DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impartiu a conferencia inaugural das V Xornadas de fundraising e mecenado

O ex-reitor Luis Espada expón as potencialidades do Observatorio de Egresados como modelo de mecenado “desde dentro”

Especialistas de distintos sectores analizan as diferentes vías para acadar financiamento indirecto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI 09/05/2019

“A crise económica que xurdiu a partir do 2007 supuxo un absoluto parón ao financiamento universitario, xa que, entre outras cousas, as administración públicas conxelaron os orzamentos e perdeuse tamén boa parte do diñeiro que chegaba das empresas, xa fora en forma de patrocinios ou de colaboracións de I+D+i” e, “en paralelo a todo isto”, os cadros de persoal das universidades non baixaron, as titulacións universitarias seguiron a incrementarse froito da súa adaptación á realidade empresarial e social, e houbo tamén unha baixada dos prezos públicos para as ensinanzas universitarias. Con esta reflexión de Lalo Azcona, presidente do Consejo Social da Universidad de Oviedo arrancaron esta mañá na sede da Fundación Barrié en Vigo as V Xornadas de Fundraising e mecenado, unha cita organizada polo Consello Social e que ao longo de dous días traerá á cidade olívica un destacado cadro de especialistas que, cada un desde a súa propia experiencia, afondarán nas diferentes formas de financiamento indirecto das que se poden beneficiar as institucións de ensino superior, tanto a nivel nacional como europeo, “un tema prioritario se queremos seguir facendo docencia e investigación de excelencia”, recalcou Azcona.

Xunto a Azcona, que puxo ao mundo anglosaxón como exemplo a seguir, “pois alí teñen instalada unha cultura da xenerosidade que aquí non temos”, presidiu o acto de inauguración das xornadas o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa, quen fixo fincapé en que o obxectivo das xornadas é seguir avanzando nas diferentes cuestións arredor do uso da filantropía no ámbito universitario, movéndose nos aspectos máis visibles do exercicio da doazón: axudas legais, axudas fiscais, axudas de comunicación... E, en todo isto, cobran especial relevancia os estudantes da Universidade “os actuais e os pasados, porque un é alumno da universidade para toda a vida” e, neste sentido, referiuse ao Observatorio de Egresados da Universidade de Vigo e ao seu creador,  o ex-reitor Luis Espada, como exemplo a seguir no mundo do mecenado  ‘desde dentro’.

A relación coa comunidade de egresados e egresadas, un puntal clave

Este traballo, o Observatorio de Egresados, e outros previos tamén realizados por Luis Espada, naquel intre presidente do Tribunal de Garantías, vertebraron a conferencia inaugural das xornadas, unha conferencia na que Espada lembrou como a Universidade de Vigo se converteu en 2018 na primeira de España en presentar un estudo sobre a situación laboral na que se atopan as e os egresadados saídos das súas aulas ao longo dos seus primeiros 25 anos de existencia.  Baixo o título, Estudo sobre a situación laboral das persoas tituladas pola Universidade de Vigo (1990-2015), e ao longo de 720 paxinas,  debúllase a situación profesional na que se atopan 10.748 persoas tituladas (58% mulleres e 42% homes) pola institución académica viguesa e que representan o 15% do total de 71.487 egresadas e egresados pola Universidade de Vigo no período 1990-2015. “A relación da Universidade con todos os seus alumnos e alumnas debe permanecer sempre”, subliñou Espada, quen advertiu que non se debe pasar por alto o papel que poden xogar no futuro todas estas persoas como posibles fonte de financiamento alternativo.

Presentado polo profesor Anxo Sánchez Bermúdez, catedrático de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo, quen se referiu ao ex-reitor como “unha persoa que sempre estivo á vangarda universitaria”, Espada fixo unha intervención na que repasou a súa experiencia en todo o traballo de creación do observatorio, achegando numerosas reflexións acerca da importancia de manter un contacto estable e duradeiro con toda a comunidade de egresados da institución.

Múltiples experiencias do mecenado universitario

Tras o relatorio inaugural tivo lugar unha mesa redonda moderada polo coordinador das xornadas, Ciprián Rivas, e na que se abordou como principal temática as necesidades dos medios á hora de comunicar as cuestións relativas ao mecenado. Para abordar esta temática contouse coa participación do director de Atlántico Diario, Julio Rodríguez; o subdirector de Faro de Vigo, Jesús Portela, e o director de Diario de Pontevedra, Miguel Ángel Rodríguez.

As experiencias continuarán pola tarde coa participación, entre outros, de Juan Hernández Armenteros, codirector do informe La Universidad Española en Cifras, que afondará nos efectos da crise económica no financiamento das universidades públicas; do catedrático de Economía da Universidade de Vigo, Xabier Lavandeira, cuxa intervención se centrará na captación de recursos privados para a investigación especializada en novas áreas de coñecemento; e do presidente da Asociación de Empresa Familiar en Galicia, Víctor Nogueira, que incidirá na disposición da empresa familiar cara ao mecenado.

A exposición de experiencias prolongaranse ata mañá venres, xornada na que se contará coa participación, entre outros, do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o presidente da Conferencia de Consejos Sociales de las universidades españolas, Antonio Abril, que será o encargado de clausurar as xornadas.