DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora da Facultade de Historia Yolanda Barriocanal é a súa autora

Un estudo achégase aos mestres de cantería das fontes públicas de Ourense no Renacemento

Na actualidade están practicamente todas elas desaparecidas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 10/12/2018

Mestres de cantería para o abastecemento de auga e construción das fontes públicas da cidade de Ourense no século XVI. Con este título preséntase un estudo levado a cabo por Yolanda Barriocanal, profesora do Departamento de Xeografía e Historia da Facultade de Historia do campus de Ourense. A través das fontes documentais de arquivo (actas consistoriais e protocolos notariais), o seu traballo pretende dar a coñecer a tipoloxía das fontes ourensás durante o Renacemento, practicamente todas elas desaparecidas na actualidade, o seu deseño, materiais construtivos, os seus elementos auxiliares así como os mestres de cantería que nelas interviñeron e as condicións do seu traballo. 

O traballo foi presentado no III Congreso Internacional da Auga, organizado do 25 ao 27 de outubro no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga e do que Yolanda Barriocanal foi membro do comité organizador. A súa foi unha das 80 comunicacións e pósters de expertos e expertas procedentes de oito países presentadas nesta cita, que, co lema Auga, sociedade e territorio, estivo centrada no eido da historia, a xeografía e a historia da arte e organizada pola Facultade de Historia ourensá e membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, Geaat, da Universidade de Vigo.

Reparar e reedificar

Segundo explica Yolanda Barriocanal, “o abastecemento de auga a unha cidade era unha cuestión sumamente importante, tanto polas necesidades de garantir o consumo dos veciños como polo seu uso para a salubridade e industrias locais”. A pesar desta relevancia, engade, e “pese ao continuo manar das Burgas, cos seus mananciais de auga quente usados tanto para usos domésticos, de hixiene, como industriais e terapéuticos, a cidade de Ourense careceu historicamente dun bo subministro de auga”. As súas fontes, xa documentadas ao longo da Idade Media, comenta a historiadora, “eran escasas, con caudais insuficientes para abastecer á poboación e máis ou menos distantes na trama urbana”.

Neste contexto, detalla Barriocanal no seu traballo, “desde comezos do século XVI, as autoridades locais (munícipes e corrixidores) comezaron a manifestar a súa preocupación e esforzo para o reparo e reedificación das fontes públicas de vella tradición, por estar arruinadas, en cuxa composición se ocuparon boa parte dos canteiros locais, como Jácome de Moure, Gómez Rodríguez, Antonio Díaz ou Pedro Álvarez”. Pero, engade a historiadora, nese período tamén se promoveu a edificación de novas estruturas, como a Fonte Arcada, Fonte dos Coiros, Fonte da Porta da Aira, Fonte do Bispo, etc. “cos seus caños, lavadoiros, albercas e sobre as que campeaban nun lugar ben visible escudos coas armas reais, da cidade ou episcopais como símbolo de xurisdición”.

Para a súa construción, detalla Yolanda Barriocanal, “deron as súas trazas e presentaron postura” mestres de obras que nese momento estaban ao cargo das grandes obras monásticas, caso de Juan González, mestres das obras do mosteiro de Celanova e mestres chegados desde Cantabria que se ocupaban da reedificación da vella ponte Maior (Juan de las Suertes, Lucas de Cajigal e Juan de la Sierra), así como outros recoñecidos mestres de cantería chegados doutras áreas de Galicia e Portugal, caso de Mateo López, “un dos mellores peritos e expertos do momento da arte de facer fontes”, segundo explica a investigadora.

Como norma xeral a tipoloxía destas fontes, indica a historiadora, “foi unha solución parietal, cun ou varios caños, pois as fontes exentas, tipo chafariz, destináronse aos edificios monásticos, onde ademais de servir de ornamento dos seus claustros servían de abastecemento das cociñas”. A súa difusión a partir da segunda metade do século XVI, detalla, débese á actividade do portugués Mateo López, que as aplicou en diferentes puntos de Galicia.