DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Elaborado por investigadores do grupo Governance and Economics Research Network (Gen)

Un estudo amosa a viabilidade de que o Goberno asuma as cotizacións de proxenitores que deixan un tempo de traballar por coidado de fillos

Froito da colaboración coa Federación Española de Familias Numerosas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Investigación
DUVI Ourense 20/12/2021

Un estudo elaborado por investigadores do grupo Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo amosa a viabilidade de que o Goberno asuma as cotización á Seguridade Social dos pais e nais que durante un tempo deixan de traballar por coidado de fillas e/ou fillos. O traballo foi realizado para a Federación Española de Familias Numerosas (FEFN) no marco dun proxecto que, co apoio do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, analiza o impacto dalgunhas medidas de apoio ás familias e familias numerosas, co fin de mellorar o seu recoñecemento económico e social. 

Baseándose no estudo, a Federación Española de Familias Numerosas vén de pedir ao Goberno que asuma estas cotizacións para garantir unha cotización mínima de 15 anos que lles permita acceder a unha pensión contributiva. Segundo explican en nota de prensa desde a entidade, trataríase de garantir unha cotización dese período aos proxenitores, pero distribuída en períodos de cinco anos, sendo cinco anos para cada un dos proxenitores que se dediquen ao coidado dos fillos e fillas (total dez anos entre os dous) e cinco anos adicionais para distribuír libremente entre ambos. Os cinco primeiros anos serían de goce obrigatorio para cada un dos proxenitores e o máximo a percibir para un mesmo proxenitor sería de dez anos. “A medida pretende acabar coa discriminación e a situación de abandono que sofren miles de pais e nais que a miúdo teñen que abandonar o traballo durante un tempo por temas familiares, o que supón renunciar a uns ingresos, pero tamén leva implícita a perda de tempo cotizado de caraa á pensión de xubilación”.

Fenda de xénero

O estudo realizado polos investigadores da UVigo Alberto Vaquero e Santiago Lago “pon de manifesto a viabilidade deste sistema de cotización e o escaso impacto económico que tería sobre as arcas do estado, xa que suporía ir achegando á Seguridade Social durante uns anos, pero sen ningún desembolso a curto e medio prazo, só no momento da xubilación”. A situación laboral, lembran, “ten o seu efecto negativo a longo prazo, nas pensións, onde hai unha importante fenda de xénero”, destacando que as mulleres se sitúan nunha posición de clara desvantaxe pola combinación de varios factores, empezando porque a taxa de actividade feminina é menor en dez puntos porcentuais á dos homes e que triplican amplamente a porcentaxe de emprego a tempo parcial. “Do total de persoas que responden que teñen esa xornada laboral pola necesidade de atender á súa familia, sobre todo para coidar nenos ou adultos enfermos, incapacitados ou maiores, o 93,9% son mulleres (275.300 en 2020, segundo datos do Ministerio de Igualdade), indícase no traballo. Esta situación, destaca Alberto Vaquero, fai que as mulleres "teñan salarios menores e bases de cotización menores que condicionan a pensión; se a iso sumamos o paréntese laboral que fan moitas nais ata que os nenos medran, atopámonos con que moitas mulleres chegan á xubilación nunha situación de clara desvantaxe, aínda que traballasen toda a súa vida, parte fóra de casa (antes de ter os nenos ou cando estes xa son maiores) e parte dentro”.

No traballo analizouse o custo que tería a medida para a Seguridade Social, cunha formulación de mínimos, que se concretaría nunha achega mensual deste organismo de 278,9 euros a favor da persoa que está a coidar dos seus fillos e fillas e que a recibiría no momento da súa xubilación. Con esa cantidade, indican os investigadores, “permitiríalle acumular un dereito a percibir, a condición de que complemente con cinco anos adicionais de cotización, unha pensión de 404,7 euros mensuais en 14 pagas, unha cantidade pequena pero moi apreciada para estas persoas polo traballo de valor que realizaron durante tempo e que non se viu recoñecido economicamente ao longo dos anos. Ademais, limitando a dez anos este dereito de cotización evítase unha dependencia excesiva, alentando a (re)incorporación ao mercado laboral”.