unha formación aplicada e interdisciplinar, que está á vangarda nas tecnoloxía TIC”. Especialmente orgulloso está tamén o profesor Manuel Caeiro, coordinador da materia LPRO e dos LPRO Days, quen fai fincapé en que un dos obxectivos básicos desta materia é promover que o alumnado teña este tipo de iniciativas, xa que lles permiten promover competencias moi relevantes no ámbito da enxeñaría da telecomunicación e, por outra banda, supón unha importante fonte de motivación para eles.

“O noso punto de partida sempre é que traballen con problemas reais, a ser posible próximos, para que poidan investigar sobre as necesidades concretas dos usuarios e procurar solucións axustadas ás mesmas”, subliña Caeiro, para quen, “isto é algo que como enxeñeiros temos que facer sempre ao longo da nosa vida e do cal depende en moita medida o éxito ou o fracaso do que facemos. Despois está o traballo técnico no desenvolvemento de solucións, pero se no paso anterior non nos enfocamos ben, de pouco serve que despois fagamos unha solución marabillosa desde un punto de vista técnico”, recalca o coordinador da materia.

En canto a aidTalk-EET UVigo, Caeiro considera que o uso e adaptación de tecnoloxías de código aberto (open source) que formulan estes alumnos pode supoñer un avance enorme cara a provisión de solucións máis accesibles economicamente. “É moi interesante. Agardo que nos poidan sorprender a mediados de maio cando fagamos os LPRO Days cun prototipo que permita algunha comunicación con xestos mínimos, como o movemento de ollos, e que tamén nos poidan amosar cal pode ser o futuro destes sistemas nos próximos anos”, recalca o docente.