O club participa con 20 equipos nas diferentes categorías do torneo autonómico
O EXP-UVigo competirá con máis de 200 deportistas na Liga Galega de Xadrez
Disputarán as partidas como locais na Facultade de Comunicación
Un total de 20 equipos, conformados por 208 deportistas con idades comprendidas entre os 6 e os 74 anos, representarán ao Escola Xadrez Pontevedra–Universidade de Vigo nas diferentes categorías da Liga Galega da Xadrez neste 2025. Coa Facultade de Comunicación como nova sede, o torneo autonómico botou a andar esta fin de semana, na que o primeiro equipo do club arrancou a tempada na División de Honra, máxima categoría do xadrez autonómico, cunha vitoria por 4-2 fronte ao Xadrez Padrón-EX Compostela. Con Pablo García como capitán, o Xadrez: Estratexia pola Paz loitará polo seu sexto título autonómico nunha tempada na que a principal novidade é a incorporación ao equipo dos irmáns portugueses Martins dos Santos Ribeiro.
Tamén comezou a competición autonómica para o Ramón Escudeiro Tilve, representante do EXP-UVigo na nova categoría de Preferente, neste caso cunha derrota fronte ao Mos A por 6-0. O club contará tamén cun equipo en Primeira División, que iniciou cun empate a liga autonómica, outros tres en segunda e seis en terceira, entre os que se atopa un equipo feminino que duplica nesta tempada o número de xogadoras. Finalmente, outros oito equipos tomarán parte na competición de Cuarta División, que iniciará a competición no mes de abril.
Ao abeiro da colaboración entre a Vicerreitoría do campus de Pontevedra e o EXP, a Facultade de Comunicación será sede esta tempada das roldas nas que os diferentes equipos do club exerzan como locais. Previamente, o Pavillón Universitario xa fóra sede, o pasado 4 de xaneiro do Torneo Internacional Campus Universitario de Pontevedra – Memorial Ramón Escudeiro Tilve e este á súa vez verase sucedido no verán pola disputa do XIII Torneo Internacional Cidade de Pontevedra.