DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Biblioteca acolle unha mostra de obras libres de estereotipos de xénero

Exemplos dunha literatura infantil non sexista

No marco das actividades do proxecto europeo Gender Identity

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 19/09/2018

Durante este mes de setembro, o recuncho temático de fomento da lectura situado na entrada da Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense acolle unha mostra de libros infantís, dirixidos a nenas e nenos de entre 3 e 10 anos, non estereotipados e non sexistas. A exposición, que pode visitarse ata o día 1 de outubro, é unha das actividades do proxecto europeo Gender Identity: Child Readers and Library Collections, G-Book, no que participa a Universidade de Vigo.

A mostra itinerante, que estivo previamente na Facultade de Filoloxía e Tradución do campus de Vigo, está organizada polo grupo de investigación Literatura Infantil Angloxermana e a súa Tradución. No campus de Ourense contou ademais co apoio da profesora de Ciencias da Educación Isabel Mociño, ademais do persoal da biblioteca universitaria. Entre o amplo abano de arredor de 60 publicacións que forman a exposición, as persoas interesadas poden consultar neste recuncho libros en diferentes linguas e títulos, como Mi primer libro sobre ellas, de Marta Rivera e Cecilia Varela; Un máis, de Olalla González e Marc Taeger, ou Familias, de Verónica Sánchez, Alejandra Victoria Sánchez e Marina Mayor. A exposición pecharase o 1 de outubro coa celebración dunha sesión de contacontos no propio centro.

O proxecto europeo Gender Identity: Child Readers and Library Collections, G-Book, liderado pola Universidade de Bolonia (Italia) conta coa participación das universidades, ademais da Universidade de Vigo, da de Paris 13 (Francia), Dublin City (Irlanda), a Biblioteca Pública de Sarajevo e a Regional Library Veliko Tarnovo (Bulgaria). O obxectivo deste proxecto, que obtivo fondos da Unión Europea a través da acción Creative Europe - Media, é a creación dun catálogo interactivo de libros para público infantil nos que texto e ilustracións se aproximen ao xénero e ás súas formas (familias homoparentais, xogos non adscritos a nenos ou nenas, profesións abertas a homes e mulleres...) dun xeito natural, sen tabús e cunha finalidade integradora.