DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia representou a obra ‘Rebentadas’

Éxito de público no arranque da XXV edición da Miteu

Tras o parón de Semana Santa, o teatro volverá o mércores 12 coa actuación do grupo Maricastaña

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Teatro
  • Cultura
DUVI 30/03/2023

Con éxito de público. Así arrancou a XXV edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo, Miteu. Fíxoo coa participación do alumnado da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia, ESADG, que a través de Rebentadas, inspirada na obra Blasted da dramaturga británica Sarah Kane, trouxo ao Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria a dura lembranza da Guerra dos Balcáns, un conflito que se prolongou de 1992 a 1995 e que deixou tras de si decenas de miles de mulleres bosnias, serbias e croatas que foron agredidas e violadas.

Dirixida por Julia Canay e cun elenco composto por Laura Albasi, Héctor G. Pereira e Claudio Suárez, Rebentadas foi tecendo unha historia que co pasar dos minutos desvelou o nexo de unión entre unha violación nun hotel de Leeds, un partido de fútbol no que chovían botellas e a limpeza étnica na cidade de Srebrenica, en Bosnia. A ESADG apostou neste caso por unha novidosa posta en escena, na que o público se sentou enfrontado aos actores como se dun campo de fútbol se tratase, e incluíndo a gravación e emisión de vídeos en directo. Desde o local ao global, as persoas que asistiron a esta primeira representación da Miteu en Vigo puideron achegarse á historia dunha rapaza duns 21 anos que é agredida sexualmente por un home moito maior ca ela na habitación dun hotel de Leeds, no Reino Unido; a un histórico partido de fútbol entre o Dínamo de Zagreb –croata- e o Partizán de Belgrado –serbio-; e a limpeza étnica que tivo lugar na cidade Bosnia de Srebrenica en 1995, na que foron asasinadas máis de 8000 persoas.

O teatro volve o mércores 12 con As cidades agochadas

Tras o parón pola Semana Santa, as representacións continuarán o mércores 12 de abril da man do grupo Maricastaña, da Aula de Teatro Universitario de Ourense, que, baixo a dirección do dramaturgo Fernando Dacosta, representará a obra As cidades agochadas, unha viaxe por cidades “da memoria, do desexo, da morte, do poder…”. O día 19 será a quenda da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela que, neste caso, porá en escena Observacións sobre a felicidade, unha obra colectiva  dirixida por Roberto Salgueiro na que se fala sobre a felicidade, tratando de definila, intentando desentrañar os seus mecanismos…