DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo liderado por investigadores da UVigo publicado na revista 'Current Biology'

A evolución da regulación térmica das aves podería ter orixe nos dinosauros do Xurásico

Os achados poñen de relevo o posible vínculo entre o clima e a evolución deste animais prehistóricos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI 15/05/2024

Os dinosauros, a diferenza dos seus curmáns réptiles máis próximos, como os crocodilos, desenvolveron a capacidade de regular a súa temperatura corporal. Pero como e cando apareceron estas adaptacións son dúas preguntas sen resposta na evolución destes animais prehistóricos. A elas achega algunhas respostas un artigo publicado hoxe mércores na revista Current Biology, froito do traballo dun grupo internacional, liderado por Alfio Chiarenza e Sara Varela, investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.

A termorregulación é unha importante característica biolóxica herdada polo único grupo de dinosauros vivos: as aves, e grazas a ela, estas constitúen o gran grupo animal que vive na actualidade que mellor se adapta ás diferentes condicións climáticas da Terra. Como relatan os científicos, algúns dinosauros desenvolveron a capacidade de vivir e aniñar en rexións polares frías, o cal deu lugar á intrigante cuestión sobre as orixes do seu sangue quente. “A homeotermia (mantemento dunha temperatura corporal constante) e a endotermia (xeración de calor corporal) deben ter evolucionado, polo menos, en dous grupos de dinosauros que habitaban esas contornas frías máis duras: os ornitisquios herbívoros (entre os que se atopan o Estegosaurio e o Triceratops) e os terópodos, na súa maioría carnívoros (como o Tiranosaurio rex e o Velociraptor), entre os que tamén se atopan as aves”, explican Alfio Chiarenza e Sara Varela, investigadores do equipo Mapas Lab. 

No artigo publicado en Current Biology, e como resultado de combinar datos fósiles con árbores filoxenéticas e modelos paleoclimáticos, o equipo investigador demostrou que os ornitisquios e os terópodos diversificáronse nunha ampla gama de climas, ocupando tamén ambientes máis fríos, mentres que os sauropodomorfos herbívoros de pescozo longo mostraron un prolongado conservadorismo climático asociado a ambientes máis cálidos. Segundo os autores do estudo, este feito suxire que estes últimos mantiveron unha fisioloxía de sangue frío máis fortemente dependente de temperaturas externas máis elevadas.

A análise realizada mostra ademais que a diverxencia nas preferencias climáticas dos dinosauros coincidiu co chamado evento Jenkyns, un episodio de quecemento global do Xurásico Temperán hai 183 millóns de anos aproximadamente, que foi seguido pola diversificación de moitas liñaxes de dinosauros, incluíndo a aparición dos dinosauros emplumados. Probablemente producíronse outros cambios claves nas preferencias climáticas durante o Máximo Térmico do Cretácico, un episodio posterior da temperatura (hai 90 millóns de anos aproximadamente), o que apunta a un papel crítico da adaptación durante eventos hipertermais no pasado xeolóxico.

Un vínculo entre o clima e a evolución dos dinosauros 

Os resultados obtidos nesta investigación achegan novos coñecementos sobre a orixe da regulación térmica única das aves, suxerindo que a evolución do seu metabolismo activo probablemente comezou a principios do Xurásico, un período crucial para a evolución dos pequenos dinosauros emplumados. Un metabolismo activo podería supoñer unha vantaxe para acelerar o desenvolvemento das especies con plumas máis pequenas, ás que lles resultaría máis fácil sobrevivir que aos seus antepasados máis primitivos, grandes e de desenvolvemento máis lento, especialmente tras crises ambientais como a de Jenkyns.

“Estes achados poñen de relevo un posible vínculo entre o clima e a evolución dos dinosauros, ofrecendo novas pistas sobre as orixes dinosauranas das aves e a ampla diversidade de estratexias termofisiolóxicas adoptadas polos dinosauros mesozoicos”, apunta Sara Varela, investigadora Oportunius e coordinadora do equipo Mapas Lab da UVigo. Así, este estudo, no que participaron investigadores do University College of London, a Universidade de Vigo, a University of Bristol e o Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid (MNCN-CSIC), “contribúe a unha comprensión máis matizada da evolución dos dinosauros e da interacción entre o planeta e a súa diversa ecoloxía", conclúe Alfio Chiarenza, primeiro autor do artigo.