DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Laboratorios científicos na Semana da Ciencia

A ETSE de Minas transmite aos alumnos de secundaria a importancia de preservar os recursos naturais

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 13/11/2007
Co obxectivo de transmitir a importancia de preservar tanto os recursos naturais da Terra como o medio ambiente, a ETSE de Minas participa do 12 ao 16 de novembro na Semana da Ciencia cunhas xornadas matinais de portas abertas para centros de ensino secundario da comarca de Vigo. Trátase de “atraer ós institutos para amosarlles unha visión actualizada da titulación a través de temas científicos relacionados con ela”, tal como comentou Natalia Caparrini, xefa de estudos da Escola, e encargada de recibir ós grupos.
Este martes tocoulle a quenda aos alumnos do IES Escolas Proval de Gondomar, que se mostraron moi interesados polos experimentos que lles amosaron. Durante a presentación que Fernando Cerdeira, profesor do departamento de Máquinas e Motores Técnicos, fixo das cámaras termográficas un dos alumnos afirmou que “nunca vira algo así. Sería moi útil ter unha destas máquinas na casa cando estamos con gripe e precisamos saber se temos febre”

Contido da visita

Durante dúas horas, os participantes nesta actividade acoden a laboratorios de termografía, de materiais, de fotogametría e de recursos naturais para asistir a demostracións prácticas levadas a cabo por monitores alumnos e profesores de Minas. A finalidade é mostrarlles, entre outras cousas, o xeito de realizar unha voadura con explosivos, o funcionamento dun láser 3D e dun simulador real de biomasa deseñado por estudantes da propia escola durante o proxecto de fin de carreira. O percorrido polas novas instalacións da ETSE de Minas, inauguradas no 2005, e unha charla sobre as características e saídas profesionais da titulación que nela se imparten completan as visitas guiadas.