Realizado por investigadoras da Facultade de Fisioterapia e financiado polo Plan Social Ence
Un estudo avalía como inflúen as características das contornas naturais nas persoas con patoloxías cardiovasculares
O 9 de novembro, unha sesión divulgativa permitirá coñecer os seus resultados preliminares
Centrado en coñecer os beneficios do contacto coa natureza na saúde e benestar de persoas con afeccións cardiovasculares, un proxecto do grupo de investigación en Fisioterapia Clínica (FS1) buscou avaliar como inflúen no sistema nervioso autónomo, asociado aos estados de estrés e relaxación, as características das contornas naturais nas que se realiza actividade física. Nomeadamente, esta investigación financiada polo VI Plan Social Ence Pontevedra puxo o foco na incidencia que pode ter o grao de apertura visual dos espazos naturais, comparando os efectos dunha camiñada nunha carballeira e nun espazo aberto. Dar a coñecer os obxectivos e a evolución deste proxecto, así como os beneficios da práctica de actividade física ao aire libre son as finalidades do encontro divulgativo que este grupo da Facultade de Fisioterapia promove o vindeiro luns 9 de novembro, ás 19.30 horas, na sede da Vicerreitoría do campus.
Neste encontro aberto á cidadanía, a investigadora principal do grupo FS1, Eva María Lantarón, e a fisioterapeuta e investigadora do grupo AF4 da Escola de Enxeñaría Forestal Ana Gil darán a coñecer “algúns resultados preliminares”, apuntan, dun estudo desenvolvido coa colaboración do Concello da Lama e da asociación Pontecorazón. Esta investigación contou coa participación de preto de 30 persoas con patoloxía cardiovascular, que realizaron dúas camiñadas dun quilómetro nunha carballeira “con baixa apertura visual” e nunha contorna “igualmente natural, pero moito máis aberta e cun solo máis uniforme”, explica Gil.
“O que comparamos foron parámetros de variabilidade da frecuencia cardíaca”, engade esta investigadora, co propósito de coñecer que contorna xeraba “unha maior resposta vagal, que está asociada a unha maior relaxación”. Con ese propósito, realizáronse medicións tanto durante a realización dunha camiñada dun quilómetro, “a ritmo tranquilo”, como cinco minutos antes e despois, empregando como “variable principal” o índice da variabilidade da frecuencia cardíaca RMSSD. Como explica Gil, os resultados clínicos deste traballo atópanse en fase de análise, mais esta sesión divulgativa permitirá coñecer algún estudo de caso, como o que as investigadoras presentaban recentemente nun congreso na Universidad de León. Centrado nun dos suxeitos avaliados, unha persoa con hipertensión arterial, este estudo mostra que, se ben este índice da variabilidade cardíaca aumentou tras ambas camiñadas, este incremento foi “descritivamente maior” no caso da realizada na carballeira das Ermidas, no municipio da Lama.
“Estes achados ilustran que camiñar en contornas naturais con configuracións espaciais diferenciadas pode asociarse con respostas autonómicas diferentes”, conclúe este traballo, que incide en que se ben camiñar ao aire libre “asóciase con respostas favorables en indicadores cardiovasculares e autonómicos”, existe “escaso coñecemento sobre como as súas características específicas poden relacionarse con ditas respostas”.
Balance do percorrido investigador
Baixo o título de Natureza e saúde, este encontro divulgativo permitirá tamén “falar un pouco do camiño” percorrido nesta liña de investigación do grupo FS1, adscrito ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Como lembra Gil, o actual proxecto viuse precedido polo desenvolvido o pasado ano, tamén co financiamento do Plan Social Ence, centrado en avaliar a influencia das características das contornas forestais na regulación do sistema nervioso autónomo.
Este estudo contou coa participación de preto de 30 persoas, que levaron a cabo varios percorridos por diferentes áreas verdes, así como un sobre unha cinta na Facultade de Fisioterapia. “Comparamos tres contornas con diferentes características visuais”, explica Gil dun estudo que se insire á súa vez na investigación que desenvolve para a súa tese no programa de doutoramento do Campus Crea. Desta volta, optaron por centrar a investigación nunha poboación clínica e nun elemento específico das masas forestais, como é o seu grao de apertura visual. Deste xeito, a información que proporciona a monitorización das e dos participantes “infire máis nesta característica, sen poder illala por completo”, subliña a investigadora, que lembra que se trata de percorridos ao aire libre, nos que múltiples estímulos poden influír na variabilidade cardíaca.
Ademais de para abordar os dous proxectos, esta xornada permitirá tamén efectuar un recoñecemento ás persoas participantes no estudo. Ao mesmo tempo, explica Lantarón, abordaranse tamén “os principais beneficios para a saúde do contacto e da actividade física na contorna natural, pondo especial énfase nas patoloxías cardiovasculares”.
