DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nel participaron tres membros do grupo de investigación EphysLab

Un estudo afonda na relación entre a humidade transportada e a concentración de xeo mariño no océano Antártico

Os resultados foron publicados na revista 'Atmosphere'

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 12/11/2019

Investigadoras e investigadores do Environmental Physics Laboratory (EphysLab), CIM-UVigo, participaron nun estudo pioneiro que presenta unha climatoloxía para o período 1980-2015 das principais fontes de humidade para cada un dos mares que conforman o océano Antártico, centrándose nas relacións entre a humidade transportada e a concentración de xeo mariño e empregando un enfoque lagranxiano, técnica na que este grupo do campus de Ourense é especialista.

O traballo foi desenvolvido no último ano e medio conxuntamente con dous grupos de investigación brasileiros, concretamente da universidades federais de São Paulo e Itajubá, dentro dos proxectos da São Paulo Research Foundation. Nel participaron os membros de EphysLab Luis Gimeno e Raquel Nieto, que realizaron unha estadía de investigación na institución académica de São Paulo, e Marta Vázquez, experta no transporte de humidade na rexión ártica. Pola parte brasileira participaron Michelle Simões Reboita, Rosmeri P. da Rocha e Anita Drumond. Os resultados do estudo foron publicados recentemente no último número da revista Atmosphere baixo o título Characterization of moisture sources for austral seas and relationship with sea ice concentration.  

“Neste estudo o modelo de dispersión de partículas Flexpart é empregado coa finalidade de localizar as principais fontes de humidade que afectan aos mares do océano austral”, explican desde EphysLab. Este modelo, detallan as e os investigadores, permite seguir as traxectorias das partículas e analizar as variacións na súa humidade específica, sendo posible así localizar xeograficamente onde estas gañan ou perden humidade e polo tanto relacionar as fontes e os sumidoiros.

Fontes de humidade e concentración de xeo

Sobre os resultados do estudo, Nieto e Gimeno indican que se atopou que “nos diferentes mares da rexión, as principais fontes de humidade corresponden coas principais zonas de paso dos ciclóns en latitudes medias, ocorrendo a evaporación máxima entre o inverno e a primavera austral”. Porén, engaden, a contribución de humidade das fontes sobre os mares austrais “parece ser máis efectiva nos últimos meses do verán e no outono, aparecendo sobre estas rexións maiores contribucións de humidade nestas datas”. Segundo detallan as e os investigadores, esta maior contribución parece estar en certa medida modulada polo patrón de circulación atmosférico coñecido como “modo anular do sur”, producíndose na súa fase positiva un aumento no transporte de humidade dende as fontes, por exemplo ata o mar de Weddell. “Despois da análise das fontes de humidade relacionouse esta coa concentración de xeo mariño e viuse como a variabilidade da contribución de humidade dende as principais fontes parece está relacionada con esta concentración. As contribucións máximas de humidade coinciden en xeral con mínimos na extensión de xeo e atopouse que nesta relación existe un desfase máximo de dous meses”, comentan.

As análises de transporte de humidade feitas por parte de EphysLab foron ademais completadas con estudos doutras variables por parte das investigadoras e investigadores de Brasil. “Por particularizar nunha rexión en concreto, sobre o mar de Weddell atopouse por exemplo que ademais da humidade que chega ata a rexión a variabilidade da concentración de xeo depende tamén da interrelación deste mecanismo e a temperatura”, indican as e os investigadores ourensáns. Así, detallan, concretouse que nos momentos de aporte máximo de humidade modifica o patrón de circulación atmosférica na zona e consecuentemente ocorre unha diminución da temperatura contribuíndo a un descenso da concentración de xeo sobre o mar de Weddell, e viceversa.

A importancia do xeo mariño

Respecto á relevancia de acometer o estudo do obxecto da investigación, desde EphysLab lembran como “o xeo mariño e calquera forma de xeo atopada no mar que se orixina pola conxelación da auga do mar é un dos compoñentes do sistema climático, causando unha grande influencia no clima da terra”. A extensión e concentración de xeo mariño, detallan, non só dependen das estacións do ano senón que responden a moitos procesos interactivos diferentes na atmosfera e no océano, aos modos de circulación atmosférica a grande escala, así como aos procesos asociados ao cambio climático. Entre os múltiples controladores atmosféricos e oceánicos que controlan a variabilidade do xeo mariño, indican Raquel Nieto e Luis Gimeno, “tense prestado pouca atención ao transporte de humidade desde os extratropicos ao océano sur, un mecanismo relevante e que xoga un papel crucial na hidrolóxica atmosférica no Ártico e con implicacións para a extensión do xeo do mar Ártico”. Así, subliñan, “o transporte de humidade atmosférica é unha fonte primaria de auga nas rexións polares e a través do forzamento radioactivo da nube afecta directa ou indirectamente á neve, ao xeo mariño e á capa de xeo”.