DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun artigo publicado por investigadores do CINBIO na revista 'Advanced Functional Materials'

Un estudo presenta un innovador deseño de lipoxeles que permiten unha liberación controlada e independente de múltiples fármacos quimioterapéuticos

Abre novas vías para enfoques de tratamento contra o cancro máis precisos e personalizados

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI 30/10/2024

Avanzar na eficacia terapéutica mediante a coadministración estratéxica de medicamentos de maneira secuencial representa unha estratexia prometedora. Porén, lograr unha liberación precisa e selectiva de axentes quimioterapéuticos continúa a ser un gran desafío na loita contra o cancro.  Un artigo publicado na revista Advanced Functional Materials recolle os resultados dun estudo que propón como solución a introdución de liposomas magnéticos e nanobarras de ouro recubertas de sílice mesoporosa en xeles formados por coensamblaxe de dehidropéptidos. O estudo, liderado por persoal investigador do grupo TeamNanoTech do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, presenta este sistema composto como unha sofisticada ferramenta para modular de xeito independente a liberación de doxorrubicina (presente nos liposomas magnéticos) e metotrexano (encapsulado na sílice mesoporosa), fármacos habitualmente empregados no tratamento do cancro.

Os efectos combinados da liberación secuencial de fármacos, mediante fototermia e  hipertermia magnética “melloran a eficacia terapéutica contra os cultivos de células cancerosas en 3D”, explica Miguel Correa, investigador principal do grupo TeamNanoTech e primeiro asinante deste artigo xunto con Margarita Vázquez González e Sérgio R. S. Veloso, ambos do mesmo grupo.  Os atributos deste xel inclúen características beneficiosas como a mellor biocompatibilidade, inxectabilidade,  xelificación rápida e a autocuración, ademais de propiedades mecánicas adecuadas para administración de fármacos. 

Unha opción “cun gran potencial” para o desenvolvemento de novas aplicacións terapéuticas

A investigación abre novas vías para enfoques precisos e personalizados, representando un importante paso adiante na procura de terapias máis efectivas e controladas. “En definitiva, cremos que se trata dunha opción cun gran potencial para o desenvolvemento de aplicacións terapéuticas, especialmente, no contexto da terapia do cancro”, sinala o equipo do CINBIO involucrado na investigación.

Xunto ao persoal investigador do CINBIO, asinan este estudo Carlos Spuch, Luis Freiría-Martínez, María Comís-Tuche, Marta Iglesias-Martínez-Almeida e Tania Rivera-Baltanás, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur; ademais doutras científicas e científicos da Universidade do Minho e da Universidade de Aveiro.