DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras derrotar 4-2 ao Xadrez Ourense, amplía a súa vantaxe á fronte da División de Honra

O EXP-Universidade de Vigo, a un paso de proclamarse campión galego

O vicerreitor do campus recibiu á alumna e subcampioa de España de taekwondo Myriam García 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 01/04/2019

A falta de dúas xornadas para o remate da Liga Galega de Xadrez na súa División de Honra, o Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Estratexia pola paz deixou esta fin de semana practicamente sentenciado o título autonómico. O equipo universitario sumou unha valiosa vitoria por 4-2 fronte ao Xadrez Ourense, que ocupaba o terceiro posto da clasificación, o que sumado á derrota por 0-6, diante do Xadrez Verín, do USC, fan que a súa vantaxe á fronte da clasificación aumente ata os 7,5 puntos, situando ao equipo universitario a un paso do título autonómico que xa lograran en 2017.

Nun duelo que de presumía clave para decidir o gañador da máxima categoría do xadrez autonómico, o EXP-Universidade de Vigo arrincou con boas sensacións, cos seus tres xogadores de brancas presionando e os de negras neutralizando a iniciativa rival. Mais, como se prevía, a igualdade definiu o enfrontamento que tivo lugar na Casa da Luz, que pasadas catro horas comezou a decantarse do lado local. Alberto Portela foi o primeiro en sumar para os pontevedreses, pechando en táboas a súa partida ante o mestre internacional portugués André Sousa; táboas as que acto seguido se engadía o empate colleitado por Rubén Fernández, tras remontar unha posición de clara desvantaxe.

A primeira vitoria local chegou de mans do mestre internacional Daniel Rivera, quen tras este triunfo empata con Rubén Fernández como máximo anotador da liga, ambos con oito puntos de nove posibles. O capitán do EXP-Universidade de Vigo, Pablo García, fixo valer a súa experiencia e técnica nos momentos finais para sumar medio punto máis coas súas táboas ante a mestra internacional e ex-campioa de España absoluta Yudania Hernández. Nunha situación similar, Víctor Miguel acadou o cuarto empate da contenda, nunha tarde que pechou a vitoria de Francisco Veiga, nunha partida na que estivo contra as cordas, pero na que o xadrecista do equipo universitario soubo resistir e agardar os erros do rival que lle permitiron facerse co triunfo final.

Con oito vitorias e un empate en nove xornadas, o equipo universitario suma un total de 38,5 puntos, ampliando a súa vantaxe á fronte da clasificación, na que Círculo Ferolano e Xadrez Ourense comparten segundo posto con 31, seguidos á súa vez polo equipo da USC e o Xadrez Rianxo con 30,5. O vindeiro sábado 6 de abril, o equipo pontevedrés visitará a casa do Círculo Chantadino Dragan Paunovic na penúltima xornada de liga, na que podería lograr xa matematicamente o campionato galego, que sería o quinto para o Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo.

O campus celebra os éxitos das e os seus taekwondistas

Tres medallas de ouro, catro pratas e un bronce foi o balance co que, o pasado mes de marzo, retornaron do Campionato de España absoluto de taekwondo os deportistas e estudantes da Universidade de Vigo Iván García, Miryam García, Laura Vázquez, Alejandro Losada e Marcos Silva. Co propósito de pór en valor os seus logros e esforzos, o vicerreitor do campus, Jorge Soto, recibiu este luns na sede da Vicerreitoría a Miryam García, a quen fixo entrega dunha serie de agasallos para ela e os que son tamén os seus compañeiros e compañeiras no equipo co que a Universidade competirá en maio no Campionato de España Universitario. “Sabemos do voso esforzo, do dobre traballo que é levar á vez os adestramentos e os estudos”, sinalou Soto, quen agradeceu a estes deportistas “a representación que facedes da Universidade”.

Alumna de Fisioterapia, García lograba en Alacante o seu maior logro en categoría absoluta, a prata na modalidade de combate en -62 quilos, nunha competición na que estivo a piques mesmo de alzarse co ouro, xa que o seu enfrontamento contra a catalá Natalia Moreno na final estivo marcado pola igualdade e decidiuse no punto de ouro. “O ano pasado perdín en primeira xorda, xusto coa deportista coa que perdín a final e realmente non ía con moitas ilusións, pese que me atopaba ben de sensacións e estaba adestrando ben”, recoñece esta alumna e deportista dun subcampionato, que recoñece tamén como unha inxección de “ánimo para volver adestrar forte” de cara a futuras citas como o propio Campionato de España Universitario, no que o seu obxectivo é loitar de novo polo ouro que xa acadou en 2018.