DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi realizado polos investigadores Alberto Vaquero e Santiago Lago

Un estudo avoga por triplicar a dedución do IRPF das familias numerosas

A medida compensaría un terzo do gasto que lles supón o coidado de fillos e fillas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 15/12/2020

Triplicar a dedución do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) das familias numerosas para cubrir case un terzo do gasto que lles supón o coidado de fillos e fillas. Esta é unha das propostas contempladas nun estudo sobre incentivos fiscais para familias numerosas realizado por Alberto Vaquero e Santiago Lago, investigadores do grupo Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, para a Federación Española de Familias Numerosas no marco dun proxecto que conta co apoio do Ministerio de Sanidad, Consumo y Bienestar Social.

No estudo, feito público recentemente pola federación responsable, búscase, tal e como indican os seus responsables, “reforzar o tratamento fiscal especial ás familias numerosas polo maior custe económico que soportan polos fillos, posto que a corrección fiscal actual resulta claramente insuficiente para equiparar a capacidade contributiva das familias numerosas cos contribuíntes individuais ou parellas sen fillos”. Segundo explican os investigadores da UVigo, “o actual deseño das compensacións fiscais no IRPF parece asumir que os fillos supoñen un gasto relativamente menor para as familias, cando isto non é así”. Ter fillos e fillas, apuntan, xera “unhas obrigas e gastos moi importantes, que reducen notablemente a capacidade contributiva efectiva dos fogares, que asumen un custe privado por algo que suporá un beneficio social”. Por este motivo, subliñan, “deben establecerse mecanismos que compensen” esta situación desde “unha perspectiva social, non asistencial”.

Alberto Vaquero e Santiago Lago conclúen na súa análise que “é fundamental aumentar as deducións fiscais para as familias con fillos no IRPF” a apostan por triplicar as actuais deducións para estas familias e compensar así en case un terzo o que destinan ao coidado dos seus fillos e fillas, estimando o custe anual da crianza dun fillo ou filla entre os 5748 e os 7056 euros, segundo o tramo de idade e segundo datos de Save de Children. Considerando que é a mellor medida atendendo tanto á mellora das familias como ao custe recadatorio, os investigadores destacan que esta triplicación da dedución en cota “sería unha mellora parcial, pero relevante e tecnicamente asumible dado o actual procedemento de liquidación do IRPF”.

Da realidade ao desexable

No seu traballo, os investigadores da UVigo realizaron unha simulación fiscal a partir de diferentes supostos e del concluíron que para “unha familia numerosa de tres fillos, a compensación fiscal actual (mínimo familiar+dedución por familia numerosa+dedución por maternidade) supón un importe global por contribuínte entre 1465 e 2954 euros, en función do número de menores de tres anos que conformen a unidade familiar”. A compensación fiscal, engaden, sitúase entre o 15,7% para unha familia numerosa de tres fillos, ningún deles menor de tres anos, e o 36,3% para unha familia numerosa de tres fillos con dous deles menores de tres anos. A triplicación da dedución, subliñan, permitiría aumentar a porcentaxe de compensación fiscal actual sobre o custe que supón a crianza do 15,7% ao 28,6% para aquelas familias con tres fillos ou fillas e ningún deles menor de tres anos. Para o caso de familias numerosas con dous menores de tres anos, a porcentaxe de compensación pasaría do 36,3% ao 50,7%, aínda que neste caso este incremento sería temporal, posto que o percorrido da dedución fiscal por maternidade é moi curto (tres anos), segundo apuntan os autores do estudo.

Segundo datos do Informe Tax Wages 2019 da OCDE recollidos no estudo, en España o tipo impositivo que soporta unha parella con dous nenos ou nenas é do 17,5%, 2,1 puntos porcentuais menos que o que soporta unha parella sen eles (19,6%). Na República Checa, Hungría e Alemaña esta diferenza no tipo impositivo medio entre unha familia con dous fillos e unha familia sen fillos supera os 6 puntos, mentres que en Estados Unidos ascende a 4,6 puntos porcentuais, en Portugal a 3,9 e en Francia a 3,6. España, recóllese no traballo, está por baixo de todos eles e por baixo tamén da media da OCDE-UE23, que está nos 2,4 puntos porcentuais. Respecto do que destinan do PIB a desgravacións fiscais para familias, segundo datos da OCDE de 2018, España dedica un 0,12% do PIB fronte ao 0,85% de Alemaña ou o 0,75% de Francia. A isto hai que engadir que segundo o estudo realizado desde a UVigo, as axudas fiscais concéntranse no tres primeiros anos de vida do fillo ou filla, a través, por exemplo, da dedución por maternidade para nais traballadoras con fillos ou fillas de cero a tres anos, mentres que se reducen ou desaparecen segundo van medrando os menores, sen ter en conta que estes permanecen no fogar familiar moitos anos máis, sendo actualmente a idade media de emancipación dos mozos españois de 29 anos.

Desde a Federación Española de Familias Numerosas apuntan como a medida proposta marcaría “un camiño necesario para apoiar ás familias, en especial, na actual situación de crise que se está vivindo” e sería unha “medida de xustiza social”. “As administracións deben ser conscientes do esforzo que están a facer as familias con fillos e en especial, as numerosas, e non esquecer que os seus fillos son un ben social, son un activo para a sociedade porque son os traballadores do futuro, os que van cotizar e a contribuír ao mantemento do estado do benestar” explica José Manuel Trigo, presidente da federación. Todo iso, engade, “fai necesario que sexan compensados e hai que facer cálculos para que a compensación sexa real, é dicir, que haxa un equilibrio entre o que achegan ao estado, vía impostos e en forma de capital humano, e o que o estado lles devolve”.