O proxecto, de Eixo Atlántico, foi presentado este martes na Deputación de Lugo
Un estudo liderado desde a UVigo propón unha folla de ruta para fomentar o enoturismo en Galicia e norte de Portugal
O informe expón estratexias diferenciadas para Ribeira Sacra e Valdeorras
O Eixo Atlántico presentou este martes na Deputación de Lugo o informe Propostas de acción para o enoturismo en Galicia e rexión norte de Portugal. O estudo, liderado desde a Universidade de Vigo, propón “unha folla de ruta para transformar os recursos vinculados ao viño en produtos turísticos máis completos e comercializables, de maneira que a visita a unha adega poida integrarse coa gastronomía, o patrimonio, a natureza, a paisaxe ou a cultura local”.
O informe foi realizado desde a Universidade de Vigo por Montserrat Cruz, Francisco Javier Sánchez e Vanessa María Suárez, completando o equipo Mª Carmen Pardo, da Universidade de Santiago de Compostela e Posmark. Foi cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolmento Rexional (Feder) a través do Programa Operacional de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (Poctep). Na súa presentación participaron a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López; a coautora do estudo, profesora da Área de Organización de Empresas da Universidade de Vigo e vicerreitora do campus de Ourense Montserrat Cruz, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.
A elaboración do informe, indican desde Eixo Atlántico, parte dunha iniciativa impulsada por Alfredo García, entón alcalde do Barco de Valdeorras, co obxectivo de pór en valor e aproveitar mellor os recursos vinculados á produción vitivinícola tanto en Galicia como no norte de Portugal. O seu obxectivo, engaden, é “aumentar o tempo de permanencia dos visitantes, favorecer o consumo de produtos do territorio e xerar actividade económica máis aló dos períodos de maior demanda”.
En conxunto, o informe propón ampliar a oferta enoturística para que o viño sexa o punto de partida de experiencias que integren gastronomía, patrimonio, natureza e actividades no territorio. A folla de ruta apuntada é: crear e comercializar experiencias e paquetes turísticos que combinen distintos recursos e servizos; distribuír actividades durante todo o ano para reducir a estacionalidade; reforzar a promoción e a identidade dos destinos; incorporar dixitalización, gamificación e novas ferramentas tecnolóxicas; mellorar a formación e o emprendemento no sector e reforzar a cooperación entre administracións, empresas e axentes locais.
Ribeira Sacra, Valdeorras e norte de Portugal
O informe expón estratexias diferenciadas para Ribeira Sacra e Valdeorras, adaptadas aos recursos que fan singular a cada territorio. En ambos os casos, o obxectivo é converter os recursos vitivinícolas en experiencias turísticas diferenciadas e comercializables, aproveitando a personalidade propia de cada zona. Na Ribeira Sacra, a proposta apóiase na combinación de paisaxe, viticultura heroica, patrimonio e recursos naturais. A súa denominación de orixe reúne máis de 96 adegas, máis de 2000 viticultores e unhas 2500 hectáreas de viñedo, con 36 adegas visitables. O reto recollido no estudo pasa neste caso por aproveitar este potencial para ampliar as experiencias vinculadas ao viño e conectalas co resto de recursos turísticos. En Valdeorras, o informe identifica como elementos diferenciais o Godello, a calidade dos seus viños e o patrimonio asociado ás covas tradicionais. O estudo destaca especialmente iniciativas como Valdeorras Oculto, que "pon en valor este patrimonio a través de rutas e experiencias", e propón reforzar a súa programación durante todo o ano para contribuír a reducir a estacionalidade.
O estudo analiza tamén o norte de Portugal para identificar boas prácticas e oportunidades de cooperación, e propón que Ribeira Sacra e Valdeorras desenvolvan produtos propios que, ao mesmo tempo, poidan integrarse nunha oferta enoturística transfronteiriza. A folla de ruta apunta reforzar a colaboración entre administracións e sector privado mediante a creación e comercialización de novas propostas, a promoción conxunta, a dixitalización, a formación e a cooperación territorial. “O obxectivo é xerar actividade durante todo o ano e ampliar o impacto do viño na hostalaría, o comercio e o emprendemento local, converténdoo nunha porta de entrada para descubrir o conxunto do territorio”, sinalan desde a iniciativa.
