DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alberto Pena, decano de Ciencias Sociais e da Comunicación:

“O éxito dos nosos alumnos é o noso éxito”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Ana Terceiro DUVI 11/01/2008

Alberto Pena Rodríguez chegou á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación como profesor en 1996 e agora xa leva máis de catro anos ao fronte do centro que acolle as titulacións de Publicidade e Relacións Públicas, Comunicación Audiovisual e Xestión e Administración Pública. Na metade do seu segundo mandato como decano da facultade, Alberto Pena fala sobre o pasado e o futuro dun centro estratéxico para o campus de Pontevedra.

Fai xa trece anos que a facultade abriu as súas portas e, por suposto, as melloras son obvias, pero…que destacaría nesta evolución?
Máis ca unha evolución foi unha transformación absoluta. Trátase dunha transformación técnica, de infraestruturas en xeral, novos espazos, novas aulas e novos equipamentos, pero é tamén unha transformación dos recursos humanos. Ademais, pasamos de ter soamente unha titulación, Publicidade e Relacións Públicas, ás tres que ofertamos agora. Tamén dispomos de moitos cursos de especialización, actividades complementarias e somos, probablemente, o centro académico do campus que máis actividades ten, ademais somosa facultades da Universidade de Vigo que máis alumnos estranxeiros recibe.

Que proxectos existen de cara ao ano que comeza?
Os proxectos de cara ao ano que entra están centrados basicamente na adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior. Este ano comezaremos coa reforma de estudos, iniciaremos os trámites de acordo coas directrices que establece a Universidade de Vigo e iso é o noso principal obxectivo. Trátase de algo moi importante porque da eficacia coa que resolvamos os plans de estudo vai a depender en boa parte o noso futuro. Se son titulacións atractivas desde o punto de vista dos contidos e os estudantes conseguen atopar emprego e ter éxito profesional, o obxectivo estará plenamente cumprido. Logo, intentaremos que o centro continúe organizando as actividades que ven realizando, cada día é un novo reto. Outro dos obxectivos é atender aos estudantes como se merecen, con todas as garantías académicas e de calidade e tentar, despois de que os plans de estudos se vaian implantando, empezar a pensar en posgraos e outros tipos de especializacións que poidan ser interesantes para a institución.

No mes de decembro a facultade acolleu con gran éxito as I Xornadas da Comunicación, onde se reuniron expertos das mellores axencias de España. Estas actividades aproximan aos alumnos ao mundo real, que outras iniciativas deste tipo se teñen previstas?
Esta foi unha actividade que a vicerreitoría do campus, en coordinación coa Área de Cultura, decidiu poñer en marcha na facultade para os estudantes. Foi unha iniciativa moi positiva, moi interesante e que axuda a complementar a formación dos alumnos de comunicación. Temos previsto organizar moitas conferencias ao longo do ano en función do orzamento e tamén haberá algún congreso ou seminario como os que xa se veñen realizando cunha certa tradición, como é o caso do de Seguridade e Defensa ou os seminarios que toquen o tema de comunicación e universidade. Intentaremos facer algunha actividade relacionada coas eleccións xerais que terán lugar en marzo, algunha mesa redonda neste sentido e calquera outro tipo de seminario ou xornadas que poidan axudar a dar unha formación especializada que non se consegue nas propias materias das titulacións.

Como decano da facultade que acolle as titulacións de Publicidade e RRPP e Comunicación Audiovisual, como ve o sector profesional da comunicación en España?
O futuro das titulacións de comunicación en España para min está resultando moi gratificante porque estamos vendo que os nosos plans de estudos actuais están funcionando moi ben e temos alumnos traballando en postos de responsabilidade en distintas empresas a nivel nacional. Nese sentido, para nós é un orgullo porque se os nosos alumnos triunfan, nós triunfamos. O éxito dos nosos alumnos é o noso éxito e, se os nosos alumnos fracasan, nós, evidentemente, fracasamos. Polos estudos que temos feito entre os titulados, a maioría deles empréganse nun curto prazo e, ademais, conseguen prosperar con rapidez e acadar postos de responsabilidade moi novos. Iso significa que as cousas están saíndo ben e que, a pesar das dificultades, todo está funcionando bastante ben e, comparativamente, con outras facultades de comunicación de España, creo que estamos na vangarda.

