DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Lanzárase en febreiro co obxectivo de detectar e previr enfermidades cardiovasculares

O éxito da campaña ‘Que tal estás, corazón?’ fai que se amplíe ata mediados de abril

Só en febreiro participaron nesta actividade 40 persoas dos tres campus

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 02/04/2019

A boa acollida da campaña Que tal estás, corazón?, o programa de revisións cardiolóxicas deportivas de balde organizado para o mes de febreiro, levou á Área de Saúde, Benestar e Deporte a decidir ampliar esta iniciativa ata mediados de abril nos tres campus. “A campaña foi moi satisfactoria, chegou a persoas que descoñecían o servizo e tivo unha alta demanda, por iso decidimos ampliala ata Semana Santa”, explica Román Lago, técnico superior en actividades deportivas da Universidade de Vigo. 

Dirixida a promocionar estilos de vida saudable entre a comunidade universitaria, esta actividade está pensada tanto para as persoas interesadas en coñecer e mellorar o seu estado de saúde como para aquelas que pensan inscribirse na carreira HappyGoRunning que se celebrará no campus o vindeiro 27 de abril. Deste xeito, “terán a posibilidade de aproveitar os servizos de saúde cos que contamos e recibir tamén algún consello de cara a afrontar e vivir este evento deportivo sen pór en risco a súa saúde”, engade Lago. 

Revisión de balde en 15 minutos

As persoas interesadas en coñecer o seu estado de saúde e, en particular, o do seu corazón, precisan de só 15 minutos para realizar un electrocardiograma, unha toma de tensión arterial, unha exploración con auscultación cardíaca e pulmonar, unha pulsioximetría e un cuestionario, xa que así “míranse as lesións, os antecedentes familiares, a tensión en repouso e, caso de que haxa algunha pequena anomalía, hai a posibilidade de realizar unha proba de esforzo”, sinala o técnico. As revisións cardiolóxicas realízanse os martes de 13.30 h a 16.30 h no campus de Vigo; os mércores de 17.00 h a 20.00 h no de Pontevedra e, os xoves de 16.30 h a 20.30 h no de Ourense, previa reserva na páxina DeporXest.

Elevada participación do alumnado

Durante o mes de febreiro participaron na campaña 39 persoas -20 mulleres e 19 homes- e detectouse que seis posuían unha leve alteración relacionada co exercicio e/ou compatible co mesmo; tres foron derivadas a especialistas para un estudo máis pormenorizado e a unha persoa foille diagnosticada unha alteración da tensión arterial. En canto á participación do alumnado destacou, sobre todo, o caso do campus de Pontevedra, no que a participación do alumnado acadou a cifra do 80% dos participantes; cifra que en Ourense foi do 62,50% e en Vigo do 52,30%. Esta elevada participación do alumnado na campaña foi valorada moi positivamente dende a Área de Deportes, xa que “é importante que a mocidade se preocupe pola súa saúde e non asocie as revisións a problemas de saúde ou a persoas de maior idade”.