DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada organizada polo MXDS e o MAiE

Estudantes de mestrado reflexionan sobre a igualdade de xénero no tecido empresarial e a responsabilidade social

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Académica
DUVI 10/11/2021

Preto de medio cento de estudantes do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible, MXDS, e do Máster universitario en administración integrada de empresas e responsabilidade social corporativa, MAiE, participaron este mércores nunha xornada sobre igualdade, empresa e a responsabilidade social na Axenda 2030. Organizada polas profesoras Pilar Piñeiro e Rocío Rodríguez Daponte, en colaboración coa Unidade de Igualdade, a xornada contou coa intervención de catro especialistas que debateron sobre a responsabilidade social, a creación de empresas de base tecnolóxica dende unha visión de xénero e a igualdade de xénero no tecido empresarial galego.

Na presentación da xornada, a profesora Rodríguez Daponte referiuse ao seminario Fenda salarial de xénero nas universidades: o caso da UVigo, un encontro en liña celebrado onte martes no que se presentaron os resultados preliminares dun informe sobre os datos salariais do PDI da institución olívica en 2020. Segundo a docente, os resultados deste estudo demostran “que nunha contorna na que pensamos que existe a igualdade, non hai tanta”. O informe sostén que a fenda salarial de xénero é unha realidade entre o persoal docente e investigador da Universidade de Vigo. Entre os motivos principais están a segregación vertical que provoca a distribución por categorías e que fai que a medida que aumenta a escala xerárquica diminúe o número de mulleres. Estas causas son comúns a outros moitos sectores, como o empresarial, no que as mulleres seguen a toparse cun teito de cristal. Precisamente, ao longo da xornada, as catro expertas convidadas analizaron estes e outros aspectos relacionados coa desigualdade de xénero na empresa.

A división sexual do traballo

Ana Rodríguez Vázquez foi a encargada de abrir a xornada, reflexionando sobre o papel da muller na sociedade, nos medios de comunicación e no mercado de traballo. Sobre este último aspecto, referiuse á división sexual do traballo, que a día de hoxe se segue a perpetuar e que se basea na “atribución de habilidades, competencias, valores ou responsabilidades a unha persoa en función das súas características biolóxicas asociadas a un ou outro sexo”. Isto tradúcese, explicou, nunha “división das tarefas fundamentais para a organización social, segundo o que lle corresponde a alguén por ser home ou muller”.

Esta división quedou patente especialmente durante a pandemia da covid-19, que deixou ben visible a fenda laboral de xénero. Entre outros aspectos, Rodríguez Vázquez referiuse á sobrecarga de traballo sanitario, un sector no que as mulleres representan o 70% do persoal en todo o mundo. O peso tamén caeu sobre sectores esenciais moi feminizados, como o comercio de alimentación, as residencias ou a limpeza hospitalaria. Outro dos aspectos que se evidenciaron nesta crise foi a centralización das tarefas de coidados nas mulleres, que durante o confinamento tiveron que compatibilizar o teletraballo coas tarefas domésticas e a atención dos menores. Ademais, recalcou a experta, as mulleres sofren maior precariedade e pobreza laboral, “o que as sitúa en peor lugar para afrontar a crise posterior á pandemia” e lembrou o incremento de casos de violencia de xénero neste período, “algo derivado da situación de confinamento”.

A fenda de xénero do mercado laboral

Respecto do mercado laboral, Rodríguez Vázquez referiuse tanto á fenda laboral, con maiores índices de paro entre as mulleres, como á salarial. Respecto desta última, lembrou que segundo a Enquisa Anual de Estrutura Salarial do INE de 2018, o salario a tempo completo da muller respecto ao do home representa o 89% e a tempo parcial o 85%, mentres que no salario medio bruto é un 78%. “Isto demostra que a fenda salarial de xénero en España segue a existir” e, de feito, segundo os datos dos técnicos do Ministerio de Facenda, a diferencia da retribución anual entre homes e mulleres é 4915€. Atendendo a estas cifras, as mulleres deberían cobrar un 28,6% máis para igualar no soldo aos homes e non sería ata pasados 105 anos cando se puidese pechar esa fenda de xénero, como explicaba a experta.

Con todo, Rodríguez Vázquez tamén sinalou varios aspectos que permiten constatar avances respecto da presenza da muller no tecido empresarial. Así, 14 das 35 empresas do IBEX seguen a incumprir a cota de xénero nos seus consellos de dirección, pero son cinco menos das que o facían o ano pasado, polo que as mulleres representan xa o 30% dos órganos de dirección das sociedades españolas cotizadas. Outro dato para a esperanza ao que se refería a experta é o feito de que a igualdade de xénero comeza a verse como algo rendible para empresas e inversores e, de feito, algunhas xestoras comezan a apostar por fondos que defenden a presenza da muller nas empresas, xa que ademais de rendible, esta estratexia é socialmente responsable. 

A xornada completouse coa intervención de Eva López Barrio, responsable do Programa Woman Emprende da USC sobre a creación de empresas de base tecnolóxica desde unha visión de xénero e a de Natalia Vaz Ogando e Sonia M. Rodríguez Parada, que debateron sobre a igualdade de xénero na empresa galega.