Moitos xornalistas están traballando en axencias e moitos publicistas están nas redaccións dos periódicos. Que está pasando, onde está o erro?
Non hai ningún erro. O mercado é libre de seleccionar a quen queira para traballar nos seus postos. Eu, se son unha empresa, podo empregar a un químico, a un médico ou a un licenciado en empresariais, se creo que vai a cumprir os obxectivos profesionais que eu espero. O que si é certo é que, evidentemente, tanto Publicidade e RRPP como Comunicación Audiovisual e Xornalismo, son titulacións de Ciencias da Comunicación e, por tanto, teñen contidos comúns; moitas veces as funcións profesionais dun xornalista pódeas desempeñar un licenciado en RRPP como está acontecendo e con bastante éxito. O idóneo e o axeitado sería que os gabinetes de comunicación, que fan comunicación persuasiva, fosen xestionados por licenciados en Publicidade e RRPP, e os medios de comunicación, que fan información, fosen ocupados laboralmente por licenciados en Xornalismo, pero as empresas son libres e a selección de persoal é potestade do mercado.

A titulación de Xestión e Administración Pública quizais é a máis abandonada ou a que precisa de máis atención polo descenso do número de alumnos matriculados. Hai algunha actividade en marcha para potenciar esta carreira?
Xestión e Administración Pública non está abandonada nin moitísimo menos, non é a cenicienta da facultade. É unha titulación con moito futuro, que está moi ben estruturada nos seus contidos actuais e que ten que mellorar algúns aspectos como as outras dúas titulacións, porque sempre hai cousas que mellorar. Trátase dunha carreira única no sistema universitario de Galicia, xa que non existe nin en Santiago nin na Coruña e, por iso, é unha titulación que para nós ten un interese estratéxico e imos defendela, imos tratar de que teña a mesma proxección social da que gozan as outras. O feito de que se perciba como unha titulación máis solapada débese ao interese social que suscitan as de comunicación neste momento. Hai unha fortísima demanda das carreiras de Xornalismo, Publicidade e Comunicación Audiovisual, sen embargo, as que son máis xurídico-sociais e de humanidades están en franco retroceso.

Moita xente na rúa non sabe exactamente que é iso da Xestión e Administración Pública, cales son as saídas profesionais que presenta esta titulación?
Xestión e Administración Pública forma titulados que van ocupar postos de responsabilidade en distintos departamentos da administración pública pero tamén na empresa privada. Poden desempeñar funcións de carácter administrativo principalmente, de xestión de departamentos e iniciativas que teña unha institución. Pero tamén están as ONG's e as fundacións como un dos escenarios profesionais de traballo preferencial para esta titulación. Os xestores e administradores públicos son xente que trata de sacar adiante proxectos, de que funcione unha institución e para logralo hai que coordinala administrativamente, hai que saber tomar decisións e hai que saber organizar os seus recursos humanos.

E que posibilidades hai de que se converta nun grao exclusivo en Galicia?
Xa o é e de cara a nova adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior tamén o será. O mapa de titulacións vixente non vai cambiar e non se vai admitir ningunha titulación nova, polo tanto Xestión e Administración Pública é unha titulación única en Galicia e vai quedar igual. Isto faina moito máis atractiva de cara aos estudantes en xeral, é dicir, tanto para a xente que ven do ensino medio como para os funcionarios que o que queren é renovarse e promocionarse nos departamentos de institucións públicas onde traballan.

E xa para finalizar, unha pregunta ineludible… como afronta Ciencias Sociais a adaptación ao EEES?
Pois con optimismo, con serenidade e con vontade de mellorar o que se poida, que o EEES non sexa un freo senón un avance para que a calidade do ensino e da investigación mellore. Imos aproveitar todas a vantaxes que o EEES amortiguando ao mesmo tempo os inconvenientes que isto supón.