DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras vencer 1-5 ao Recatelo Campus Terra de Lugo na primeira rolda da División de Honra

O EXP-Universidade de Vigo inicia a liga como líder

O obxectivo é loitar de novo polo título autonómico

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 29/01/2019

Deu comezo unha nova tempada nas competicións autonómicas de xadrez e, na División de Honra, as cousas non puideron empezar mellor para o Escola de Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Estratexia pola Paz, que na primeira rolda da competición logrou unha contundente vitoria, por 1-5, fronte ao Recatelo Campus Terra de Lugo, o que converte ao equipo pontevedrés no primeiro líder da competición. 

Na casa dun equipo que vén de ascender á máxima categoría autonómica e que nesta primeira rolda só aliñou a un dos oito internacionais cos que conta nas súas filas, o equipo visitante foi quen de obter un valioso resultado a pesares de enfrontarse a un “total descoñecido”, nun deporte no que a información e análise dos rivais é un factor moi importante”, como lembra o capitán do EXP-Universidade de Vigo, o mestre internacional Pablo García. Nos tres taboleiros de brancas, tanto Daniel Rivera, como David García e Miguel Rodríguez aproveitaron esa vantaxe inicial para sumar tres vitorias para o conxunto visitante. Mais complexas foron as partidas nas que os pontevedreses partían coas negras, como a de Alberto Portela, quen padeceu o xogo lento e de control do seu rival e finalizou en empate a súa partida, ao igual que lle aconteceu a Pablo García, quen, a pesares de lograr neutralizar a iniciativa do seu rival, omitiu unha última xogada de defensa que lle levou a un empate ineludible. Si puido sumar a vitoria coas pezas negras Rubén Fernández, nunha partida “na que o rival secou case por completo a posición”, pero na que este novo talento, en lugar de conformarse coas táboas, foi quen, tomando riscos, de forzar un erro do seu rival e facerse coa vitoria.

O obxectivo, loitar polo campionato

Campións en 2017 e cuartos en 2018, o equipo universitario loitará nesta tempada 2019, por volver situarse no máis alto do xadrez galego, nunha competición que deu inicio esta fin de semana e que se estende ata o 27 de abril e que o EXP-UVigo iniciou sumando medio punto máis que o Xadrez Fontecarmoa e o equipo da USC, “equipos que xunto ao Xadrez Ourense, postúlanse a priori, como os máximos aspirantes ao título”, apunta García dunha competición na que “a nómina de xogadores titulados internacionais” que se incorporan aos diferentes equipos segue medrando. No caso concreto do equipo universitario, a nova tempada arrinca coa baixa por cesión do mestre FIDE Miguel Senlle, pero tamén por unha “firme aposta polos talentos novos”, como Rubén Fernández ou Francisco Veiga, “ambos menores de 16 anos e xa no sexteto titular”, salienta o capitán. Xunto a estas dúas promesas, o equipo complétase con universitarios como Alberto Portela, David García, Miguel Silva e Miguel Rodríguez e xadrecistas veteráns como Manuel Pena, Víctor Miguel, Daniel Rivera e o propio Pablo García.

Once equipos en competición

O Escola de Xadrez Pontevedra competirá nesta tempada 2019 cun total de once equipos nas competicións autonómicas, sumándose ao de División de Honra dous equipos na primeira división, cinco en terceira e tres en cuarta. Nesta rolda inaugural, o EXP-UVigo acumulou un balance de seis vitorias e cinco derrotas,mais oito destes once equipos iniciaron a campaña cun enfrontamento directo, ao competir na mesma categoría.