DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha decena de alumnas e alumnos conforman a asociación CES UVigo

Estudantes da EE de Telecomunicación traballan para navegar con enerxía solar en augas internacionais

O seu obxectivo é competir en regatas europeas como a 'Solar Energy Boat Challenge'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Estudantes
Rebeca López Villar DUVI 11/03/2021

Desde o ano pasado un grupo de estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo está somerxido nun desafío: a construción dun trimarán propulsado unicamente con enerxía solar. Tras rematar o corpo da embarcación o pasado xaneiro, este colectivo lanzou este mes a súa páxina web e redes sociais baixo o nome de Clean Energy Ship, CES, UVigo

O proxecto ten a súa orixe nunha proposta do fundador da empresa Marine Instruments, Francisco Pino, que contactou coa Universidade co fin de introducir á mocidade no mundo náutico coa fabricación dun barco para participar en regatas internacionais. A idea de Pino motivou o alumnado e derivou na constitución da asociación CES UVigo, formada actualmente por dez estudantes e graduados da escola. 

Un equipo no que colaboran profesionais do sector

Coa oferta de Marine Instruments, algúns profesores da escola incluíron proxectos vinculados coa construción do barco solar nos seus plans docentes. Neste senso, Cristina López e Felipe Gil, do Departamento de Enxeñaría Telemática, deseñaron actividades sobre o control da dirección e as comunicacións da embarcación. Para Roi Martínez, responsable de márketing de CES UVigo, isto explica que o colectivo estea formado na actualidade só por estudantes de Telecomunicación, aínda que comenta que nas vindeiras semanas está prevista a incorporación doutros compañeiros da Universidade, provenientes da Escola de Enxeñaría Industrial, grazas aos que se cubrirán novas áreas de coñecemento. Este alumnado unirase a un equipo que, segundo Martínez, “ten experiencia na resolución de problemas, mantén unha contorna cálida e de cooperación” co apoio de diferentes profesionais do sector e profesorado da Universidade de Vigo. 

Sobre o proceso de creación, Roi Martínez explica que nun primeiro momento seguiron o deseño do barco levado a cabo pola compañía tecnolóxica Seadrone, co enxeñeiro Íñigo Echenique á cabeza. Participando da súa fabricación, os alumnos puideron “somerxerse no mundo da náutica e prepararse para formar unha asociación que lles permite aprender a traballar en equipo, afrontar grandes retos e fomentar o uso das enerxías renovables”. 

A pesar de que o financiamento do barco que están a construír vén do apoio de Marine Instruments e do propio Francisco Pino, os integrantes desta agrupación esperan acadar máis patrocinadores e axudas para mellorar a embarcación e construír novos modelos, “cada vez máis rápidos e eficientes”.  

Embarcados na construción dun trimarán solar

Segundo explica Roi Martínez, as embarcacións solares divídense en cinco partes: “o casco, os paneis solares, a batería, o motor e a electrónica que conecta todo”. O barco que están a construír é un trimarán, formado por unha peza principal e dúas laterais, máis pequenas, que achegan estabilidade ao conxunto. No casco central sitúanse o motor, as baterías e o habitáculo para o piloto. Este modelo, afirma Martínez, “está pensado para funcionar a grandes velocidades, polo que estará equipado cuns foils”, unhas pezas que, aclara, conseguen maior velocidade, pois “son similares aos aleróns dos coches, que se colocan na parte inferior do casco e permiten que o barco se eleve e reduza a superficie de rozamento coa auga”. 

Cando estea rematada, a embarcación terá seis metros de longo e dous e medio de ancho, pesará arredor de 110 kg e os deseñadores esperan que alcance os 18 nós a máxima potencia, “uns 33 km por hora”. Tendo en conta estes valores, “escollidos para cumprir o regulamento habitual das regatas solares, serán necesarias case 400 células solares, que cubrirán seis metros cadrados dunha lámina que se colocará sobre o casco”. 

A construción do corpo, que rematou no mes de xaneiro, comezou no verán pasado pola situación provocada pola pandemia. Actualmente, os estudantes están a desenvolver o sistema de placas solares que alimentarán o barco, as baterías e outras compoñentes eléctricas, o motor, a dirección e os foils

Rumbo a Mónaco e Países Baixos

Roi Martínez expón que, a pesar de que o obxectivo fundamental é incrementar a capacidade de traballo en colectivo do alumnado, “de pouco serviría se non existe a posibilidade de medir o progreso con outros equipos de universidades de todo o mundo”. A primeira meta do barco solar vigués é a Solar Energy Boat Challenge. Aínda que esta carreira terá lugar en xullo na cidade de Mónaco, tendo en conta as tarefas que teñen por diante e as incertezas deste ano, motivadas pola pandemia da covid-19, os membros da CES UVigo prefiren pensar na edición do ano que vén. No futuro, esperan competir tamén noutras regatas, como a Solar Sport One, nos Países Baixos.  

Coa participación nestas regatas, o equipo quere “demostrar que a Universidade de Vigo tamén pode ter representación internacional neste ámbito”. Ademais, CES UVigo levará o patrimonio paisaxístico galego onde vaia o seu barco xa que, como eles indican, na pronunciación en inglés do nome da asociación hai unha referencia agochada ás illas Cíes.