DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Asinado por Lewis A. Jones, do MAPAS_Lab da UVigo, e Kilian Eichenseer, da Erlangen-Nürnberg

Un estudo constata que a mostraxe espacial desigual distorsiona as reconstrucións da temperatura da auga do mar no Fanerozoico

O artigo foi publicado pola revista 'Geological Society of America'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 22/12/2021

Coa chegada á Universidade de Vigo a pasada primavera da investigadora Sara Valera, cunha bolsa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC) de 1,5 millóns euros, botou a andar o MAPAS Lab. Esta nova liña de investigación, dentro do Grupo de Ecoloxía Animal, céntrase en estudar os procesos de evolución e extinción nos últimos 540 millóns de anos, é dicir, onde aparece e desaparece a biodiversidade ao longo do tempo, xerando mapas paleoclimáticos para ese período e tamén programando un modelo que simule os mecanismos de diversificación da vida. O traballo comeza a dar os seus froitos en forma de artigos científicos, como é o caso do que acaba de publicar a Geological Society of America, asinado polo investigador da UVigo Lewis A. Jones e Kilian Eichenseer, da universidade Erlangen-Nürnberg. 

Lewis A. Jones incorporouse á Universidade de Vigo este verán procedente do Imperial College London, para formar parte do MAPAS Lab. A súa liña de investigación céntrase en decodificar as interaccións entre a vida e o medio ambiente no tempo profundo, centrándose principalmente nos corais, os ecosistemas de arrecifes e outros invertebrados mariños. Un eixo central do seu traballo é a avaliación da influencia da mostraxe espacial variable para comprender onde e cando vivían as especies, para o que combina información procedente da paleoclimatoloxía coa localización de rexistros fósiles, o que lle permite comprender as limitacións climáticas da distribución dos corais ao longo do tempo. Este artigo, o primeiro que publica como membro de MAPAS Lab, asínao en colaboración con Kilian Eichenseer, da Universidade de Erlangen-Nürnberg, Alemaña, e demostra que empregar unha mostraxe espacial desigual distorsiona as reconstrucións da temperatura da auga do mar no Fanerozoico.

A temperatura global podería estar sobreestimada no 70% dos intervalos do Fanerozoico 

Aínda que o planeta camiña, a causa do cambio climático, cara un estado cálido sen precedentes históricos provocado polos seres humanos, non é a primeira vez que a Terra sufre procesos tanto de quentamento como de arrefriamento global. O artigo de Jones e Eichenseer documenta unha ampla gama deste tipo de sucesos e o seu efecto nos ecosistemas, proporcionando un contexto crítico para comprender o cambio climático pasado, actual e futuro. 

Explican que o clima da Terra non se pode medir directamente polo pasado xeolóxico, polo que os investigadores baséanse en substitutos da temperatura para reconstruír climas pasados. O máis común é recorrer ás medicións da proporción de isótopos estables 18e 16O (d18O), “medidas que se toman, polo xeral, das cunchas de organismos fósiles compostos de carbonato de calcio (CaCO3), como foraminíferos, braquiópodos, bivalvos e belemnites”. A partir das medicións de d18O a cuncha, explican, pódese calcular a temperatura da auga circundante no momento da formación da cuncha. De feito, estas medicións proporcionan “o rexistro máis completo da temperatura pasada do Fanerozoico”, explica Jones, un período de tempo que abarca os últimos 541 millóns de anos, pero o rexistro xeolóxico está incompleto e “a dispoñibilidade de fósiles para a mostraxe varía a través do tempo e do espazo”. Isto, recalcan os investigadores, é un problema, xa que a temperatura “diminúe dende o Ecuador ata as rexións polares, formando un gradiente de temperatura latitudinal”. Como consecuencia, unha mostraxe incompleta e variable deste gradiente ao longo do tempo “pode conducir a reconstrucións enganosas de temperaturas globais pasadas”.

Precisamente, no seu artigo Jones e Eichenseer proban o impacto desta distribución cambiante da mostraxe nas reconstrucións da temperatura global pasada. “Demostramos que a temperatura global podería estar sobreestimada no 70% dos intervalos do Fanerozoico” e tamén determinaron que os cambios observados no clima para algúns intervalos coinciden cos cambios na distribución da mostraxe. Por exemplo, explica Jones, “cando a mostraxe cambia de latitudes baixas a altas, como no Cretácico Superior, xérase unha tendencia de arrefriamento. Polo contrario, cando a mostraxe cambia de latitudes altas a baixas, como no Devónico tardío, xérase unha tendencia ao quentamento”. Así, os seus resultados suxiren que as flutuacións observadas na temperatura global “poderían ser inducidas artificialmente durante algúns intervalos, enmascarando a tendencia real”. Tamén observaron que as perturbacións climáticas poden subestimarse en certos puntos do Fanerozoico. “Por exemplo, unha tendencia de arrefriamento clásica observada no Ordovícico podería subestimarse debido a un cambio de mostraxe cara o Ecuador”. En xeral, destacan os investigadores, “os nosos achados suxiren que, se ben os rexistros proxy son vitais para reconstruír a temperatura pasada da Terra, a consideración da natureza espacial destes datos é crucial para mellorar estas reconstrucións”.

Proceso de adaptación

Jones chegou á UVigo este pasado mes de xullo, tras pasar un proceso de selección para incorporarse ao grupo de Sara Varela. Explica que coñeceu o traballo da investigadora viguesa cando esta gañou a bolsa Starting Grant do European Research Council, aínda que previamente xa tiña empregado algún dos seus artigos no seus estudos de doutoramento. Cando tivo coñecemento da posibilidade de unirse a “un equipo tan diverso con un rango amplo de experiencia no ámbito profesional” non o dubidou, “é unha oportunidade”. 

A pesar de que leva arredor de seis meses en Vigo, recoñece que está gozando moito do traballo na Universidade. “Temos moitas facilidades e un bo ambiente de traballo” pero tamén recoñece que ao principio estaba preocupado pola distancia entre o campus e a cidade. “Agora xa o atopo un atopo un problema, hai moitas conexións e, de feito, encántame a localización do campus e é apaixonante botar unha ollada pola fiestra e ver tanto verde e montañas”, algo moi diferente á súa experiencia como estudante en Londres, recoñece. Para mellorar o seu proceso de adaptación matriculouse no curso de español para estranxeiros na Universidade e mesmo se animou a participar nas actividades de mergullo e surf do programa Augaventura. “Espero pasar moitos anos traballando aquí, en Galicia, porque é unha das partes máis bonitas de España”.