DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O galardón é outorgado pola Red Intur

Un estudo sobre o turista de rallys en Galicia é elixido como un dos mellores traballos fin de mestrado estatal da súa área

Tamén foi distinguido pola Asociación Española de Economía un TFG sobre Mitsubishi

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Investigación
DUVI Ourense 05/12/2019

Un traballo fin de mestrado sobre as e os asistentes a rallys de asfalto en Galicia e un traballo fin de grao sobre eficiencia de custes en Mitsubishi, ambos presentados na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de  Ourense, conseguiron cadansúa distinción de ámbito estatal. O primeiro foi elixido pola Red Intur como un dos oito mellores traballos fin de mestrado en turismo no ano 2019 en España e o segundo acadou unha mención dos galardóns anuais para os mellores traballos fin de grao da Asociación Española de Economía.

Premio de Red Intur

A Red Intur, formada por arredor dunha trintena de universidades estatais nas que se imparten posgraos en turismo, convoca cada ano un certame que ten como obxectivo premiar aos mellores traballos fin de mestrado presentados en España durante o último curso académico. Nesta edición, un xurado especializado elixiu oito traballos entre as máis de 30 propostas presentadas. Entre os premiados está o traballo fin de mestrado Turismo deportivo. Eventos automobilísticos en Galicia, realizado pola alumna do Mestrado Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde da Universidade de Vigo. Moi satisfeita por ter acadado esta distinción e agradecida tanto ao profesorado do mestrado José Antonio Fraiz e Noelia Araújo como á Red Intur, a galardoada salienta como “non hai mellor recoñecemento ás horas de traballo e ao esforzo investido”. Cristina Rico explica como o seu traballo centrouse en coñecer o comportamento das e dos asistentes a rallys de asfalto en Galicia no ano 2018. Así, detalla, a primeira etapa do estudo consistiu na análise e revisión da situación do turismo deportivo e dos eventos automobilísticos. “Atopouse que esta disciplina pasa practicamente desapercibida para todos os axentes estudados, sendo isto un feito preocupante, dada a relevancia deste deporte en Galicia”, indica a premiada lembrando as preto de 800.000 persoas que mobiliza esta disciplina ao longo de todo o ano segundo datos facilitados pola Federación Galega de Automobilismo. A segunda parte do traballo centrouse no comportamento das e dos asistentes a este tipo de probas, elaborando una enquisa que se distribuíu entre afeccionados e páxinas e revistas especializadas.

“Acadáronse un total de 504 enquisas, co que se puido afondar en aspectos como o perfil sociodemográfico deste tipo de turistas, o gasto turístico realizado, a frecuencia coa que realiza actividades de turismo complementarias ou os tipos de produtos turísticos que consumen/demandan cando acoden a este tipo de probas”, sinala a autora do estudo. Sobre este perfil, Rico destaca como se trata de “fieis espectadores que se desprazan fóra da súa residencia habitual varias veces ao ano, pero que non adoitan practicar actividades turísticas ou ampliar a estadía nos lugares de desenvolvemento das probas porque non atopan información ou oferta de actividades que lles resulten atractivas”. Tendo en conta este perfil, recalca a premiada, este turista supón “un reto para a administración pública e a empresa privada: conseguir ampliar a estadía deste tipo de turistas ofrecendo produtos específicos”. Froito da información recadada, a autora do estudo conclúe como “atopámonos ante un perfil de turista que pode contribuír á desestacionalización do turismo na comunidade, xa que o calendario deste tipo de probas esténdese ao longo de todo o ano, así como axudar a xerar riqueza en zonas rurais, ámbito principal destas probas”.

Mención da Asociación Española de Economía

Pola súa banda, no II Premio para Traballos Fin de Grao da Asociación Española de  Economía, Marlon Möller acadou unha mención polo seu estudo Direct material cost efficiency analysis.  An assessment of valuation methods at Mitsubishi Fuso Truck and Bus Corporation. Marlon Möller é un dos primeiros estudantes en rematar o dobre grao en Administración e Dirección de Empresas pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense e a Universidade de Bremerhaven, en Alemaña. O traballo galardoado estivo dirixido polos profesores Ernesto López-Valeiras, pola Universidade de Vigo, e Class Legenhausen, por Bremerhaven. Nel analiza a aplicación de tres métodos de valoración que inicialmente se consideraron potencialmente axeitados para calcular a eficiencia de costes de material directo comercial en Mitsubishi Fuso Bus and Truck Corporation. Este mesmo traballo xa foi distinguido recentemente co primeiro premio na modalidade de ADE nos Premios José Manuel Pérez Canal aos mellores traballos fin de grao que cada ano concede a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense e o Colexio de Economistas de Ourense.