DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto que investigadores de Fisioterapia desenvolven coa asociación Avempo

Un estudo pioneiro avalía os beneficios do exercicio terapéutico con realidade virtual en persoas con esclerose múltiple

Dirixido a mellorar as súas capacidades funcionais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 02/05/2024

Analizar os posibles beneficios, en persoas con esclerose múltiple, dun programa de exercicio terapéutico con lentes de realidade virtual é o obxectivo do estudo que investigadores da Facultade de Fisioterapia desenvolven coa Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (Avempo). Coordinado polos fisioterapeutas Gustavo Rodríguez e Pablo Campo, do grupo de investigación HealthyFit da UVigo e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, preto dunha vintena de socios e socias de Avempo participaron neste estudo pioneiro, que conta co financiamento do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (Cofiga). “Neste colectivo non había investigacións que exploraran os usos da realidade virtual inmersiva para a mellora das súas capacidades funcionais”, destaca Campo respecto dun estudo que se insire á súa vez no convenio de colaboración entre a UVigo e Avempo e no que participou tamén a estudante de mestrado de Fisioterapia Elena Ferreiro.

Dando continuidade a proxectos previos do grupo HealthyFit, que exploraban os beneficios da actividade física con dispositivos de realidade virtual, este estudo céntrase na realización e posterior análise dun programa de exercicio baseado no uso de exergames, videoxogos que implican unha compoñente física e cognitiva. “Traballaramos xa con persoas con párkinson ou alhzeimer e tratamos de extrapolar esta experiencia previa a un colectivo co que non se realizarán intervencións deste tipo, maila que xa exploramos os beneficios do exercicio nesta poboación nun artigo publicado no Journal Clinical Medicine”, apunta Campo. A esclerose múltiple, lembra, é “unha enfermidade neurodexenerativa inflamatoria crónica, que implica diferentes afectacións xerais, na marcha, no equilibrio e na forza ou problemas de control motor e tamén unha sintomatoloxía máis específica, como poden ser cadros de fatiga moi marcados, e que ademais afecta a persoas moi novas”. Nese senso, o obxectivo deste programa, que foi realizado a un grupo de persoas cunha idade media próxima aos 40 anos, era contribuír a “mellorar as súas capacidades funcionais e a súa calidade de vida ”. 

Un programa de oito semanas

O proxecto abrangueu o desenvolvemento dun programa de exercicio de oito semanas, con dúas sesións semanais, nas que un grupo de participantes debía desenvolvía diferentes actividades cuns lentes de realidade virtual inmersiva Oculus Quest 3, un dispositivo de última xeración. Esta actividade foi supervisada pola fisioterapeuta Elena Ferreiro, como parte do seu traballo final no mestrado en Exercicio Terapéutico en Fisioterapia, xunto co persoal da asociación e, de xeito, paralelo, outro grupo de participantes no estudo “seguiu realizando as actividades programadas polas asociación”, apunta Campo. “Acabamos de rematar a intervención e de facer as avaliacións finais”, engade o investigador, que explica que, a falta da análise dos datos, “os resultados iniciais son positivos”, xa que constatan que desenvolver do programa é “factible e seguro, sen efectos adversos”, así como a “elevada satisfacción e o compromiso” das e dos participantes coa iniciativa.

Os usuarios e usuarias de Avempo trasladan un alto grao de satisfacción tras participar no programa de exercicio terapéutico do estudo. “Trátase dunha forma de incentivar o exercicio máis intenso nos pacientes, aos que ás veces cústanos un pouco, e esta experiencia consegue facelo todo moi entretido e variado”, comenta unha das pacientes participantes, que considera que sería “moi interesante” introducir a realidade virtual nas sesións de fisioterapia de forma regular, dándolle continuidade ao proxecto. 

Unha colaboración á que dar continuidade

Como explica Campo, esta colaboración con Avempo arrancou hai preto dun ano, coa realización dunha xornada informativa, e levou posteriormente ao deseño dun protocolo de investigación, publicado na revista Sclerosis, para logo dar forma a este programa de exercicio terapéutico, ao que agardan poder dar continuidade con novas colaboracións. O investigador subliña tamén o positivo de iniciativas como este proxecto, “que non sería posible sen a colaboración das asociacións, do seu persoal e dos propios afectados" e que contou co financiamento das axudas para a investigación do Cofiga 2023/2024, xa que “posibilitan que o alumnado do máster poida participar en estudos clínicos e desenvolver investigacións aplicadas”.