DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizado polo grupo de investigación WellMove, co financiamento da Deputación de Pontevedra

Un estudo constata o potencial da marcha nórdica para promover actividade física en mulleres afectadas por un cancro de mama

Tratouse dun proxecto piloto que permitiu constatar a adherencia que xera esta actividade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 30/09/2025

Un estudo desenvolvido por integrantes do grupo de investigación WellMove, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, subliña “o potencial da marcha nórdica como unha intervención efectiva para promover actividade física”, sinalan, en mulleres que padeceron cancro de mama. Consistente en camiñar movendo de xeito alternativo dous bastóns, trátase dun exercicio aeróbico que, “ao involucrar as partes superior e inferior do corpo, implica un movemento máis completo que camiñar sen bastóns, o que podería potenciar os efectos beneficiosos, ao mesmo tempo que é unha actividade de baixo risco”, explica Adriano Sánchez, investigador principal do proxecto Ponte-Vida, realizado ao abeiro do programa de axudas para o desenvolvemento de iniciativas investigadoras financiado pola Deputación de Pontevedra, no marco dun convenio coa UVigo. 

Este estudo piloto, no que participaron 23 mulleres ás que se lles diagnosticara cancro de mama que xa completaran o tratamento principal, contou coa participación, xunto a Sánchez Lastra, dos investigadores e investigadoras da facultade José Carlos Diz, Ana Rey, Silvia Varela e Carlos Ayán e coa colaboración do instrutor Jorge Torres, de VigoEntrena. O seu obxectivo era avaliar tanto os posibles beneficios como se é factible implantar un programa de marcha nórdica nun colectivo que pode presentar “secuelas como fatiga, dor, ansiedade e depresión” tras a enfermidade e que “a miúdo enfronta retos específicos para manter niveis axeitados de actividade física”. Nese senso, a “falta de adherencia” aos programas de exercicio segue sendo “un problema significativo” neste colectivo, para o que a marcha nórdica podería resultar “especialmente beneficiosa”. Non obstante, os seus beneficios para mulleres afectadas por un cancro de mama seguen sendo un aspecto pouco estudado, como xa demostrara o grupo WellMove, que forma parte tamén do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, nun artigo que constituía a primeira revisión sistemática sobre esta cuestión, publicado en 2019 e desde o que, recoñece Sánchez, “apenas se realizaron novos estudos”.

Un programa de catro semanas

Trece das 23 mulleres que participaron nas avaliacións iniciais integraron o grupo experimental deste estudo, que participou nun programa de catro semanas de marcha nórdica, levado a cabo en diferentes áreas verdes e urbanas de Vigo. “As sesións leváronse a cabo seguindo unha progresión ascendente na carga de adestramento, aumentando progresivamente a velocidade da marcha e o desnivel acumulado”, explican os responsables dun estudo no que outras dez participantes integraron o grupo de control, que “seguiu co seu estudo de vida habitual” e co que finalmente non foi posible establecer comparacións. 

Conformado por sesións semanais de 90 minutos, nas que percorrían aproximadamente cinco quilómetros, tratouse dun programa no que se buscaba xerar “un ambiente que favorecese a socialización”, apunta Sánchez Lastra. Antes do seu inicio recolléronse unha serie de datos sociodemográficos e de caracterización clínica das participantes, ás que se realizou tamén unha avaliación para coñecer a súa condición física inicial. Estas probas realizáronse novamente ao remate do programa, xunto cunha serie de cuestionarios dirixidos a coñecer a súa percepción da actividade. Estas permitiron constatar en primeiro termo a “alta adherencia” da iniciativa, así como o “elevado nivel de goce asociado a esta práctica”, que as participantes percibiron como “segura, agradable e enriquecedora, grazas ao seu compoñente de socialización”, que sinalaron como “un dos maiores atractivos”, por proporcionarlles “motivación, apoio emocional e un espazo para compartir experiencias”, ao tempo que sinalaron tamén melloras na percepción xeral da súa saúde.

Estes resultados levan ao equipo investigador a pór o foco no interese da marcha nórdica na “prevención de complicacións asociadas á inactividade física neste colectivo”. Non en van, pese a tratarse dunha estudo cunha mostra de “pequeno tamaño”, amosa que se trata dunha “práctica prometedora para promover a adherencia á actividade física” entre as afectadas polo tipo de cancro máis frecuente en mulleres, dado tanto a adherencia amosada como o seu baixo custo e facilidade de implantación.