DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os seus resultados foron publicados na revista 'Nature Geocience'

Un estudo internacional sinala que os cambios na vexetación están a aumentar a dispoñibilidade de auga superficial

Coa participación da UVigo e de institucións de China, Reino Unido e Estados Unidos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 21/11/2022

Un equipo internacional formado por investigadores das universidades de Vigo, Pequín e Columbia, da Academia de Ciencias de China e do UK Centre for Ecology and Hydrology veñen de realizar un estudo a nivel global sobre como os cambios na vexetación afectan á dispoñibilidade de auga superficial, formada pola auga de choiva que circula libremente sobre a superficie do terreo e por augas subterráneas que afloran. Nel destacan “os fortes efectos potenciais dos cambios deliberados na vexetación, como os programas de forestación, sobre os recursos hídricos máis alá das escalas locais e rexionais”. Entre as conclusións obtidas están que no conxunto do planeta estes cambios na vexetación teñen aumentado a dispoñibilidade global de auga a un ritmo de 0,26 mm yr−2 para o período 2001-2018.

O artigo, titulado Global water availability boosted by vegetation-driven changes in atmospheric moisture transport, foi publicado recentemente na revista Nature Geocience e está asinado polo investigador galego Luis Gimeno, do Grupo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab-Centro de Investigación Mariña) da Universidade de Vigo;  os chineses Jiangpeng Cui, Xu Lian, Tao Wang, Jinzhi Ding, Mingzhu He, Anping Chen e Shilong Piao; o inglés Chris Huntingford e o norteamericano Pierre Gentine. “Estamos moi satisfeitos coa publicación deste estudo, que é froito da colaboración científica internacional, nunha revista que é referencia absoluta en investigación xeocientífica”, destaca Luis Gimeno. O traballo, comenta o físico do campus de Ourense, dá continuidade á liña de investigación preferente que desenvolve Ephyslab no eido do transporte de humidade a nivel global e entronca coa investigación que neste campus da UVigo se realiza arredor dos recursos hídricos no marco do seu proxecto de especialización como Campus Auga.

“A novidade deste artigo e deste estudo fronte a outros reside en que non só estudamos como afectan estes cambios de vexetación localmente senón en rexións remotas, concretamente nas rexións sumidoiros de humidade procedente de rexións onde se teñen producido estes cambios na vexetación”, comenta Luis Gimeno. Se nunha rexión se teñen producido cambios de vexetación, detalla o experto, pode haber cambios na humidade saínde desta rexión, que logo xere precipitación non nela senón nunha rexión remota cando é transportada pola atmosfera e despois precipitada. Trátase, indica, de “cuantificar o papel do transporte de humidade no vínculo entre cambio de vexetación-cambio de auga superficial dispoñible”.

A nivel local, rexional e global

O artigo parte do feito de que a dispoñibilidade de auga superficial, definida como a precipitación (choivas) menos a evapotranspiración (a perda de humidade dunha superficie por evaporación directa xunto coa perda de auga por transpiración da vexetación), pode verse afectada por cambios na vexetación. Estes impactos, sinálase no estudo, poden ser locais, provocando a modificación da evapotranspiración e as precipitacións, ou non locais, provocando cambios no transporte de humidade atmosférica. A pesar desta relevancia, engaden os investigadores, as conexións entre os cambios de vexetación e a dispoñibilidade de auga nas rexións a favor do vento seguen estando pouco estudadas. Atendendo a esta situación, o equipo de investigación internacional que participou neste estudo vinculou as medicións da precipitación local cun novo índice de área foliar (que é a área de follas por unidade de área de superficie do solo), que ten en conta non só a vexetación local senón tamén a vexetación na rexión de onde provén a humidade que xerou a precipitación (rexión fonte). Tamén cuantificou os impactos hidrolóxicos potenciais do aumento da vexetación.

Entre as conclusión extraídas, os investigadores atoparon que “o aumento da dispoñibilidade de auga débese a un maior aumento das precipitacións en relación coa evapotranspiración en máis do 53% da superficie terrestre mundial”. Segundo explica o investigador da UVigo, o estudo realizado indica que “globalmente e considerando todo o planeta, os cambios na vexetación teñen aumentado a dispoñibilidade global de auga a un ritmo de 0,26 mm yr−2 para o período 2001-2018”. “Atopamos que o aumento de vexetación é beneficioso para a dispoñibilidade de auga tanto local como a favor do vento en aproximadamente a metade da superficie da Terra, mentres que é adversa noutros lugares, principalmente en rexións con auga limitada ou de grande elevación”, detalla.

Os resultados acadados, engade Luis Gimeno, “teñen fortes implicacións prácticas para perfilar programas de reforestación e cambios de uso de solo, co obxectivo de mellorar os recursos de auga tanto a escala local como rexional”, un tema prioritario, lembra, no contexto de cambio climático actual e futuro.