DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras máis dun ano de parón, volveron ao Teatro Vidal Bolaño as representacións en directo

Éxito de público nun agardado regreso ao campus da Miteu

A mostra continuará o mércores 28 coa Aula da Universidade de Santiago de Compostela

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 23/04/2021

A Aula de Teatro Universitaria de Lugo, dirixida por Carmen Conde, foi a encargada de levantar o pano este xoves da XXIII Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu, unha edición moi agardada tras máis dun ano sen representacións en directo no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria. Gardando as distancias de seguridade e con todas as butacas completas –o mércores xa se esgotaran-, o público puido volver a gozar das representacións en directo coa obra A Emperadora, escrita e dirixida pola propia Carmen Conde.

A formación teatral do Campus de Lugo, cuxo renovado elenco de actores está formado este curso por Adrián Valdés, Ángela Oliveira, Julia Lacleta, Lucía Parga, María Rodríguez, Mariña Pena, Martina Godoy e Michael Pereira, transportou ao público vigués á vida nunha aldea do rural profundo de Lugo, rutina que se ve alterada pola morte dunha das súas veciñas e o seu velorio, ao que se achegan xentes de toda a comarca para darlle a despedida. Lonxe de tratarse dunha persoa especialmente querida, veñen atraídos polos rumores de como vai vestida e, finalmente, o velorio convértese en  toda unha oportunidade de redescubrir á nai, a través das anécdotas que van escoitando da defunta as fillas... Unha comedida negra baseada en feitos reais que, a xuízo da súa autora, só podería ter acontecido en Galicia.

Para delimitar as butacas nas que podían sentarse cada unha das 49 persoas que se inscribiron para ver a obra -espazo adaptado á normativa covid-, a organización marcou as cadeiras con algunhas das caretas ilustradas por Marta Riera, exprofesora da Facultade de Belas Artes, para a campaña Bravas, que arrancou en 2019 con motivo do 11 de febreiro, Día internacional da muller e a nena na Ciencia, co obxectivo de darlles visibilidade a mulleres científicas, investigadoras e inventoras con traxectorias vitais paradigmáticas nas que se observan trazas de inxustiza e discriminación no ámbito da ciencia (o chamado ‘efecto Matilda’), pese á importancia e á relevancia das súas achegas e descubrimentos.

As representacións continúan o mércores 28 coa aula da USC

Tras o éxito desta primeira representación, o teatro volverá ao campus o vindeiro mércores día 28, nesta ocasión da man da Aula de Teatro Universitaria da Universidade de Santiago de Compostela que, dirixida por Roberto Salgueiro, porá en escena A casa da Forza 2, 52-88, unha peza centrada nun traballo dramatúrxico das páxinas 52 a 88 do texto de Angélica Liddell La casa de la fuerza (Ediciones La uÑa RoTa, 2011, Segovia). 

As persoas interesadas en acudir ás representacións deben reservar a butaca enviando un correo electrónico a extensión@uvigo.gal ou a través do teléfono 986.813.626 ata as 13.00 horas do día da función. A capacidade do Teatro Vidal Bolaño está agora limitada a 49 butacas e, en cada función farase unha listaxe das persoas asistentes que se gardará durante un mes por se fose necesario localizar a alguén.