DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro da programación do festival VertixeVigo

A ETSE de Minas, escenario dunha estrea musical mundial inspirada na natureza de Ghana

A peza 'Na procura do Sisili' foi interpretada por Vicent Grau e Pablo Beltrán

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 25/11/2015

Natureza e tradición, fauna e auga, voces tribais e sons da selva. A riqueza que rodea o río Sisili, no norte de Ghana pode transportarse a miles de quilómetros a través dos seus sons. E iso foi o que fixo o compositor Pablo Beltrán en Na procura do Sisili, unha peza musical que este mércores tivo a súa estrea mundial na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas. Este evento encádrase dentro da programación do festival VertixeVigo15 e forma parte da programación cultural da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais para este primeiro cuadrimestre.

O concerto desenvolveuse na entrada da escola protagonizado por Vicent Grau, á percusión, e por Pablo Beltrán, na electrónica. A peza estrea da súa actuación, composta en 2015 e de 10 minutos de duración, recolle unha viaxe cambiante nas marxes deste río e emprega diversos materiais sonoros como os ruídos selváticos, os sons do río, tambores, voces humanas, marimba, ecos de tempestades e choiva, vento e lume, etc. todos procesados e sintetizados. A actuación musical completouse con dous clásicos contemporáneos para percusión: Silence must be!, de Thierry de Mey (2002) e Sen VI, do xaponés Toshio Hosokawa (1993).

VertixeVigo leva xa varios anos colaborando coa Universidade de Vigo e traendo ao campus actuacións dentro da programación do festival, que ten como obxectivo presentar novos creadores a través da realización de concertos de música contemporánea, música electrónica, música improvisada e obradoiros especializados. O festival está organizado por Vertixe Sonora Ensemble, un dos colectivos máis destacados na aposta pola música contemporánea.