DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo J.J. Crespo e Guillermo Santos, responsables do programa “Ponte en forma”

O exercicio físico, un xeito de combater as enfermidades e gañar en calidade de vida

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 22/04/2008
A comunidade universitaria xa non ten escusa para non realizar exercicio físico, pois a Vicerreitoría do campus, a través do seu programa de Ponte en forma, ofrece aos alumnos, profesores e PAS a posibilidade de gañar en saúde e calidade de vida grazas á práctica de deporte controlado por profesionais. Os encargados de levalo a cabo, o médico especialista en Medicina da Educación Física e do Deporte, Juan José Crespo, e o licenciado en Educación Física, Guillermo Santos, presentaron na charla Exercicio físico e saúde. Últimos avances, os innumerables beneficios que, segundo todos os estudos, reporta abandonar a vida sedentaria.
“Xa dende Hipócrates” explicou Crespo, “se contemplaban os efectos positivos do exercicio para a saúde, e todos os pensadores o incluían como parte da prevención de doenzas” dixo. “Se xa era importante nunha época na que a xente era moi activa e aínda morría por causa das infeccións, imaxinémonos agora, que entre o 30 e o 40 % das enfermidades se deben ao sedentarismo”. O motivo é que “non estamos preparados para ese tipo de vida, porque o noso xenoma foi programado hai uns 40.000 anos para realizar unha gran actividade física e para que, cando comíamos, que era poucas veces, o corpo acumulara a enerxía” dixo o doutor. “Isto está dando lugar á epidemia do século XXI, a obesidade. Se nos fixamos no exemplo da infancia, que é o futuro, o 50% dos nenos e o 75 % das nenas realizan menos de dúas horas de actividade física semanal, e en xeral, a metade da poboación non realiza actividade física ningunha” explicou.
Ao respecto, todos os estudos científicos, en palabras de Juan José Crespo, “coinciden en que as enfermidades relacionadas con este tipo de vida son practicamente todas, especialmente as cardiovasculares, o colesterol, a diabetes de tipo dous, a obesidade, algúns tipos de cancro, a osteoporose e a hipertensión. Ademais a práctica regular dalgún deporte non só mellora a calidade de vida a nivel físico, senón que tamén combate a ansiedade e a depresión, mellora o sono, a autoestima e as relacións sociais” engadiu. Como dixo, “o concepto de saúde variou ao longo da historia dende o máis pasivo de ausencia de enfermidade, ao da OMS, que abarca o completo benestar físico, mental e social. E cada vez se relaciona máis coa capacidade de realizar as actividades da vida cotiá sen fatiga, especialmente nas persoas maiores”.
Pero para lograr todos estes efectos positivos, “cómpre, en principio realizar o exercicio entre tres e cinco días á semana, un mínimo de 30 minutos, pero ao mellorar a condición física, debería aumentarse a entre cinco e sete días á semana. A intensidade debe ser moderada e gradual, que non supoña un sobre esforzo, pero mantida no tempo” explicou.

O programa Ponte en forma

Una vez presentados os beneficios do exercicio físico, e co fin de facilitarlle ás persoas que compoñen a comunidade universitaria a súa realización, Guillermo Santos explicou o programa que a Vicerreitoría do campus puxo en marcha: Ponte en forma que “consiste en realizar actividades deportivas de xeito controlado por especialistas para mellorar, principalmente, a saúde” dixo, “aínda que tamén para controlar o peso corporal, mellorar as articulacións e os músculos, recuperar lesións e incluso como complemento do adestramento de deportistas” engadiu. “Unha parte fundamental do noso programa é realizar previamente un informe médico, algo no que somos case pioneiros, xa que en practicamente ningunha outra universidade española existe algo así, e tanto eu, como licenciado en Educación Física, como o médico especialista, Juan José Crespo, realizamos un seguimento constante da xente” dixo. “Unha vez chegan, tras haber entregar a documentación necesaria para formalizar a inscrición, realízase unha entrevista persoal, outórgase como agasallo un pulsímetro, e procédese a unha revisión médica básica, sobre a que se realizará un informe médico que servirá de base ao programa de exercicios que se estableza en cada caso concreto” explicou. Unha vez finalizado o programa, “realizarase unha nova revisión médica para ver como se mellorou, e volta a empezar, porque o obxectivo é que a xente non o abandone, xa que os beneficios son a medio e a longo prazo” explicou.
Para inscribirse, só é necesario achegar ao Servizo de Deportes unha foto, a fotocopia do DNI, un xustificante de ser membro da comunidade universitaria e o resgardo do pago, 60 euros por cuadrimestre. Santos aproveitou para aclarar que “o cuadrimestre non corresponde necesariamente co lectivo. Moita xente non se apuntou agora porque pensa que xa non vale a pena, pero son catro meses reais dende que se empeza, independentemente do calendario académico, e incluso se hai vacacións, ese tempo non conta, a persoa reincorpórase á volta” concluíu.