DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coñeceron o funcionamento do péndulo de Foucault situado na entrada do centro

Estudantes do IES As Lagoas visita a Facultade de Ciencias para ver 'in situ' como se demostra a rotación da terra

Na actividade participaron medio centenar de rapazas e rapaces de primeiro da ESO

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Institucional
DUVI Ourense 25/05/2022

A Facultade de Ciencias acolleu este mércores a visita de medio centenar de estudantes do IES As Lagoas, situado ao carón do campus de Ourense, para coñecer o péndulo de Foucault ubicado na súa entrada. O obxectivo da visita, que se organizou en dous grupos, foi que as rapazas e rapaces puideran ver in situ como se demostra a rotación da terra.

Na actividade participaron estudantes de primeiro curso de Educación Secundaria Obrigatoria do instituto ourensán no marco das actividade de titoría. Na súa chegada ao campus foron recibidos por Francisco Javier Rodríguez Rajo, decano da Facultade de Ciencias, que lles explicou como neste centro dentro duns anos poderán estudar, se así o desexan, os graos de Enxeñaría Agraria, o de Ciencias Ambientais e o de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, poñendo o aceno en datos como a plena empregabilidade das e dos titulados de Enxeñaría Agraria e no interese socioeconómico dos sectores que abranguen estas titulacións.  

O decano agradeceu a visita do IES As Lagoas para coñecer o péndulo de Foucault, do que destacou que é un dos tres existentes en Galicia e que no caso da Facultade de Ciencias é empregado na docencia das materias de física. Este péndulo, sinalou, permite demostrar o movemento de rotación da terra. “Temos dous planos, un completamente fixo e outro que se move. O péndulo ten un electroimán que fai que se mova de forma infinita, sen perda de movemento, e sempre se move na mesma dirección, polo que se ve como é o solo o que o xira en sentido antihorario”, detallou Francisco Javier Rajo. Juan Carlos Mejuto, catedrático da Área de Química Física da Universidade de Vigo e decano da Facultade de Ciencias cando se instalou nela este péndulo de Foucault, foi o encargado de explicar en detalle ás rapazas e rapaces o seu mecanismo de funcionamento e o que permite coñecer. O inventor francés Léon Foucault, lembrou Mejuto, “foi o primeiro que fixo este experimento buscando demostrar que a terra móvese".