DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actual decana opta á reelección na votación que terá lugar o vindeiro martes

Eva Lantarón encabeza a única candidatura ao Decanato de Fisioterapia

Á fronte dun equipo no que continúan Mercedes Soto e Rocío Abalo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 23/06/2021

A profesora do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde Eva María Lantarón optará o vindeiro martes 29 a permanecer tres anos máis á fronte do Decanato de Fisioterapia. No proceso electoral aberto nesta facultade coincidindo co remate do seu actual mandato como decana, Lantarón encabeza a única candidatura presentada, que completan Mercedes Soto e Rocío Abalo, actuais vicedecana e secretaria académica, respectivamente. Tras a súa proclamación definitiva este mércores, a candidatura someterase a votación na Xunta de Facultade programada para o vindeiro martes.

Profesora titular de Universidade, Lantarón Caeiro permanece á fronte do centro desde xuño de 2018, cando foi elixida decana con dez votos a favor e dúas abstencións. Con anterioridade, a docente da Área de Fisioterapia vivira unha primeira etapa á fronte do Decanato entre 2013 e 2016, despois de ter exercido seis anos como vicedecana e outros tres como secretaria académica. De cara a súa posible reelección, pon en valor o “bo clima e a implicación e motivación de todo o profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado, que imos todos no mesmo sentido” polo que, engade, “se temos o apoio da xunta do centro, será un pracer continuar”. 

Tramitación dun futuro mestrado

Outro dos factores que levan a Lantarón a optar a permanecer tres anos máis á fronte do Decanato é o feito de que a facultade se atope actualmente “en pleno proceso de acreditación do sistema de garantía interno de calidade”, ao que se suman os trámites de cara á creación do Máster en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia, despois de que a declaración de interese desta nova titulación fose aprobada recentemente polo Consello de Goberno da Universidade. Ao mesmo tempo, outra das motivacións para optar á reelección foi que o pasado mes de decembro fose elixida presidenta da Conferencia Nacional de Decanos de Facultades de Fisioterapia, na que están representadas as 57 universidades españolas, publicadas e privadas, nas que se imparte esta titulación.

Tres anos de intenso traballo

De etapa que remata, Lantarón recoñece que foron “tres anos de intenso traballo”, marcados na súa parte final pola covid-19, “que supuxo unha adaptación de toda a docencia e dos protocolos sanitarios”. Nese senso, no remate dun curso académico no que a docencia práctica na facultade se desenvolveu de xeito presencial, mentres que a teórica combinou o seguimento nas aulas e a través de Campus Remoto, a decana recoñece que “aínda que foi unha situación excepcional, creo que logramos adaptarnos dunha forma moi boa”. 

De xeito paralelo, o actual equipo decanal buscou tamén dar resposta, lembra, “aos compromisos adquiridos cando nos presentamos”. Nese senso, Lantarón sinala por unha banda ao impulso dun mestrado no centro, explicando que tras a aprobación da declaración de interese, está previsto que a memoria da titulación se presente ao Consello de Goberno da Universidade no mes de xullo. Outro dos compromisos, lembra, foi a modificación do plan de estudos do grao, xa implantada no presente curso co alumnado de primeiro, e que implicou tanto cambios “nos contidos dalgunha materia”, como unha “modificación das materias optativas, adaptándoas, sobre todo, ás necesidades do mercado laboral”. Neste punto, Lantarón pon de relevo que Fisioterapia “é un centro pequeno”, pero que conta cunha “titulación demandada e con prestixio”, incidindo en que tanto o grao como a facultade “son un referente, tanto a nivel autonómico como nacional, polo que temos que seguir nesta liña”. 

De cara aos retos de futuro que debería enfrontar o equipo decanal no caso de recibir o apoio da Xunta de Facultade, a candidata sinala tanto á tramitación do mestrado, “tras o que, máis adiante, habería que activar un doutoramento”, como ao feito de que “en breve” a facultade someterase a auditoría para a acreditación do seu sistema de garantía interno de calidade.