DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Luis Soengas recolleu o galardón nunha cerimonia celebrada en Galway, Irlanda

Europa premia a innovación mariña do CIM co Atlantic Award ao proxecto Marinnonet

O xurado recoñeceu o seu alto impacto en sustentabilidade e capacidade de réplica noutras rexións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Internacional
  • Investigación
  • Premios
  • Investigación
DUVI 13/11/2025

O proxecto Marinnonet, coordinado polo catedrático José Luis Soengas, do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, recibiu este xoves  na cidade irlandesa de Galway o Atlantic Project Award, un dos Atlantic Awards 2025, galardóns que outorga a Comisión Europea para recoñecer as iniciativas máis destacadas na implementación da Estratexia Marítima Atlántica e do Atlantic Action Plan 2.0. 

Fíxoo no marco da celebración do Atlantic Stakeholder Platform Conference (ASPC 2025), unha xuntanza que, nesta ocasión, se celebra baixo o lema Mareas de cooperación: a estratexia atlántica como catalizador do Pacto Oceánico Europeo e na que se reúnen representantes de institucións europeas, administracións nacionais e rexionais, centros de investigación, entidades privadas e empresas do ámbito marítimo de toda a área atlántica.

A Comisión Europea  recoñece deste xeito o alto impacto deste proxecto en sustentabilidade, a súa viabilidade e capacidade de réplica noutras rexións europeas, así como o seu modelo innovador de cooperación internacional entre a ciencia, a industria, as administracións e a sociedade, o chamado modelo da cuádrupla hélice. Neste senso, o xurado destacou especialmente o enfoque participativo do proxecto, baseado en obradoiros de innovación aberta e proxectos piloto transnacionais que conectan a investigación coa aplicación práctica e o mercado.

“Recoñece o esforzo en conectar investigación, industria e sociedade”

“Estamos moi satisfeitos coa concesión do premio xa que recoñece o esforzo en conectar investigación, industria e sociedade en todas as rexións do espazo atlántico e en fomentar o intercambio de coñecemento para a súa posterior aplicación no eido da biotecnoloxíaa azul”, explica o director do proxecto, José Luis Soengas. 

Nesta mesma liña, o director do CIM, Daniel Rey, afirmou que “para o centro recibir o Atlantic Award é un recoñecemento internacional ao noso compromiso coa innovación, a transferencia de coñecemento e a excelencia no ámbito da biotecnoloxía mariña”. Desde o seu punto de vista, “este premio consolida o liderado do CIM na promoción de proxectos sostibles e de alto impacto na economía azul, reforza a súa proxección europea e serve como estímulo para continuar impulsando innovacións que contribúan á conservación dos océanos e ao desenvolvemento dun sector marítimo máis innovador e responsable”.

Unha alianza atlántica para impulsar a biotecnoloxía mariña

Coordinado polo investigador do CIM José Luis Soengas, Marinnonet reúne a dez socios de oito rexións atlánticas de España, Portugal, Francia e Irlanda. Concretamente, xunto coa Universidade de Vigo, forman parte do proxecto entidades académicas e de investigación como a Universidad de Las Palmas de Gran Canaria, a Universidad del País Vasco, o Instituto Español de Oceanografía do CSIC, a University of Galway (Irlanda), a Universidade do Minho (Portugal), Sorbonne Université (Francia), e Munster Tecnological University (Irlanda), así como os clústeres de innovación e transferencia Pôle Mer Bretagne Atlantique (Francia) e BlueBio Alliance (Portugal). 

Ademais dos dez socios, participan como colaboradores o Centro Interdisciplinar de InvestigaÇao Marinha e Ambiental (CIIMAR) de Portugal,  representantes da administración pública como a Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Hazi Fundazioa, a Sociedad de Promoción Económica de Gran Canaria e a  Irish Bioeconomy Foundation (Irlanda). Como representantes da sociedade están o grupo de acción costeira GALP Ría de Vigo e o grupo de acción local pesqueiro do país vasco Itsas Garpen Elkarta Flag. No eido empresarial, participan a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados y Mariscos (Anfaco), e a AsociaÇao Nacional para os Biorecursos Marinhos e Biotecnologia Azul (Portugal).

O proxecto promove tres grandes plataformas de biotecnoloxía mariña centradas na innovación para unha acuicultura sostible e resiliente, o uso de tecnoloxías ómicas e de observación para preservar a biodiversidade mariña e o desenvolvemento de produtos mariños con aplicacións industriais.

A través desta rede, Marinnonet está a impulsar nove proxectos piloto que xa ofrecen solucións concretas en sustentabilidade, economía circular e valorización de recursos mariños, demostrando o potencial da cooperación europea na transición cara a unha economía azul verde e innovadora.