DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Elena de Uña e Celia Adrián Rodríguez analizaron o ambiente en Aquis Originis e Baños de Riocaldo

Un estudo reivindica o patrimonio sonoro termal de Lobios

Salientan como o son da auga conforma unha parte importante destes espazos

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 18/10/2018

Unha proposta de reivindicación do sonoro como elemento patrimonial a través da caracterización da sonoridade da auga na contorna de Aquis Originis e Baños de Riocaldo, no concello ourensán de Lobios. Este foi o obxectivo dun traballo de recuperación, documentación e dixitalización desenvolvido por Elena de Uña, investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio e do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo, e Celia Adrián Rodríguez, profesora do Conservatorio Profesional de Música de Ourense.

Segundo explican as súas autoras, o estudo, publicado no libro de actas do II Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida, organizado no marco do Campus da Auga, parte da idea de que “como marca acústica dos lugares, a sonoridade da auga contribúe á configuración da identidade cultural e, por tanto, forma parte do seu patrimonio”. A sonoridade dun lugar, detallan, “é un resultado da interacción entre os sons xerados pola natureza e polo home (directa e/ou indirectamente)” e o estudo da sonoridade da auga “permite avanzar no coñecemento do noso patrimonio cultural”. Nos casos analizados, sinalan Elena de Uña, profesora da Facultade de Historia ourensá, e Celia Adrián Rodríguez, “os sons da auga conforman unha parte esencial dos ambientes termais” e o seu  rexistro en antigos e novos lugares de uso termal, así como a súa caracterización e análise, “proporciona información significativa sobre a potencialidade dos mesmos para a recreación, o lecer e a educación patrimonial”.

Dúas mostras

No estudo levado a cabo, as investigadoras centráronse no caso de dous espazos situados á beira do río Caldo, en Lobios, no Parque Natural Baixa Limia- Serra Xurés. O obxectivo foi recoller a sonoridade deses ambientes e analizar a frecuencia, intensidade, volume e timbre do audio gravado. O primeiro destes encalves é un espazo termal de época romana, a mansio Aquis Originis, da que só se conservan restos arqueolóxicos, e outro é un espazo termal de uso actual como son os Baños de Riocaldo.

Sobre o primeiro dos espazos analizados, Aquis Originis, o traballo apunta como a frecuencia media da mostra sonora é de 216 Hz. Na actualidade, detallan as autoras, o son da auga é silencioso, ao estar situado o río a 118 metros da construción romana, cobrando protagonismo a xeosonoridade da paisaxe no seu conxunto. “Aínda que parece imperceptible, ao amplificar a forma de onda pode escoitarse e observarse mellor como a sonoridade é vital e variable, non estática”, apuntan. Trátase, detallan as investigadoras, dun son de intensidade baixa en segundo plano e unha sonoridade constante que marca o ambiente acústico da contorna. Os resultados da segunda mostra, recollida en Baños de Riocaldo, apuntan a “unha sonoridade da auga estática e débil, aínda que con microvariacións e de carácter xeral, deixando que a xeosonoridade do ambiente pase a un primeiro plano e a auga quede integrada como un elemento sonoro máis do conxunto”. A frecuencia media localizada neste caso é de 98 Hz.

En ambos casos, o audio gravado recolle frecuencias graves, próximas ao punto cero de silencio, con formas de onda moi similares e nos que o son da auga está perfectamente integrado no resto de sonoridades do ambiente, segundo recolle o estudo. O primeiro encalve, apunta, presenta unhas frecuencias maiores e unha sonoridade máis vital que no caso dos Baños de Riocaldo. “Isto débese, principalmente, a que a zona de baños é un auga estática, unha piscina termal, mentres que no caso de Aquis Originis a auga está en movemento, posto que estamos no curso do río Caldo”.

A importancia de estudar e valorizar

“O obxecto de recoller a mostra nos baños termais actuais asociados ao mesmo río é poder establecer unha sonoridade similar á que podería haber no pasado nos baños termais da mansio romana. É indubidable que a sonoridade e a propia xeofonía do lugar sería ben distinta á actual, pero iso non fai máis que reforzar a nosa hipótese de traballo, que a sonoridade da auga é clave no entendemento e apreciación da paisaxe que nos rodea e que é un patrimonio inmaterial que debe ser preservado e coidado, ou se converterá en algo caduco, que rematará desaparecendo”, apuntan por último as autoras do traballo. Por este motivo recalcan o valor do son como un patrimonio inmaterial “que dalgunha maneira temos que rexistrar, valorar, visibilizar e estudar”, levando a cabo iniciativas coma a súa.