DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de Aprendizaxe-Servizo coordinado pola profesora Marta Pérez

Estudantes do Grao en Educación Primaria forman ao alumnado de Down Vigo en matemáticas aplicadas á súa vida diaria

Busca achegarlles habilidades básicas de cálculo a través de actividades lúdicas 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 12/11/2021

Contribuír a que, a través de diferentes actividades de carácter lúdico, oito mozos e mozas con síndrome de Down adquiran habilidades básicas de cálculo matemático que poidan serlles de utilidade na súa vida diaria. Ese é o obxectivo central do proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS) que, baixo a coordinación da profesora Marta Pérez, preto de 30 estudantes do Grao en Educación Primaria desenvolven nestas semanas coa asociación Down Vigo. MatIncl. Matemáticas Inclusivas é o título dunha iniciativa na que as e os estudantes de Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte deseñan e poñen en práctica unha serie de actividades dirixidas a promover “unha aprendizaxe significativa e, sobre todo, funcional”, centrada nunha serie de operacións matemáticas “que están moi presentes na súa vida diaria, desde para facer a compra ata a contratación dun servizo”, salienta Pérez.

Seleccionado na convocatoria de innovación educativa en ApS impulsada pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación MatIncl é un proxecto dirixido a “mellorar a educación de persoas con diversidade intelectual, contribuíndo a que teñan habilidades básicas de cálculo”, explica Pérez. Trátase, de feito, do terceiro curso consecutivo no que o alumnado da materia Recursos para o ensino das matemáticas desenvolve, xunto con Down Vigo, unha actividade dirixida aos e ás participantes no programa Alida desta asociación, que ten como obxectivo promover a inclusión social e laboral das persoas con síndrome de Down e diversidade intelectual.

Actividades lúdicas que desenvolver conxuntamente

Como apunta Pérez, esta é unha actividade que o estudantado universitario afronta cada ano “con ilusión e medo”, dado que o traballo co alumnado do programa Alida implica “adaptar a metodoloxía e os obxectivos”, pero que logo conclúen “moi satisfeitos, vendo como hai unha evolución”. Divididos en diferentes grupos, aos que se incorpora un estudante do programa Alida, levan a cabo unha serie de xogos e actividades “nas que apioámonos moito en accións e situacións concretas”, co propósito de que contribúan á adquisición de “destrezas e habilidades matemáticas básicas para economía doméstica”. Trátase ademais de xogos nos que participan todos os membros do grupo, nese obxectivo de fomentar “unha inclusión real” e que se levan a cabo nas cinco sesións de traballo que abrangue este proxecto. Previamente, como explica a responsable do grupo de innovación docente MaReMa (Materiais e Recursos en Matemáticas), as e os participantes obtiveron información “sobre as habilidades e destrezas que ten cada estudante do programa Alida” a través dun cuestionario, para logo compartir na facultade “unha primeira sesión para coñecerse” e a partir de aí propoñendo diferentes propostas ao longo das sesións dun proxecto que se pecha neste mes de novembro cunha actividade práctica final, consistente en acudir a un supermercado a facer a compra.  

Axudar á inclusión, promover a inclusión 

Como explica Pérez, aínda que aos e ás universitarios participantes se lles achegan unha serie de pautas e orientacións, búscase "que teñan liberdade” á hora de desenvolver as actividades, “porque vai ser o que teñan que facer o día de mañá nas aulas, nas que moi probablemente van ter nalgún momento algún alumno e alumna con diversidade funcional”. Nese senso, este proxecto permítelles “adquirir habilidades e competencias profesionais”, á vez que afondar “nas dificultades” que pode implicar a aprendizaxe das matemáticas. Pero, máis aló disto, trátase dunha iniciativa cun “efecto transmisor moi importante”, que busca facer dos futuros e futuras docentes “promotores da educación para a inclusión social e laboral das persoas con diversidade intelectual”.  

“Nunha sociedade de continuo avance, seguímonos atopando con numerosas barreiras no plano da educación inclusiva, sobre todo no relacionado coa falta de alternativas formativas para persoas con síndrome de Down e diversidade intelectual unha vez finalizan a educación obrigatoria”, subliñan nese senso Miguel Estévez e Antía Vaamonde, responsables de formación de Down Vigo. De aí que poñan de relevo que “unha parte moi importante deste tipo de colaboracións” é precisamente a sensibilización dos “futuros docentes cos que compartimos clase”.

Co obxectivo de dar resposta á necesidade de ofertas educativas no ámbito universitario para este colectivo, que contribúan á súa vez á súa inclusión socio-laboral, a asociación impulsou o programa Alida, que arranca cun curso preuniversitario, do que forman parte os oito participantes neste proxecto de ApS. Tras este primeiro curso, que ten como obxectivo “fomentar a autonomía e o manexo das novas tecnoloxías”, Alida abrangue un período de formación universitaria, o Programa Universitario para o emprego e a vida autónoma, que esta asociación desenvolve coa Universidade de Vigo ao abeiro da convocatoria UniDiversidad da Fundación ONCE, e ao que se suma posteriormente un período de prácticas en empresas.