DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No curso participan oito mozos con síndrome de Down e oito estudantes do grao Educación Primaria

Estudantes universitarios e usuarios de Xuntos Down compartirán un taller de educación musical

Impartido por Marlene Armenteiro, desenvolverase en Ciencias da Educación e do Deporte

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Igualdade
  • Música
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 07/02/2019

Oito mozos e mozas, usuarios e usuarias de etapa educativa da asociación Xuntos Down Pontevedra, e ouros oito alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte compartirán clases e aprendizaxe no taller Mi, re, do de ensino musical para a inclusión, unha proposta formativa que se desenvolverá desde este venres neste centro do campus pontevedrés. Impartido pola profesora de música Marlene Armenteiro, este taller de oito sesións, que se desenvolverá entre os meses de febreiro e abril, busca por unha banda achegar formación musical a este grupo de oito mozos e mozas con síndrome de Down, de entre 11 e 18 anos, á vez que achegar a estudantes do grao en Educación Primaria ao desenvolvemento dun proxecto formativo centrado na inclusión. 

“Este proxecto pretende traballar dúas vertentes, por un lado cos futuros e futuras docentes, que cando cheguen ás aulas vanse atopar diversidade, e, por outro, que os alumnos que veñan aprendan música, pero non como unha terapia, que aprendan música como unha linguaxe máis”, salientou Armenteiro na presentación desta actividade, que contou coa participación do vicerreitor do campus, Jorge Soto, o presidente de Xuntos Pontevedra Down, Manuel Pérez Cabo, e o profesor da facultade Marco Lucato. “A música transforma conciencias e axuda a ser mellor persoa”, salientou Soto nun acto no que estiveron presentes nais e pais de varios das e os participantes no taller e no que o vicerreitor incidiu no “importante labor” que a Universidade pode xogar na  defensa da igualdade. “Cremos que a Universidade pode e debe facer cidadanía desde o coñecemento”, engadiu Soto nunha presentación na que Pérez Cabo lembrou que o obxectivo de Xuntos “é sempre tratar de conseguir a maior autonomía e independencia posible de todas as persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais”. Nese camiño, subliñou, “á música estimúlaos a facer moitas cousas”, motivo polo que agradeceu á Universidade “unha actividade que nos axuda a cumprir os nosos obxectivos”.

“Educación musical alternativa”

Tomando como punto de partida o seu caderno Mi, re, do, un proxecto desenvolvido inicialmente para o ensino da música en idades temerás, Armenteiro, licenciada en Educación, na especialidade de Educación Musical, pola Universidad de La Habana, promoverá no obradoiro unha ensinanza da música “combinada coas matemáticas, a lectura, a pintura ou a escritura, porque a música é unha linguaxe máis”. A responsable de impartir este taller salientou nese senso a importancia da música no desenvolvemento de “elementos básicos como a atención, a percepción ou a memoria”, motivo polo que defendeu o valor dunha “educación musical alternativa, desde a diversidade, desde a propia realidade de cada un”.

Respectando nese senso que cada alumno e alumna avance ao seu ritmo, entre os contidos deste taller figura tanto “unha parte rítmica”, de trabalo tanto con instrumentos como con actividades de percusión corporal e vinculadas “co ritmo na linguaxe”, como outras actividades centradas no traballo co oído ou un achegamento á “elementos básicos” da linguaxe musical. “O obxectivo é que logo sexan capaces de ler unha partitura ou un pentagrama, que aprendan notas musicais, que poidan aprender a tocar un instrumento”, engadiu a responsable deste curso que, co propósito de ir acorde ao nivel de cada alumno e alumna, limitouse a oito usuarios e usuarias de Xuntos. 

Un achegamento á diversidade para o futuro profesorado

Con ese mesmo obxectivo, Armenteiro contará nas clases co apoio de oito alumnos e alumnas universitarios, “que van vivir a experiencia de ver como se traballa con nenos con dificultades, porque evidentemente hai que saber aplicar as metodoloxías, pero tamén saber adaptalas”, salientou Lucato, quen nese senso incidiu en que se ben anteriormente a pedagoxía musical “limitábase á aprendizaxe da linguaxe, agora o discurso é distinto, é o da música como medio para traballar as emocións”. Por outra banda, o profesor de pedagoxía musical salientou tamén que o taller que dá comezo este venres constitúe “unha primeira actividade que está previsto que o próximo curso poidamos ampliar con outras asociacións” co propósito de facer da Universidade unha “referencia no que pode ser a educación musical para todos”, non en van, lembrou, “a música é universal e inclusiva”.