DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha poboación de 3000 individuos, esta especie está en perigo de extinción

Un estudo revela que a toniña ibérica se alimenta principalmente de faneca, lirio, xurelo e pescada

Isto implica que existe un solapamento parcial coas capturas de especies de peixe comerciais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 20/06/2024

Un estudo liderado polo Instituto Español de Oceanografía, e no que participa a Universidade de Vigo, revela a dieta da toniña (Phocoena phocoena) que habita en augas de Galicia. A investigación, na que tamén colabora a Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (CEMMA), o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) e as universidades de Aberdeen, Aveiro e o Algarve, acaba de ser publicado na revista Endangered Species Research.

As toniñas obxecto de estudo pertencen á poboación ibérica, e caracterízanse por ser xeneticamente distintas das toniñas que habitan noutras rexións de Europa. En total, as toniñas ibéricas contan cunha poboación de arredor de 3000 individuos en toda a súa área distribución e España pode albergar menos do 20% na súa área costeira, polo que está catalogada como en perigo de extinción.

O artigo, que ten como primeiro asinante a Alberto Hernández González, investigador do  Instituto Español de Oceanografía e da Universidade de Vigo, permitiu mellorar o coñecemento sobre a ecoloxía alimentaria desta esquiva especie a partir da análise do contido estomacal de 72 toniñas que vararon en Galicia entre 1990 e 2018. O obxectivo da investigación era determinar a composición da dieta, estudar que factores afectan á súa variabilidade e estimar a superposición entre a dieta da toniña e as especies obxectivo das pescarías na área de estudo, unha das rexións pesqueiras máis importantes de Europa.

Faneca, lirio, xurelo e pescada, as catro especies que predominan na súa dieta

Os resultados do estudo revelan que estes pequenos cetáceos son principalmente piscívoros, aínda que poden alimentarse de ata un total de 33 especies de presas diferentes, incluíndo cefalópodos. As catro especies que predominan na súa dieta son a faneca (xénero Trisopterus), o lirio (Micromesistius poutassou), o xurelo (Trachurus trachurus) e a pescada (Merluccius merluccius). Tras examinar os cambios producidos na dieta ao longo dos anos, os investigadores detectaron que o consumo de lirio e pescada aumentou na última década. 

Por outra parte, non se detectaron diferencias na dieta entre sexos nin entre estación, non obstante, si que se atoparon diferencias na composición da dieta entre adultos e xuvenís, alimentándose estes últimos de presas máis costeiras. 

Segundo explica Alberto Hernández González, primeiro autor do traballo, “o estudo constata que hai un solapamento parcial entre as especies comerciais capturadas polas pescarías e as consumidas polas toniñas. Ao mesmo tempo, tamén se constatou que ambas, pescarías e toniñas, coinciden parcialmente no tamaño das especies que obteñen do medio mariño”. Isto, engade o científico, “corrobora que a toniñas ibérica é vulnerable aos efectos da actividade pesqueira, tanto polas capturas accidentais como pola redución na dispoñibilidade das súas presas principais”. 

Xunto con Hernández, asinan este estudo Camilo Saavedra, Fiona L. Read4, Alfredo López, Anabela Gouveia, Pablo Covelo, Alexandre Alonso-Fernández, Francisco Velasco, M. Begoña Santos e Graham J. Pierce.