DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra da Universidade de Vigo trasladouse a Cangas, Nigrán, Allariz e Ourense

Eu son UVigo! non pecha por vacacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 05/07/2021

Logo de estrearse a finais deste curso en varios centros de ensino secundario das catro provincias galegas, a exposición Eu son UVigo! pasará o verán nos concellos de Cangas e Nigrán, na Casa da Cultura de Allariz e na Biblioteca Rosalía de Castro de Ourense. A vintena de cubos que conforman a mostra, que ten o obxectivo de dar a coñecer a potenciais estudantes da UVigo os perfís de persoas que acadaron o recoñecemento profesional e que ben, son egresadas, o ben, actualmente desenvolven a súa actividade na institución académica viguesa, permanecerán ata setembro nas súas novas localizacións, para regresar entón a colexios e institutos galegos.

“Decidímonos por estes espazos por ter un fluxo de visitantes constante. Queríamos ter visibilidade no sur de Galicia ao longo do verán para seguir amosando á sociedade o talento da Universidade de Vigo en lugares que ademais son de interese turístico e, por iso, moi visitados estes meses”, explica Susana Rodríguez Barcia, directora da Área de Captación de Alumnado da UVigo, en relación coa mostra, coa que a institución pretende difundir a súa imaxe como centro de prestixio que prepara para a vida real en todos os ámbitos do coñecemento, tamén o artístico e humanístico, ademais dos tradicionais científico e tecnolóxico, cos que se lle identifica habitualmente, fomentando ademais entre o alumnado non universitario a creatividade literaria e lingüística, a curiosidade científica e a procura da innovación a partir do fitos acadados por egresadas e egresados da UVigo.

Positivo balance do inicio da exposición

A mostra inaugurouse o pasado 21 de maio nos IES Santo Tomé de Freixeiro de Vigo, Ramón Otero Pedrayo de Ourense, Lucus Augusti de Lugo, Eusebio da Guarda en A Coruña e posteriormente no Edificio Redeiras no Casco Vello vigués. Un periplo que a directora da Área de Captación considera “positivo, en canto que sabemos que moito estudantado puido ver a mostra a final do curso académico. Non temos datos exactos do número de visitantes, pero a exposición reforza as nosas accións de captación na etapa previa ás preinscricións nos estudos de grao”, sinala.

Finalizado o verán, as mostras regresarán a colexios e institutos de Galicia que amosaron, ao longo de mes xuño, o seu interese en acollelas, “aínda que segue aberta a posibilidade de que os centros escolares que o soliciten poidan acoller a mostra nas súas instalacións”.