DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun proxecto sobre un sistema de carga de baterías portátiles con enerxías renovables

Estudantes da Escola de Enxeñería Industrial gañan o primeiro premio no concurso EDP University Challenge 2018

A Universidade de Vigo concorreu ao certame con dúas iniciativas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Mº del Carmen Echevarría DUVI 19/10/2018

Iago Álvarez, Gelo Cubreiro, Alberto Goitia e Carlos Guitián. Estes son os catro estudantes do Máster de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo, que baixo a supervisión dos profesores da Escola de Enxeñería Industrial Itziar Goicoechea e Camilo Carillo, desenvolveron o proxecto Sistemas de carga de baterías portátiles con enerxías renovables, gañador do primeiro premio no concurso EDP University Challenge 2018. O equipo da Universidade de Vigo foi quen de situarse, de entre un total de máis de 70 participantes, entre os 15 grupos seleccionados na semifinal do certame nacional e u unha vez superada esta fase, impoñerse aos outros catro finalistas, acadando así unha bolsa de estudos por importe de 6000 euros, á que se engade outra de investigación de 3000 euros para o docente encargado de dirixir o proxecto.

“Estamos moi contentos e orgullos porque pasamos moitas horas e traballamos moi duro, perdendo horas de sono e chegar á fase final de Madrid xa foi unha sorpresa”, asegura Carlos Guitián desde Florencia, onde onte recibiu a noticia, a través dos seus compañeiros Iago e Gelo, de que gañaran o primeiro premio desde concurso, que ten o obxectivo de animar á comunidade universitaria a aplicar os seus coñecementos académico ao desenvolvemento dun tema ou proxectou a áreas como a enxeñaría, o márketing, a administración e a dirección de empresas. “Cando nos chegou a noticia de que gañáramos non nolo críamos, nin eu, nin Alberto, que tampouco puido viaxar a Madrid”, explica Carlos, que lembra que os catro integrantes do equipo gañador se coñecen desde que empezaran a estudar o Grao en Tecnoloxías Industriais, “e sabemos como é traballar xuntos, nun ambiente entre amigos e ao tempo máis profesional”.

Na décima edición dos premios que EDP convoca en España, aos que suman os que organiza en Portugal, Brasil e Polonia, a Universidade de Vigo estivo representada por outro equipo da Escola de Enxeñaría Industrial formado por Pablo Malvido, Elia Fernández, Óscar Abelairas e Marcos Troncoso cun proxecto titulado Ximnasio autosostible para parques ao aire libre, titorizado polo docente Eloy Díaz. 

Unha idea orixinal e realizable

 Aínda emocionada por compartir onte en Madrid a entrega do premio con Iago Álvarez e Gelo Cubreiro, a docente Itziar Goicoechea lembra que foi ela a que animou aos gañadores do concurso EDP University Challenge 2018 a presentarse. “Competiron con traballos elaborados durante anos, teses de doutoramento e proxectos con financiamento europeo. E nós non tiñamos un duro, aínda que a Escola e a Vicerreitoría de Estudante nos axudou a pagar o desprazamentos dos alumnos a Madrid”, explica. A profesora do máster asegura que aínda que non tiñan ningunha expectativa de gañar, “a idea dos estudantes chegoulle á empresa e foi moi emocionante ver como grandes cargos directivos de EDP, persoas de 60 anos, traxeadas, felicitaban aos nosos estudantes dicíndolles que a súa idea era a mellor”.

O equipo gañador do certame convocado por EDP presentou un proxecto para substituír os grupos electróxenos, normalmente utilizados en eventos que se celebran no exterior, por sistemas de baterías móbiles, que se cargarían en instalacións alimentadas con enerxía renovables. “A idea xurdiu deles e tanto eu, como o profesor Eloy Díaz, o que fixemos foi reorientalos e darlles asesoramento técnico, abríndolles ademais un pouco a mente para que o proxecto tivese máis utilidade”, explica Camilo Carrilo, docente da Escola de Enxeñería Industrial e titor do proxecto xunto a Eloy Díaz. Para Carillo, que se trate dun proxecto realizable resulto clave para que os seus alumnos gañasen o concurso, “o proxecto é unha utilización de enerxías renovables que non se facía ata hoxe e aínda que non hai un prototipo desenvolvido, é realizable”, asegura.

Aprendizaxe teórica, aplicable no día a día 

Para os gañadores do EDP University Challenge 2018, o seu proxecto é unha clara utilización dos conceptos aprendidos ao longo dos anos, primeiro no grao e logo no mestrado. “Parece que estudar unha carreira, como está ao alcance de case todo mundo, quítalle mérito, pero é todo o contrario, porque a teoría que aprendemos, aplicámola logo ás cousas cotiás”, explica Carlos Guitián. Unha idea que comparten Itziar Goicoechea e Camilo Carrillo, que destacan o traballo que realiza a Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, de onde saen ideas compatibles coa empresa e que encaixan en moitos sectores, como neste caso no eléctrico. “A escola sempre potencia calquera tipo de relación coa empresas ás que transfire os coñecementos que aquí se xeran”, explica a docente, que tamén destaca o papel desenvolvido polo outro grupo de estudantes que representou á Universidade de Vigo no concurso.