DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentado pola Deputación de Pontevedra no concello de Cambados

Un estudo sobre o cartelismo das festas populares en Pontevedra mantén viva parte da cultura da provincia

O traballo é o proxecto fin de carreira dunha alumna de Publicidade e Relacións Públicas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Ana Terceiro DUVI 16/04/2008

Poucas veces un proxecto fin de carreira traspasa a fronteira da Universidade grazas ao interese que esperta no seu eido de actuación. Sen embargo este foi o caso de Mónica Leiro, unha alumna de Publicidade e Relacións Públicas que presentou o seu traballo sobre O cartelismo nas festas populares de Pontevedra ante a Deputación Provincial, institución que non dubidou un intre en darlle a difusión que merece. Nas últimas horas presentábase no concello de Cambados o estudo que, durante máis de un ano, esta estudante do campus desenvolveu como unha forma de “manter viva parte da nosa cultura, xa que este legado de gran importancia está sendo presa do tempo e se non facemos nada acabará desaparecendo”, afirma Mónica Leiro.
Acompañada polo vicepresidente da Deputación, José Juan Durán; a concelleira de cultura de Cambados, Anabel Carro Fontenla e a profesora da Universidade de Vigo e directora do proxecto, Mercedes Román Portas, Mónica Leiro subliñou que “moitos dos carteis recompilados neste traballo son verdadeiras obras de arte, firmados por pintores e debuxantes consagrados coma Laxeiro, Alfonso Sucasas, Lugrís ou Damián Paio, entre outros”.

14 festas populares, 297 carteis

O cartel é un reflexo da sociedade da época, da súa tradición e dos seus costumes, característica que se acentúa máis no caso das festas populares, xa que representan a cultura gastronómica e relixiosa da nosa terra, así coma toda unha serie de actos ou acontecementos que se desprenden destes festexos. Os murais que se inclúen no traballo son os da Romaría Vikinga (Catoira), a Festa da Empanada (Bandeira), a do Salmón (A Estrada), a do Viño Albariño (Cambados), a do Viño Tinto de Barrantes (Ribadumia), a do Cocido (Lalín), a do Marisco (O Grove), a do Xamón (A Cañiza), a de San Roque (Vilagarcía de Arousa), a realizada en honor a Santa Rita de Casia (Vilagarcía de Arousa), a da Virxe da Peregrina (Pontevedra), a das festas patronais en honor a San Roque (Caldas de Reis), a do Corpus Cristi (Ponteareas) e a romaría en honor a Virxe da Franqueira (A Cañiza). Un total de 297 carteis dos cales 193 pertencen a festas profanas e 104 a festas sacras e dos que se fai un comentario e unha pequena análise para o que a autora tivo que contactar coa maioría dos artistas co fin de “acadar unha opinión máis persoal e unha biografía que tamén se expón no traballo”, explicou Mónica Leiro na presentación.

Un arduo labor de recompilación

A recompilación de carteis que se amosa no traballo non foi sinxela se non froito dun arduo traballo de investigación. En moitos casos a autora tivo que recorrer a particulares, imprentas, comisións de festas e museos para obter a maioría das obras, xa que nos arquivos municipais non se conservan as coleccións das festas populares. A esta parte do estudo seguiulle a tarefa de reconstrución ou restauración, xa que “moitos deles estaban deteriorados polo paso do tempo, mediante Photoshop houbo que sacarlle manchas e mesmo volver a construír anacos que lle faltaban”, comentou Mónica Leiro.
Á hora de elixir ás diferentes obras das diversas e numerosas festas que existen na provincia de Pontevedra, a autora tivo en conta dous criterios principais: que tiveran trinta ou máis anos de antigüidade e que se conservara unha mostra representativa dos carteis aínda que non estiveran na súa totalidade. Segundo sinalou a alumna do campus pontevedrés, “a inexistencia de fondos documentais e de coleccións fixeron que moitas localidades e concellos quedaran fóra da investigación por non cumprir cos requisitos”.