Coordinado polo investigador da Facultade de Dirección e Xestión Pública Santiago Salvador
Un estudo analiza as oportunidades e desafíos das administracións locais á hora de impulsar comunidades enerxéticas
Pondo o foco no “reto demográfico”, aborda tamén o marco xurídico da eólica mariña
Recentes directivas da Unión Europea buscan impulsar nos diferentes estados membros a creación de comunidades enerxéticas, entidades xurídicas compostas por cidadáns, pequenas empresas ou administracións que xestionan e consumen a súa propia enerxía renovable. Supoñen, como recoñece o investigador da Facultade de Dirección e Xestión Pública Santiago Salvador, un “cambio de paradigma no sector eléctrico” e unha oportunidade para o impulso de “pequenos proxectos de autoconsumo colectivo” que poderían xogar un papel relevante fronte ao “reto demográfico”, contribuíndo ao “desenvolvemento de actividades, servizos e tecido industrial” en zonas rurais. Esta idea constitúe un dos puntos de partida dun estudo coordinado por este investigador do grupo AGAF, que aborda desde un punto de vista xurídico “os desafíos que enfrontan as administracións locais” á hora de promover o impulso destas comunidades enerxéticas.
Desenvolvido ao abeiro dunha liña de axudas da Deputación de Pontevedra para o fomento de iniciativas investigadoras, este proxecto tiña como obxectivo analizar os “instrumentos político-normativos” dos que dispoñen as administracións locais para facilitar a creación das comunidades enerxéticas e para “implantar cláusulas ambientais e sociais nos seus procesos de contratación”. Desenvolvido por Salvador Gimeno, Patricia Valcárcel, Rafael Fernández Acevedo, Juan Antonio Hernández Corchete e Rosa Ricoy, o proxecto abordou tamén “a controversia derivada da afección” da enerxía eólica mariña sobre as comunidades locais costeiras. Partindo nese senso do “impacto socioeconómico” que os “grandes proxectos de enerxía renovable” poden ter a escala local, este traballo buscaba identificar oportunidades para involucrar á poboación local na produción dunha “enerxía limpa” e deu lugar á recente publicación de dous estudos en dous libros editados por Aranzadi.
Medidas para fomentar as comunidades enerxéticas
Aínda que a directiva europea só se traspuxo ata agora dun xeito parcial en España, o impulso de comunidades enerxéticas pode supor “novas oportunidades, especialmente para as zonas rurais despoboadas”, contribuíndo a que institucións locais, veciños e pemes “poidan agruparse e comezar a promover pequenos proxectos de autoconsumo colectivo”. Nese senso, Salvador sinala que a Unión Europea promove que os propios concellos formen parte destas entidades, mais recoñece que poden atoparse “con certos obstáculos normativos en España”. De feito, a falta dun maior desenvolvemento lexislativo, non está establecida unha “forma xurídica obrigatoria” para este tipo de entidades, como si acontece noutros países. Trátase “dun instrumento relativamente novo”, recoñece este investigador, que apunta opcións como o impulso de “empresas públicas de capital mixto”, unha fórmula que podería verse afectada polas “dificultades que se derivan do necesario cumprimento” dos principios “de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira”.
Non obstante, as administracións locais “poden atopar diferentes medidas político-xurídicas” para fomentar o seu desenvolvemento, como reducir as “barreiras burocráticas” para instalacións de autoconsumo de pequena potencia, a través da “progresiva substitución das licencias municipais” por procedementos de autorización “máis flexibles”. O investigador sinala tamén a posibilidade de ceder “dereitos de superficie sobre espazos públicos de titularidade municipal”, permitindo a instalación de paneis solares nos tellados de edificios públicos, a aplicación de bonificacións aos impostos de carácter municipal ou brindar asesoría técnica e acompañamento.
Unha ferramenta fronte á pobreza enerxética
As comunidades enerxéticas poden ser tamén unha “boa solución” ante “un problema social que afecta máis de 3,5 millóns de persoas en España”, a pobreza enerxética. Nun estudo publicado recentemente no libro Conflictos medioambientales, eventos extremos y ordenamiento jurídico, Salvador analiza a lexislación aprobada desde 2010 en España para constatar as “limitadas respostas fronte a este fenómeno que brinda o vixente marco normativo”. A partir de aí, aborda as posibilidades que podería supor o impulso de comunidades enerxéticas, con opcións como o impulso de “proxectos de enerxía para inquilinos instalados principalmente en vivendas sociais, fomentando a inclusión dos consumidores vulnerables”.
Outra das ferramentas das que dispoñen as administracións locais fronte á pobreza enerxética é a chamada “contratación pública estratéxica”, mediante o “deseño de criterios de adxudicación de carácter social e ambiental” nas súas licitacións. Non obstante, a aplicación práctica desta cuestión, recollida na Lei de Contratos do Sector Público de 2017, mostra “as dificultades” coas que se atopan as administracións públicas á hora de incluír cláusulas ambientais e sociais nos seus procedementos. Esta vén motivada pola esixencia legal de que estas estean “vinculadas ao obxecto do contrato” e non poidan interpretarse como “unha restrición da libre competencia”, algo que, recoñece este investigador, “non é fácil”.
A eólica mariña e a súa incidencia nas comunidades locais
Outro dos estudos resultado deste proxecto céntrase no marco normativo para a implantación de parques eólicos mariños, unhas instalacións que, sinala, poden “afectar ás comunidades locais costeiras e a sectores e medios de vida tradicionais, como a pesca e o marisqueo”. Salvador analiza os recursos interpostos por colectivos pesqueiros contra a aprobación dos Plans de Ordenación Espacial Mariña, que definen as Zonas de Alto Potencial para o Desenvolvemento da Eólica Mariña, á vez que que non recollen “zonificacións específicas” para a actividade pesqueira, aludindo á “natureza ubicua” desta actividade.
O investigador incide na necesidade de “adoptar medidas político-normativas dirixidas a abordar os efectos socioeconómicos que poden derivarse destas instalacións”, propondo a adopción de “medidas compensatorias” para as comunidades locais e sectores como o pesqueiro, tomando como referencia iniciativas levadas a cabo en países como Dinamarca e Noruega. Nesa dirección sitúanse tamén, sinala, normativas como a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, de 2024; “que prevé o establecemento dun canon sobre as liñas de infraestruturas de evacuación da eólica mariña”. Ademais, apunta outras opcións como “estender a regulación e aplicacións dos acordos de transición xusta regulados na Lei do cambio climático e transición enerxética, máis aló dos sectores propiamente considerados contaminantes”, para recoller outras actividades que poden sufrir “de forma directa os riscos que a transición enerxética implica para moitos empregos tradicionais”.
