DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Centrado na especie ‘Ischnura hastata’, presente tamén en boa parte do continente americano

Un estudo do grupo EcoEvo achega os primeiros datos do descoñecido comportamento reprodutivo dunha libélula das Galápagos 

As femias aparéanse unha única vez nun período concreto do seu ciclo vital

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 22/03/2023

A pesar de tratarse dunha especie de libélula cunha “distribución amplísima” no continente americano, ata a data “non se sabía nada do comportamento reprodutivo” da Ischnura hastata, recoñece o catedrático Adolfo Cordero, coordinador do grupo de investigación EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación). Resultado dos traballos levados a cabo nas illas Galápagos por este grupo da Escola de Enxeñaría Forestal, un artigo publicado na revista Ecological Entomology presenta os primeiros datos do “intenso conflito sexual” que caracteriza o ciclo reprodutivo desta especie, entre os que destaca o feito de que as femias aparéanse unha única vez no seu curto ciclo vital e fano nunha “ventá temporal moi curta”, no momento no que mudan a súa coloración xuvenil pola da etapa madura.

Asinado por Cordero, as tamén investigadoras do grupo EcoEvo Anais Rivas e Olalla Lorenzo e Andrea C. Encalada, da Universidad San Francisco de Quito, o artigo Sexual conflict and the evolution of monandry: The case of the damselfly Ischnura hastata (Odonata: Coenagrionidae) in the Galápagos Islands recolle os resultados de máis de 230 horas de observacións desta especie. O estudo foi realizado nas zonas húmidas da illa Isabela, nuns traballos de campo enmarcados nun proxecto de investigación, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, sobre o comportamento das poboacións insulares e continentais de diferentes especies.  

Unha “ventá temporal” que os machos recoñecen 

Como explica Cordero, os únicos estudos previos sobre o comportamento reprodutivo da Ischnura hastata foran os realizados polo propio grupo EcoEvo nas Azores, onde esta especie constitúe o único caso de partenoxénese, a reprodución sen necesidade de machos, detectado ata o de agora nas libélulas. Isto non acontece nas Galápagos, mais os traballos de campo con métodos de marcaxe e recaptura levaron a rexistrar un “número extremadamente baixo de interaccións macho-femia e intentos de cópula”, sinalan. De feito, só puideron detectar 44 apareamentos nas máis de 230 horas de observación realizadas.

Isto aconteceu, ademais, a pesar de que “os machos foron moi persistentes unha vez conseguían o tándem, retendo as femias ata 139 minutos”. Mais, na maioría dos casos, estas “resistíanse” e a cópula non se producía, o que levou a constatar a existencia dunha “ventá de idade” de curta duración na que as femias si serían receptivas ao apareamento. “Non dimos con isto ata o segundo ano de traballo de campo”, apunta Cordero, que recoñece que “a baixa frecuencia de cópulas é algo moi sorprendente e aínda non sabemos como é isto así”. 

Nese senso, os apareamentos danse cando a “coloración laranxa xuvenil” do tórax das femias “comeza a cambiar” ao marrón agrisado da súa etapa adulta, nun intervalo temporal que dura preto de 24 horas. “O máis interesante é o que os machos aprenden que son esas femias de cor intermedia as que se aparean”, engade Cordero. De feito, estes mostraron unha “clara preferencia” por “intentar agarrar en tándem” para aparearse a femias desa idade intermedia, o que aconteceu no 94% dos casos nos que detectaban un exemplar destas características, mentres que no caso das femias novas ou maduras deuse só no 31% e 24% dos casos, respectivamente.

Conflito sobre as taxas de apareamento

O estudo permitiu constatar tamén a curta esperanza de vida das femias de Ischnura hastata, cun ciclo de vital de entre 2,4 e 3,3 días na súa etapa madura e de preto dunha semana no seu conxunto, o que fai que estas “vivan só o suficiente para aparearse unha vez”. Trátase, como recolle o estudo, dunha especie monándrica, que se aparea cun único macho, un feito “raro nos insectos en xeral, agás nalgún grupo de vida moi curta”, como recoñece Cordero. 

Como recolle o artigo, tamén os machos de Ischnura hastata “teñen unha vida moi curta”, o que sumado á “pequena ventá temporal” das femias para o apareamento e á súa insistencia leva aos investigadores a pór de relevo a existencia dun “intenso conflito sexual” sobre as taxas de apareamento nesta especie. “Falamos de que hai conflito sexual cando os intereses reprodutivos dos dous sexos non coinciden”, explica Cordero. “Neste caso, as femias controlan o sistema, xa que non aceptan máis ca unha cópula, o que pon aos machos nunha situación de ‘busca desesperada’ na súa curta vida”, engade o responsable do grupo EcoEvo. Nese senso, este conflito sexual implica, por unha banda, “que moi posiblemente a maioría dos machos nunca se aparean” e, por outra, que “posiblemente algunhas femias poidan ter problemas para aparearse, se as poboacións son pouco densas”, engade o catedrático, que apunta a posibilidade de que este conflito sexual “predispoña á especie cara a partenoxénese”.