DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo salientou nunha conferencia unha representante da Fundación Renal Iñigo Álvarez de Toledo

O exercicio supón beneficios cardiovasculares, motores e psicolóxicos para os enfermos renais

Trátase dunha enfermidade que afecta a unha de cada dez persoas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 08/10/2018

Recoñecida xa como epidemia pola Organización Mundial da Saúde (OMS), a enfermidade renal crónica é unha “enfermidade silenciosa que afecta a unha de cada dez persoas no mundo”, segundo salientou este luns Paula Filgueiras, responsable do grupo de apoio en hemodiálise da Fundación Renal Iñigo Álvarez de Toledo (FRIAT). "A sociedade debe coidar máis os seus riles, porque cando o deterioro é terminal non queda outra que o transplante ou a diálise, e só quen ten algún caso preto sabe da 'escravitude' que isto supón", salientou Filgueiras nunha conferencia na que puxo o acento nos beneficios que o exercicio físico supón para os e as pacientes en hemodiálise, tanto a nivel cardiovascular e de movilidade como a nivel psicolóxico. O paciente en hemodiálise, para o que é indispensable un tratamento que "suple as funcións dos seus riles", preto de 26.000 persoas en España, sofre un 35% máis de sedentarismo que o resto da poboación e outras importantes limitacións na súa vida, co que isto implica psicoloxicamente", engadiu Filgueiras, que na conferencia que este luns impartiu na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte achegou tamén ao alumnado ás características do programa de exercicio que a FRIAT desenvolve con pacientes en diálise e no que, grazas ao convenio asinado entre esta fundación e a Universidade de Vigo, o alumnado do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte poderá realizar prácticas nos centros da FRIAT en Vigo e Porriño.

Posto en marcha en 2016, o programa de deporte en sala que a FRIAT implantou en Madrid coa colaboración das universidades Politécnica e Europea de Madrid e polo que teñen pasado xa preto de 300 pacientes con diálise ten amosado, explicou Filgueiras, moitos beneficios “que xa tiñan recollido diferentes estudos internacionais”. Por unha banda, a realización deste programa, que se desenvolve exclusivamente en sala “porque os pacientes teñen que estar monitorizados e moi vixiados, xa que son pacientes pluripatolóxicos, supón un aumento da forza, da resistencia, do equilibrio e a capacidade funcional en xeral". Implica así mesmo, sinalan desde a FRIAT, melloras da capacidade aeróbica e da hixiene postural das e dos pacientes. Así mesmo, a actividade física trae tamén como consecuencia unha diminución dos estados de ansiedade e de depresión, como puido comprobar a fundación no estudo que en 2015 realizou coa Universidad Europea de Madrid como paso previo á posta en marcha dun programa de exercicio en sala “que agora queremos traer aos centros que temos en Vigo e O Porriño”. 

Unha enfermidade silenciosa

Entre cinco e sete millóns de persoas, explica Filgueiras, están afectadas en España pola enfermidade renal crónica, unha patoloxía na que “hai diferentes graos e que permanece moi na sombra”, xa que, polo xeral, “non dá a cara ata que os riles están moi danados”. Neste punto, no que se ven afectadas "de xeito severo as dúas funcións básicas” dos riles, a depuración do sangue e a eliminación de líquidos, “só quedan dúas opcións”, explicou, un transplante ou a diálise, un tratamento que supón estar “unha media de catro horas deitados e conectados a unha máquina, un día si e outro non”. Isto motiva, sinalou a conferenciante, eses maiores índices de sedentarismo por parte de pacientes que empregan “soamente para o tratamento entre 18 e 25 horas á semana”, ao que se suma o feito de que en moitos casos “son pacientes afectados doutras patoloxías" que nalgúns casos poden ser as que levan ao “fracaso renal”, como poden ser as cardiopatías ou a diabetes, fronte ás que, lembrou, a prescrición de exercicio físico implica tamén “moitos beneficios”.

Posibilidades para o alumnado

Segundo explica o profesor Óscar García, esta conferencia insírese no convenio de colaboración asinado entre a Universidade e a FRIAT, e que permitirá este curso por primeira vez que estudantes do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte poidan realizar prácticas nos centros da fundación en Vigo e Porriño onde, como explicou Filgueiras, “traballarán cun equipo multidisciplinar”, xunto a persoal médico ou profesionais da psicoloxía, por exemplo.