DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será o mércores 28 de setembro ás 18.00 h

O ex-xuíz Baltasar Garzón falará no campus sobre memoria democrática

A conferencia está aberta á asistencia das persoas interesadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Democracia
  • Académica
DUVI Ourense 23/09/2022

Na súa dilatada traxectoria como xurista, xuíz e maxistrado, Baltasar Garzón ten destacado polo “seu compromiso e traballo pola xustiza e a memoria democrática”, estando o seu nome asociado a causas como as relativas aos crimes do franquismo, á apertura de fosas común, aos GAL e ETA, a Guantánamo, á ditadura militar en Arxentina ou á detención do ditador chileno Augusto Pinochet. O vindeiro mércores, 28 de setembro, falará no campus de Ourense sobre o novo marco xurídico de España sobre a memoria democrática.

A conferencia está organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social e celebrarase ás 18.00 h na aula magna do edificio Politécnico do campus, estando aberta aos membros da comunidade universitaria e ao público en xeral interesado. Esta será a segunda vez que Baltasar Garzón intervirá no campus de Ourense, onde estivo en abril de 2019 participando no III Congreso Euroamericano de Dereito e Política. Os obxectivos da actividade, explican os seus promotores, son “contribuír a comprender que a xustiza democrática é unha condición básica do estado de dereito e da súa fortaleza”, “amosar a práctica invisibilización da memoria democrática na educación” e “visibilizar a Facultade de Educación e Traballo Social e a UVigo como un lugar de transmisión de coñecemento e debate”.

Defensa dos dereitos humanos

“Baltasar Garzón é unha persoa cunha bagaxe extraordinaria arredor da defensa dos dereitos humanos. Se por algo se caracteriza a súa traxectoria é pola defensa da democracia moito máis alá da política. A súa loita democrática é incuestionable”, subliña Manuel Isorna, profesor que coordina esta actividade da Facultade de Educación e Traballo Social. O docente destaca a pertinencia de, en momentos como os actuais, lembrar que “ningún político pode ampararse en ningún momento histórico para cometer asasinatos; os crimes contra as persoas e contra a humanidade son crimes sempre, goberne quen goberne, e non caducan nunca”. Por este motivo, desde a organización da conferencia animan á comunidade universitaria e ás persoas interesadas a achegarse ao campus a escoitar ao ex-xuíz.

No eido da memoria histórica e democrática, Garzón xogou un papel destacado cando en 2008, como titular do xulgado número 5 de instrución da Audiencia Nacional, se declarou competente para investigar os crimes do franquismo en tanto que crimes contra a humanidade, despois de que diversas asociacións de familiares de desaparecidos durante a ditadura presentaran as pertinentes denuncias. A partir de aí abriuse un capítulo na historia xudicial de España que incluíu en 2010 a suspensión de funcións do entón maxistrado.