DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa candidatura recibiu este xoves o apoio do plenario, nunha sesión celebrada de xeito virtual

Eva Lantarón, elixida presidenta da conferencia de decanos de Fisioterapia de España

Nela están representadas as 57 universidades que imparten a titulación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Saúde
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 10/12/2020

A profesora do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde e decana da Facultade de Fisioterapia, Eva María Lantarón, converteuse este xoves na nova presidenta da Conferencia Nacional de Decanos de Facultades de Fisioterapia (CNDFF), na que están representadas as 57 universidades españolas, públicas e privadas, nas que se imparte esta titulación. Nunha votación celebrada no marco dunha sesión ordinaria do plenario da conferencia, celebrado de xeito virtual, a súa candidatura, a única que se presentou neste proceso, recibiu 39 votos a favor e unha abstención. Como un “reto”, que terá como eixos “seguir loitando, a nivel académico e profesional” por dar resposta ás diferentes necesidades da titulación, recibiu Lantarón a súa elección para situarse á fronte da conferencia os próximos tres anos.

A docente do campus pontevedrés, que toma o relevo de Fausto José Barbero, da Universidade de Salamanca á fronte da CNDFF, encabezou unha candidatura completada por Jesús Ángel Seco, representante do grao en Fisioterapia na Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade de León, como vicepresidente; Esther María Medrano, vicedecana da Facultade de Ciencias de Enfermaría, Fisioterapia e Podoloxía da Universidade de Sevilla, como secretaria; e Juan Martínez, vicedecano do grao en Fisioterapia da Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade Católica de Murcia, como tesoureiro. Trala súa elección, a nova presidenta incidiu na importancia de “seguir avanzando para conseguir determinados retos”, como contribuír a que a fisioterapia poida “crecer a nivel académico e de investigación”, a diferenciación de especialidades ou abordar as dificultades que os requisitos de acceso aos corpos docentes supoñen para o profesorado desta área á hora de “progresar na súa carreira académica”. Do mesmo xeito, a nova presidenta deste órgano colexiado puxo de relevo o positivo deste nomeamento en termos de “visibilidade, tanto da propia facultade como da Universidade de Vigo”.  

Segunda presidenta saída da facultade

Coa súa elección, Lantarón convértese na segunda representante da Universidade de Vigo que se sitúa á fronte da CNDFF, despois do que fora tamén decano da facultade Manuel Gutiérrez, así como na segunda muller titulada en Fisioterapia en ocupar a presidencia deste órgano. “Entender a profesión desde dentro, ser titulada, dáche unha perspectiva diferente á hora de defender os seus intereses”, salienta Lantarón, que, ao mesmo acento, pon de relevo que “aínda que cada vez hai máis mulleres en cargos de xestión, seguimos sendo moi poucas”. 

Liñas de traballo

Na presentación da súa candidatura no plenario, Lantarón sinalou unha serie de “liñas estratéxicas” que guiarán o traballo da nova xunta directiva nos próximos anos. Nelas, pon o foco en aspectos como o “desenvolvemento de liñas de investigación específicas” deste ámbito, “que nos permitan como grupos emerxentes, acceder a axudas específicas de investigación” ou obter financiamento en convocatorias competitivas, lembrando neste punto que convocatorias como as do Plan Nacional recollen “determinados requisitos que é moi difícil que investigadores dunha área como a nosa, cunha traxectoria reducida, poidamos cumprir”. Neste mesmo ámbito, sinalou tamén a necesidade de abordar cos ministerios de Universidades e Ciencia e Innovación “como regular as investigacións aplicadas en ciencias da saúde”, co propósito de que as “aplicacións de carácter sanitario” destes proxectos sexan desenvolvidas “por titulados sanitarios con esas competencias”.

No referido ao PDI, Lantarón puxo o foco nas dificultades que nesta área implican os requisitos para o acceso a corpos docentes universitarios, propoñendo “negociar unha transitoria” co Ministerio de Universidades e a Aneca (Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y la Acreditación) que considere “a especifidade dentro da rama de Ciencias da Saúde de especialidades sanitarias” como a fisioterapia. “Somos unha titulación emerxente, pero os requisitos que nos esixen tanto para acreditarnos nos corpos docentes como para a obtención de sexenios son os mesmos que os de titulacións cunha traxectoria moito máis extensa”, salientou.

Así mesmo, a nova presidenta referiuse tamén á necesidade de seguir traballando “no marco común entre o Ministerio de Universidades e o Ministerio de Sanidade para o desenvolvemento das especialidades en Fisioterapia”. No referido á docencia, apuntou tanto á realización dunha análise sobre a situación dos TFG como á continuación do traballo xa iniciado de “mapeo da situación das prácticas externas” nas diferentes universidades. Esta iniciativa, lembrou, vese marcada polos efectos da covid-19, que implicou que o pasado curso “a perda de prácticas externas” e de aí “a necesidade de coñecer as solucións adoptadas polas diferentes universidades”.