DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo HealthyFit analiza as variacións que se producen en marcadores bioquímicos de estrés

Un estudo busca coñecer se o uso da realidade virtual para facer exercicio altera os niveis de estrés

Realizado coa participación de alumnado, profesorado e persoal do campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • TIC
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 01/12/2020

Avaliar, a través de marcadores biolóxicos como o cortisol e a alfa-amilasa, as alteracións nos niveis de estrés que pode producir o uso da realidade virtual para desenvolver un programa de actividade física. Ese é o obxectivo do estudo que nestas semanas desenvolven investigadores do grupo HealthyFit, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, coa colaboración de alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos do campus. Nestas semanas, máis de 30 integrantes da comunidade universitaria participaron nun estudo para o que buscaban unha mostra integrada por persoas de diferentes idades e estados de forma que non empregaran previamente un dispositivo de realidade virtual. As e os participantes debían realizar, como sinala o investigador Pablo Campo, “unha sesión de exergaming”, enfrontarse a un videoxogo que implica o desenvolvemento de actividade física, co propósito de poder coñecer, a través da análise da saliva, “os seus niveis de cortisol, que é unha hormona marcadora do estrés, antes e despois da proba”, como explica o responsable do grupo HealthyFit, José María Cancela.

 “Queremos ver que efecto ten un adestramento con realidade virtual en suxeitos que nunca a experimentaron”, salienta Cancela dun estudo que se insire na liña de investigación do grupo sobre as potencialidades desta contorna para a prescrición de exercicio. “Os niveis de cortisol no corpo varían ao longo do día e o que queremos ver é que comportamento teñen incorporando un programa de adestramento en realidade virtual inmersiva”, algo respecto do que non existen datos previos, explica Cancela. De feito, o estudo arrincou coa hipótese de que “a actividade física nunha plataforma de realidade virtual podería axudar a regular os niveis de estrés”, pero tendo tamén enriba da mesa a “opción de que a activación que implica poida provocar unha certa elevación no estrés vinculada ao propio sistema”, como explica Campo. O obxectivo deste traballo “é identificar variacións" nestes “biomarcadores de estrés”, o cortisol e a encima alfa-amilasa, “xeradas tras unha exposición á realidade virtual inmersiva e como estes se relacionan con parámetros hemodinámicos”, como son a presión arterial e a frecuencia cardíaca, engade este investigador, que baixo a dirección de Cancela e do profesor da Facultade de Fisioterapia Gustavo Rodríguez, centra súa tese de doutoramento no desenvolvemento dun programa de exercicio terapéutico con realidade virtual inmersiva para persoas maiores. Neste senso, Campo incide en que “os suxeitos expostos a situacións novas xeran diferentes niveis de estrés como resposta á adaptación ao medio”, un feito que, lembra “está presente na inmersión en contornas virtuais”.

Mostras de saliva para coñecer “como se comporta o cortisol”

Cada participante no estudo, explica Campo, acode ao laboratorio cunha mostra de saliva tomada ao levantarse, en xaxún, “e ao chegar tómaselles a tensión arterial e frecuencia cardíaca de referencia, antes de recollerlles unha nova mostra de saliva, xusto antes da intervención”. Tras realizar a actividade tomáselles unha terceira mostra e mídeselles novamente a frecuencia cardíaca e a tensión arterial, á vez que se lles pide que valoren nunha escala a súa percepción do esforzo realizado. Todas as fases da investigación, sinala Cancela, “realízanse baixo estritos protocolos de seguridade e hixiene para combater a extensión da covid-19, sendo os protocolos aprobados polo comité de ética”.

“O que queremos ver aquí é primeiro a adaptabilidade das persoas á realidade virtual, identificando posibles sintomatoloxías que poidan aparecer e, por outra banda, coñecer o nivel de esforzo que supón o desenvolvemento dun adestramento nunha contorna inmersiva, establecendo as posibles relacións entre marcadores biolóxicos e hemodinámicos”, subliña Cancela. O feito de que a concentración desta hormona varíe ao longo do día fai que o estudo se complete cun grupo de control que achegará tamén tres mostras de saliva tomadas nas mesmas horas que o día que participaron na actividade, pero sen realizala. As mostras de saliva de ambos grupos serán analizadas cun cromatógrafo de alta eficacia (HPLC) nos laboratorios da Escola de Enxeñaría Forestal polo investigador Carlos Souto. 

As máscaras como factor de análise inesperado

A situación sanitaria xerada pola covid-19 sumou un novo elemento de análise a este estudo, os efectos que, tanto no aumento da frecuencia cardíaca como “na sensación de esforzo realizado”, provoca o uso de máscaras para a realización de actividade física. “O esforzo percibido non ten nada que ver cando facemos exercicio con ou sen máscara”, recoñece Campo, que incide en que a crise sanitaria abriu neste eido unha “posible nova liña” de estudo, xa que, sinala, “está moi ben como medida de seguridade facer deporte con máscara, pero é posible que non estea indicada para todos os suxeitos”.

A crise sanitaria, así mesmo, foi tamén un dos factores que motivou a realización dun estudo que, como recoñece Cancela, “tivo moi boa aceptación” entre as e os integrantes da comunidade universitaria. Este insírese na liña de traballo impulsada polo grupo HealthyFit co propósito de analizar o potencial destes dispositivos para prescribir exercicio terapéutico a persoas maiores ou con patoloxías, a través do uso dun head-mounted-display, un dispositivo de realidade virtual inmersiva. A comezos de ano, Campo levaba a cabo un estudo piloto nesta liña con pacientes de párkinson, no marco da investigación que desenvolve para a súa tese, na que se insire tamén unha intervención nun centro sociosanitario de persoas maiores de 65 anos que, dadas as circunstancias sanitarias, foi preciso adiar.