DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pendente da súa proclamación definitiva, previa á votación que terá lugar o vindeiro venres 22

Eva Lantarón encabeza a única candidatura ao Decanato de Fisioterapia

20 estudantes da facultade colaboran co Campionato de España Infantil de Baloncesto Feminino

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 15/06/2018

Pendente da súa proclamación definitiva o vindeiro mércores, tralo peche do prazo de reclamación aberto este venres, a profesora do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde Eva María Lantarón encabeza a única candidatura ás votacións que terán lugar o vindeiro venres 22 para elixir á nova persoa responsable do Decanato da Facultade de Fisioterapia. As profesoras Mercedes Soto, como vicedecana, e Rocío Abalo, como secretaria académica, completan a candidatura proclamada este xoves de xeito provisional no proceso electoral aberto nesta facultade para suceder á fronte do centro ao profesor Rafael Durán, que desde xuño de 2017 exerce como decano en funcións.

Profesora titular de Universidade, pertencente á Área de Fisioterapia, Lantarón Caeiro fora xa decana deste centro entre 2013 e 2016, ano no que, ante a falta de candidaturas no proceso electoral aberto ao remate do seu mandato, o profesor Gustavo Rodríguez Fuentes foi nomeado decano en funcións polo período dun ano, posto no que o pasado mes de xuño foi relevado por Durán, quen desde entón permanece á fronte da facultade á fronte dun equipo que completan as profesoras Lilian Rosana Ferreira como vicedecana, e Lourdes Maceiras como secretaria académica. “Preséntome porque penso que é conveniente que haxa un equipo estable no centro, que poida poñer en marcha proxectos”, salienta Lantarón, que recoñece que afronta “con ilusión o reto” de, se recibe o apoio dos e as integrantes da Xunta de Facultade, situarse de novo á fronte dunha facultade da que destaca o “elevadísimo porcentaxe de inserción” dos seus titulados e tituladas, “cos que os empregadores están moi satisfeitos pola formación que reciben”. 

Lantarón, que antes da súa primeira etapa no Decanato exercera durante seis anos como vicedecana no equipo que encabezaba Manuel Gutiérrez, e outros tres como secretaria académica, concorre a estas votacións á fronte dun equipo integrado por tres docentes da Área de Fisioterapia. Entre os retos de futuro que o vindeiro venres defenderá diante da Xunta de Facultade, a candidata a decana, que incide na importancia “do traballo en equipo, xa que para impulsar a facultade é necesaria a implicación de todos os colectivos, profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado”, pon o acento na reforma do plan de estudos, “que se formulara cando o título pasou a acreditación en 2017” e que os avaliadores e avaliadoras, explica, destacaron como positivas, así como abordar a creación dun mestrado no centro, o que implicará á súa vez, sinala, “reforzar o profesorado da área”.

Clase práctica no Campionato de España Infantil de Baloncesto
 

Desde o pasado domingo, Pontevedra acolle a fase final do Campionato de España Infantil de Baloncesto Feminino, que tiña entre as súas sedes o propio Pavillón Universitario, onde nos últimos días se sucederon parte dos encontros dunha competición que reúne na cidade 480 deportistas de 32 equipos e que ten tamén como sedes o Príncipe Felipe e o Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Un campionato que, grazas a un convenio asinado con Instituto Municipal de Deportes, conta tamén coa participación de 20 estudantes de Fisioterapia, que integran a unidade de voluntariado que ao longo desta semana presta asistencia, en horario de mañá e tarde, ás participantes no torneo. 

Divididos en diferentes quendas e baixo a supervisión das profesoras Alejandra Alonso, Iris Machado e Yoana González, este grupo de alumnos e alumnas de segundo, terceiro e cuarto curso, pode con esta iniciativa vivir unha experiencia de traballo “con pacientes reais”, neste caso “con deportistas de alto nivel competitivo, como salienta González, coordinadora das unidades de voluntariado da facultade. Unha experiencia que, agás para o alumnado de último curso, supón realizar “por primeira vez tratamentos a persoas con lesións reais, tendo a seguridade de que o que fan esta totalmente indicado”, o que á súa vez está a servir que estudantes como os de segundo curso, aos que se abriron nesta ocasión esta actividade, se decaten “de que saben máis do que pensaban”.   

As características do evento permiten, por outra banda, que o alumnado poida vivir tamén un achegamento ao traballo con deportistas durante e despois da competición. Non en van, a súa colaboración, explica González, abrangue tanto "a abordaxe das deportistas a pé de campo”, que obriga a desenvolver un tratamento “o menos duradeiro posible para que a xogadora perda o mínimo tempo do partido”, como a súa atención ao remate dos encontros, “onde xa non temos a presión de rematar canto antes”, pero si a necesidade de que as técnicas aplicadas cumpran “coa particularidade de que a día seguinte teñen que volver competir”. Do mesmo xeito, o feito de tratarse dun torneo de categoría infantil permite tamén a alumnas e alumnos achegarse aos aspectos específicos que implica o traballo con menores, desde as “particularidades a nivel legal que os alumnos teñen que ter en conta”, ás “características específicas” que implica traballar con corpos de nenas que aínda se atopan en fase de crecemento, “o que nos leva a practicar certas técnicas en concreto” ou a ter en conta lesións que son “típicas da adolescencia”.

Mais a colaboración da facultade co torneo abrangue tamén a asistencia doutros protagonistas da competición, como as e dos árbitros, “dos cales a maioría das solicitudes están relacionadas con sobrecargas dalgúns músculos de membros inferiores debido a ter que arbitrar varios partidos ao día”, salienta a coordinadora dunhas unidades que permiten “transferir a aprendizaxe do alumnado e o labor da fisioterapia á poboación”, á vez que contribuír “a que o ámbito da xestión deportiva sexa consciente do labor imprescindible da fisioterapia no deporte”.

Deste xeito, esta colaboración súmase á presenza do alumnado en iniciativas como a Carreira de Patrullas da Brilat, celebrada o pasado mes de abril coa participación de oito estudantes, que con González e a profesora Iria Da Cuña como coordinadoras, asistiron na base militar de Figueirido, durante e despois da competición, aos participantes nunha proba “de grande esixencia física” e que, polo tanto, levou ao alumnado a ter que abordar a pacientes con “grandes sobrecargas musculares".